Jácome, ás portas dun xuízo por prevaricación por non pedir a compatibilidade coa súa empresa

Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense, no salón de plenos do Concello © Concello de Ourense

O xuíz non cuestiona que o alcalde de Ourense poida compatibilizar actividades públicas e privadas senón que eludiu expresamente pedir permiso ao Pleno, como estaba obrigado, polo que podería levar sete anos cobrando indebidamente

O maxistrado da Sección de Instrución do Tribunal de Instancia de Ourense, praza 1, imputa ao alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, a posible comisión dun delito continuado de prevaricación por non solicitar a compatibilidade entre o seu cargo de rexedor municipal con dedicación exclusiva e o desenvolvemento de actividades profesionais, en especial a dirección dunha televisión local. O xuíz instrutor dá por concluída a investigación e pide á Fiscalía e á acusación particular que formulen escrito de acusación solicitando a apertura de xuízo oral ou o sobresemento da causa.

Gonzalo Pérez Jácome co bastón de mando tras a súa segunda toma de posesión como alcalde de Ourense o 17 de xuño de 2023 © Concello de Ourense

Na resolución, o xuíz matiza que non se cuestiona que o alcalde careza da compatibilidade, senón o feito de que, estando obrigado, non a solicitase. Así, salienta que o número 3 do artigo 13 do regulamento de organización e funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, aprobado por Real Decreto 2568/1986, é "claro e meridiano" ao afirmar que o recoñecemento da dedicación exclusiva dun membro dunha corporación require declaración formal de compatibilidade por parte do pleno da entidade local cando ese membro desempeñe ocupacións marxinais que sexan remuneradas.

O xuíz di que era ao Pleno a quen correspondía valorar a compatibilidade pero que Jácome "desentendeuse por completo" da petición que lle fixo de renunciar ao seu soldo público

"No suposto de autos, é evidente que as actividades que desenvolve o señor alcalde fóra do Concello de Ourense, en especial a dirección de Auria TV, lle supoñen ingresos de certa entidade", destaca o maxistrado no auto, no que recalca que é "evidente" a obriga que ten o alcalde de solicitar a compatibilidade, polo que conclúe que a súa decisión de non instar a declaración de compatibilidade "só obedece ao seu interese particular".

O xuíz asegura que non é axustado á lei que o investigado "realice unha interpretación individualizada e totalmente favorable aos seus intereses, afirmando que non ten obriga de presentar a solicitude de compatibilidade". Por iso, incide en que tería que presentar ante o pleno do Concello de Ourense a cuestión para que valorase se lla recoñece ou non. A iso engade que ao Pleno lle corresponde "valorar se esa explotación pode incluírse dentro do concepto de administración do patrimonio privado ou familiar" e, en caso de discrepancia, afirma que "deberían ser os tribunais da xurisdición contencioso-administrativa os que decidisen".

O xuíz conclúe que a posición do rexedor municipal ao non solicitar a compatibilidade a teor da normativa indicada é "totalmente arbitraria e carecedora do máis mínimo respaldo legal ou xurisprudencial, e iso con independencia de que se lle recoñeza ou non".

A iso, engade que se "desentendeu por completo" do acordo do pleno do Concello de Ourense do 3 de decembro de 2021 no que se instaba ao alcalde a que renunciase ao seu soldo municipal por ser "claramente incompatible", así como do contido do decreto da Fiscalía de Ourense do 13 de maio de 2024 no que lle advertiu "da situación irregular" na que se atopaba. O maxistrado asegura que "o único respaldo do que dispón o señor alcalde" é un informe xurídico/económico "que carece do máis mínimo rigor e, polo tanto, que en nada ampara a súa conduta".

No auto tamén sinala que o rexedor era "consciente da inxustiza que podería xerar esa situación e do grave dano que se lle causaba ás arcas municipais ao cobrar unha cantidade en concepto de salario á que non tería dereito se non se lle recoñece a compatibilidade discutida".

Nese sentido, salienta que se debe ter presente "que é perfectamente posible que durante un período aproximado de 7 anos o señor alcalde viñese cobrando das arcas públicas unha suma á que non tería dereito no caso de que o pleno da corporación ourensá non lle tivese concedida a compatibilidade, cuestión sobre a que non puido manifestarse polo comportamento obstrucionista do alcalde ao non solicitar a compatibilidade".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.