A censura non baixa o Miño coma os sumarios xudiciais

O alcalde de Ourense, en primeiro plano, sobre imaxes de protagonistas da actualidade política e xudicial presente e pasada CC-BY-NC-SA Praza.gal

Coas obvias diferenzas de dimensión e contexto, o ambiente político e mediático pola imputación de Zapatero e a literatura xurídico-policial que a sustenta queren lembrar o acontecido na Galicia da pasada década cos casos Campeón e Pokémon

O auto da Audiencia Nacional que cita como investigado por tráfico de influencias e varios "delitos conexos" máis ao ex-presidente José Luis Rodríguez Zapatero no coñecido como caso Plus Ultra deu lugar a lóxica convulsión política e tamén á enésima marea de filtracións e especulacións sobre o que queda por saír. Coas obvias diferenzas de dimensión -na pescuda contra o ex-presidente está a ser clave a intervención dos EUA- e contexto, á espera da declaración de Zapatero o 2 de xuño e do posible sustento das acusacións en probas, o ambiente político e mediático xerado no Estado e a literatura xurídico-policial que a sustenta queren lembrar o acontecido na Galicia da pasada década cos xulgados de Lugo como epicentro.

Dos tribunais sitos na lucense Praza de Avilés emerxeron dous macro sumarios por delitos de corrupción, Campeón e Pokémon, que entrelazaban intereses de empresarios presuntamente corruptores e supostos pagamentos a políticos sinalados como corruptos. As xuízas Estela San José e Pilar de Lara, respectivamente, lanzaron decenas de imputacións que alimentaron un clima político e institucional próximo á psicose mentres moitos medios se inundaban de retallos do sumario, informes da Policía Xudicial ás veces certeiros e outras non tanto e ruxerruxes sobre o que queda por saír

Edificio xudicial en Lugo e recreación de fragmentos do auto que en 2022 resolveu o arquivo da causa do suposto financiamento ilegal de partidos mediante a trama Pokémon CC-BY-NC-SA Praza.gal

Aqueles casos acabaron con algunhas -moi poucas- condenas e, especialmente a operación Pokémon, desembocou -tras a sanción do Poder Xudicial á instrutora- en sonoros arquivos moitos anos despois en casos que foron tendendo ao esquecemento entre apelacións á aprendizaxe sobre sinalamentos prematuros. Mesmo nalgunhas redaccións aumentaron as prevencións á hora de asumir en letra grosa como certezas o que poden ser máis ben sospeitas. Pero as consecuencias políticas daqueles anos de últimas horas xudiciais, detencións retransmitidas ao vivo e dimisións fulminantes en plena crise económica aínda seguen ben vivas para quen foron acusados e despois, exonerados.

Aqueles casos acabaron con algunhas -moi poucas- condenas e, especialmente Pokémon, desembocou en sonoros arquivos. Pero as consecuencias políticas daqueles anos de filtracións, detencións ao vivo e dimisións fulminantes seguen ben vivas. Sábeno en todas as principais casas políticas e é especialmente obvio en institucións coma o Concello de Ourense

Sábeno ben en todas as principais casas políticas (dende os sucesores de Conde Roa no PP de Santiago á dirección nacional do PSdeG) e é especialmente obvio en institucións coma o Concello de Ourense, onde as imputacións na Pokémon do daquela alcalde socialista, Francisco Rodríguez, e do concelleiro do BNG Fernando Varela derivaron en 2012 en dimisións case instantáneas e na implosión do goberno local de coalición. Unha parte das acusacións a Rodríguez foron arquivadas en 2022 a outra, as que tamén afectaban ao nacionalista Varela, neste mesmo 2026. Case década e media despois.

A repercusión da póla ourensá da Pokémon -na que a xuíza tamén chegara a sinalar o ex-conselleiro de Educación e despois alcalde polo PP, Jesús Vázquez- é clave para entender o ascenso de quen dende 2019 é alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, quen aínda nas últimas municipais axitou a sombra da sospeita cara ao socialista Rodríguez, recuperado polo PSdeG como candidato. Outro dos piares do éxito de Democracia Ourensana foi a súa oposición ao mesmo baltarismo cuxa blindaxe lle valeu hai agora sete anos o seu primeiro acceso á alcaldía.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, reunido co presidente da Xunta no inicio do actual mandato municipal CC-BY-SA Xunta

Pérez Jácome precisamente, tería que ser nunha esfera pública galega máis ampla e sólida un dos protagonistas políticos da semana. Este mesmo venres someteu ao pleno municipal os Orzamentos de 2026, rexeitados polo "non" de PP, PSdeG e BNG, e acto seguido ligounos a unha cuestión de confianza tamén rexeitada por populares, socialistas e nacionalistas. Activou así o mecanismo legal que abre un prazo dun mes para a presentación dunha moción de censura que desbanque o alcalde. En caso contrario, as contas quedarán aprobadas inicialmente no ano previo ás municipais que se celebrarán dentro dun ano, o 23 de maio de 2027. E iso é o que vai pasar.

A repercusión da póla ourensá da Pokémon foi clave no ascenso de Jácome, quen vén de perder a cuestión de confianza ligada aos orzamentos, porta aberta a unha moción de censura imposible a comezar polo PP, que lle permitiu recuncar na alcaldía e que vén de protagonizar unha destas operacións en Lugo

Existen entre poucas e ningunha dúbida de que esa moción de censura, posibilidade explorada e fracasada no inicio do mandato, non é arestora nin unha hipótese na capital ourensá. A comezar polo partido máis numeroso da oposición, o PP, cuxo segundo pacto con DO, forza máis votada nas eleccións municipais de 2023, permitiu a Jácome recuncar na alcaldía a cambio de manter na presidencia da Deputación aos populares, que puideron así iniciar o posbaltarismo dende o poder provincial.

Os conservadores nin contemplan embarcarse nunha censura en Ourense que tombe a Jácome, ás portas dun xuízo por prevaricación por non pedir a compatibilidade coa súa empresa, apenas tres semanas de culminar outra Miño arriba, a que co apoio dunha tránsfuga ex-socialista deu a alcaldía de Lugo a Elena Candia. Na cidade da Muralla o PP apelou á necesidade de saír do que consideraban "parálise" do goberno de PSdeG e BNG, que sumaron maioría absoluta nas urnas en 2023, mediante o que autodefiniron como "moción de impulso". Ese impulso, semella, non é quen de sucar o Miño coa mesma fluidez coa que o fixeran noutrora os sumarios xudiciais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.