Capitanía Marítima de Vilagarcía, que coordina o operativo, está a investigar a orixe da vertedura
Unha mancha de fuel de máis dun quilómetro de lonxitude detectada na tarde deste martes na boca da ría de Arousa mobiliza desde ese momento diversos medios materiais e humanos tanto estatais como galegos, que intentan evitar que se estenda.
A mancha, entre Ribeira e a illa da Rúa, que oscilaría entre 1,3 e 1,5 quilómetros de longo e entre 400 e 500 metros de ancho, segundo diversas cifras comunicadas pola Xunta e o Goberno central, foi detectada contra as dúas da tarde deste martes por un avión estatal de Salvamento Marítimo en voo de recoñecemento. Tanto o Goberno central, competente neste tipo de vertedura cando se producen no mar, como a Xunta, competente cando chegan a terra, mobilizaron diversas embarcacións para tentar contela.
O Goberno central, que activou a fase 1 de emerxencia do Plan Marítimo Nacional de resposta ante a contaminación marítima, está a actuar a través da Capitanía Marítima de Vilagarcía, que coordina un operativo no que interveñen buques contratados pola Autoridade Portuaria de Vilagarcía e efectivos de Salvamento Marítimo, encabezados polo buque Don Inda. Capitanía Marítima di estar “investigando a posible orixe do derrame mediante a análise da mancha, a súa situación e tipoloxía”.
Pola súa banda, a Xunta activou o nivel 2 ou medio de emerxencia do Plan Territorial de Contaminación Mariña Accidental e desprazou á zona os buques Irmáns García Nodal e Paio Gómez Chariño e as patrulleiras Punta Falcoeiro e Punta Roncadoira con persoal do Servizo de Gardacostas. Como medida preventiva, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) estableceu tamén un peche cautelar no único polígono de bateas que estaba aberto na zona, o Ribeira B.