O PP encomenda á tránsfuga de Lugo a comisión de Urbanismo do Concello

A ex-socialista Reigosa, con Candia e edís do PP na conferencia de prensa sobre a conexión da intermodal, este 21 de maio no salón de plenos municipal, que os populares están a empregar tamén como sala de prensa © Concello de Lugo

Un dos múltiplos efectos da moción de censura coa que o PP logrou a alcaldía de Lugo grazas ao apoio da tránsfuga ex-socialista María Reigosa é que, a un ano das eleccións municipais -que se celebrarán o 23 de maio de 2027-, o Concello transite polos ritmos e demoras habituais do inicio dun mandato. Ao remudar a alcaldía e a cor política do goberno cómpre a obvia aterraxe de quen levaba 27 anos na oposición, máis aínda ao situar na alcaldía unha dirixente allea ao consistorio ata 2023, e son indispensables tamén trámites como o reparto de competencias entre edís, o pleno de organización ou a reconstitución dos órganos que dependen del, as comisións.

Candia multiplica os xestos para outorgar protagonismo á ex-socialista Reigosa tras ditar un decreto para procurar blindaxe legal á súa participación no goberno local

En todos estes trámites o gabinete agora dirixido por Elena Candia está a outorgar protagonismo especial á concelleira tránsfuga coa que alteraron a maioría absoluta lograda por PSdeG e BNG nas urnas. Primeiro, ditando un inédito decreto para procurar blindaxe legal á súa participación no goberno como "Supervisora de Infraestruturas" tentando esquivar o artigo da Lei de Bases de Réxime Local e as sentenzas xudiciais derivadas dela que impiden dar a edís non adscritos como a concelleira tránsfuga de Lugo "dereitos económicos e políticos superiores aos que lles corresponderían se permanecesen no grupo de procedencia". E agora, encomendándolle a presidencia da Comisión de Urbanismo.

Constitución das comisións municipais do Concello de Lugo, coa edil tránsfuga sentada ao carón de Candia na mesa presidencial da sesión © Concello de Lugo

Estas comisións son órganos con participación de todos os grupos que tratan asuntos que despois chegan ao pleno, tanto iniciativas do goberno como da oposición. A que Candia entrega a Reigosa trata Urbanismo, Mobilidade, Obras e Zona Rural. Dáse a circunstancia de as competencias de Zona Rural son as que as que o agora ex-alcalde socialista, Miguel Fernández, entregou a Reigosa como concelleira delegada tras a súa chegada ao grupo de goberno como substituta do falecido Pablo Permuy. Apenas dous meses despois renunciara a elas alegando, entre outros desacordos, o seu incomodo coa área.

"Evidencia a existencia de pagamentos políticos derivados da moción de censura", advirte o ex-alcalde Miguel Fernández. "Candia segue presa dunha tránsfuga" mesmo "relegando a un segundo plano" a membros do propio PP, advirte o BNG

Para o agora voceiro do grupo do PSdeG, esta presidencia da Comisión de Urbanismo é "profundamente reveladora" e "evidencia de maneira clara a existencia de pagamentos políticos derivados da moción de censura" cos que Candia tenga "regatear o espírito" da devandita norma antitransfuguismo. Situar unha tránsfuga "á fronte dunha comisión tan relevante é, coida Fernández "insultante para a cidadanía" e mesmo "dificilmente asumible para os propios concelleiros do Grupo Municipal Popular".

O BNG local considera "lamentable" a nova mostra de que "Candia segue presa dunha tránsfuga". Mesmo "relegando a un segundo plano" edís do PP "que se encargaron destes asuntos" mentres estiveron na oposición, sinala Alexandre Penas, concelleiro de Infraestruturas ata a moción de censura. 

A concelleira tránsfuga, recibindo no despacho da Alcaldía xunto a Candia ao decano do colexio de Enxeñaría de Camiños © Concello de Lugo

A designación de Reigosa como presidenta da Comisión de Urbanismo chega apenas unha semana despois de que Candia a situase no asento da mesa da presidencia do pleno historicamente reservado á Tenencia da Alcaldía e mentres a agora rexedora a incorpora a reunións da Xunta de Goberno, encontros con veciñanza e mesmo comparecencias públicas, como a presentación do proxecto para conectar a estación intermodal co centro da cidade mediante un elevador e unha pasarela mecánica. Neste sentido, Miguel Fernández advirte do intento do PP por "apropiarse de proxectos que non ideou", caso desta "conexión estratéxica" que o goberno da esquerda deixou "encamiñada".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.