Como tería sido a reacción social á catástrofe do Prestige de haber redes sociais nese momento? Nunca o saberemos, pero en Praza.gal propoñemos facer unha viaxe no tempo
Que facías o 13 de novembro de 2002? Pouco despois das tres da tarde un petroleiro chamado "Prestige" lanzou unha mensaxe de socorro ao presentar unha vía de auga no seu casco. Pode que nas primeiras horas moita xente non lle emprestase demasiada atención ás noticias que se ían coñecendo sobre o buque. Eran moitos os barcos con mercadorías perigosas que de cando en cando presentaban problemas a poucos quilómetros da costa galega.
Porén, nos días seguintes todo o mundo soubo da existencia deste barco e coas informacións que se ían coñecendo (ás veces incompletas, minimizadas ou mesmo ocultadas) seguiuse o errático percorrido do buque polo litoral galego, a situación das manchas de fuel que ameazaban a costa e nos últimos días de novembro a conta atrás que precedeu á chegada da gran marea negra a todas as rías galegas.
Durante as vindeiras semanas iremos relatando a través da conta @Prestige20anos o día a día do desastre ecolóxico e da posterior mobilización social
No ano 2002 non había Twitter nin ningunha das redes sociais que hoxe coñecemos. O uso de Internet, de feito, estaba moi pouco estendido. Comunicabámonos por SMS, iso si, tamén por correo electrónico. Mirabamos a cobertura que dos feitos ía facendo Vieiros.com e as informacións que o CEDRE francés ou a prensa portuguesa sobre a evolución da marea negra, que moitas veces desmentían as versións oficiais dos gobernos galego e español.
Trátase dunha iniciativa pensada para quen non o viviu e tamén para aqueles e aquelas que si estaban alí, traendo ao presente o que pasou neses días e dándolle valor á hemeroteca do sucedido hai vinte anos
Como tería sido a reacción social á catástrofe do Prestige de haber redes sociais nese momento? Nunca o saberemos, pero en Praza.gal propoñemos facer unha viaxe no tempo. Durante as vindeiras semanas iremos relatando en Twitter a través da conta @Prestige20anos o día a día do desastre ecolóxico e da posterior mobilización social. A evolución do barco, as declaracións dos políticos, as primeiras críticas pola falta de medios, as primeiras manchas de fuel na costa ou a organización do movemento Nunca Máis. Unha reconstrución minuto a minuto.
Trátase dunha iniciativa pensada para quen non o viviu e tamén para aqueles e aquelas que si estaban alí, traendo ao presente o que pasou neses días e dándolle valor á hemeroteca do sucedido hai vinte anos, facendo fincapé nos heroes e heroínas que se ergueron ante a catástrofe e tamén naquelas voces que durante semanas traballaron por ocultar o que estaba a suceder.