O Concello de Lugo celebrou este 15 de maio un pleno de organización. Trátase dunha sesión preceptiva no inicio dos mandatos que no caso do consistorio lucense, que viviu un cambio na alcaldía en 2024 pola renuncia de Lara Méndez e outro en 2025 pola morte de Paula Alvarellos, vén de reproducirse por efecto da moción de censura do PP cunha concelleira tránsfuga para desbancar o socialista Miguel Fernández e situar no seu lugar á popular Elena Candia.
O Concello lucense celebra o pleno de organización tras a moción de censura coa agora "Supervisora de Infraestruturas" situada á dereita de Candia nunha recolocación para a que os populares procuraron tamén blindaxe legal
Entre os asuntos tratados por esta sesión plenaria estivo a dación de conta do decreto de organización ditado pola Alcaldía, o reparto de áreas entre o equipo de Candia. E o mesmo trámite para outro decreto, este inédito, o que nomeou a ex-socialista María Reigosa como "Supervisora de Infraestruturas" do goberno do PP procurando ao tempo unha blindaxe legal fronte á normativa que impide gañar "dereitos económicos e políticos" a edís non adscritas como a tránsfuga, situada pola agora alcaldesa no escano da mesa de presidencia do pleno que ata agora ocupaba o tenente da alcaldía, Rubén Arroxo, do BNG.
Esa simbólica colocación no pleno, á dereita de Candia, tentou blindala tamén o PP no devandito decreto redactado para Reigosa. Así, determinou que a concelleira tránsfuga, ata agora situada na bancada de socialistas e nacionalistas, ocupe "o asento que determine a alcaldía (...) tendo en conta as características físicas do salón e procurando facilitar a emisión e reconto do voto", matizando a continuación que a recolocación ten "carácter meramente organizativo e protocolario, sen efectos xurídicos sobre o seu estatuto de concelleira non adscrita" nin "pertenza ao equipo de goberno". Noutro punto o texto evidencia que non foi nomeada formalmente "tenente de alcaldesa" quen, no web municipal, figura agora na relación de "áreas de goberno" co rótulo "concelleira non adscrita" no lugar onde para o resto de membros figura o nome da súa concellería.
Os populares asignan a PSdeG e BNG os mesmos recursos económicos dos que dispuñan eles mentres foron grupo único da oposición e salientan unha "redución do gasto político" por haber menos edís do goberno con soldo municipal, aínda que dous seguirán con salario da Deputación e do Parlamento, e aumentan o pago por asistencias
Dende esa posición na presidencia emitiu xa este venres un voto que é imprescindible para que os populares (12 votos) saquen adiante calquera asunto fronte a PSdeG (7 votos agora, tras a marcha de Reigosa) e BNG (5). A comezar pola aprobación das comisións do pleno e asignación de recursos económicos aos grupos.
Nesta última cuestión puxo o foco o PP para asegurar que vén de "reducir nun 40% o gasto político" ao haber menos membros do goberno con soldo do Concello -duns 800.000 a uns 500.000 euros anuais-, se ben non é menos certo que parte do equipo de Candia seguirá recibindo salarios doutras institucións, caso do agora primeiro tenente da Alcaldía, Antonio Ameijide, tamén voceiro do PP na Deputación, ou da agora concelleira de Dinamización Económica, Cristina Sanz, que continúa como deputada no Parlamento. A conta deste soldos non inclúe salarios de persoal asesor nin a suba das indemnizacións por asistencia s a plenos (de 100 a 250 euros) e comisións e Xunta de Goberno (de 100 a 150) para edís sen salario municipal.
Mentres, quen nos meses que restan de mandato exercerán a oposición, PSdeG e BNG, disporán dos recursos que tiña o PP mentres foi o único grupo nese rol. Para quen foi alcalde ata a censura, Miguel Fernández, o PP "divide entre dous grupos os recursos dun" para tentar "dificultar o noso traballo, o cal xa adianto que non vai lograr" mentres somete o Concello a unha "degradación institucional sen precedentes" para "pagar politicamente o voto que fixo posible a moción de censura" ao "erixir a tránsfuga como supervisora da nada" nunha operación que "carece de sentido administrativo" e "xera dúbidas sobre a seguridade xurídica da Administración municipal".