A un ano do inicio da campaña dos comicios locais, o día grande das festas compostelás acolle as tradicionais visitas das forzas políticas entre mensaxes que ollan ás urnas, dende o aplauso de Pontón ao labor do goberno de Goretti Sanmartín a Rueda sinalando a Verea como candidato
O 14 de maio de 2027 será o segundo venres da campaña das eleccións municipais, que principiará na media noite do 6 ao 7 de maio, na que remate o día grande das Festas da Ascensión, a celebración que marca a primavera festiva en Santiago e cuxa data depende da Pascua, dependente á súa vez do calendario lunar. Este pasado xoves, 14 de maio, a un ano vista desa transcendental campaña foi Día da Ascensión, xornada festiva na capital galega co tradicional arrecendo a polbo na contorna de Santa Susana, pero tamén á esa cita coas urnas de dentro de doce meses.
O Día da Ascensión ten moitas imaxes clásicas. Entre elas, a de líderes das principais forzas políticas, de ámbito local pero tamén galego, paseando na mañá entre as atraccións da Alameda e xantando despois o polbo baixo os toldos. Este ano non foi unha excepción: a alcaldesa e os grupos da oposición non faltaron á cita con mensaxes que non só se len en clave de Ascensión 2026, senón tamén (se cadra, sobre todo), de municipais 2027.
A rexedora, Goretti Sanmartín, incluíu na súa habitualmente intensa axenda a visita á Alameda en compaña de membros do goberno local e tamén da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen aproveitou para "destacar o traballo do goberno municipal". "A alcaldesa leva tres anos endereitando o rumbo da cidade malia os atrancos dunha oposición destrutiva", considerou, como líder do Bloque pero tamén "como veciña de Compostela". Sanmartín -con quen tamén compartiu viaxe na nora da feira- "está dando o mellor de si para mellorar a cidade e impulsar proxectos que a transforman", di.
Esas mensaxes cara á oposición tiñan como destino principal -aínda que non exclusivo- a un PP local cuxa comitiva acudiu á Alameda encabezada polo presidente do partido e da Xunta, Alfonso Rueda. Entre a igualmente adxudicación de "parálise" que adoita dedicar aos municipios sen goberno popular, Rueda aproveitou para lanzar un recado en clave interna e mediática, sinalando ao actual voceiro municipal do partido, Borja Verea, como candidato tamén en 2027.
"Seguiremos traballando para que no 2027 sexa o alcalde de Santiago", sinalou Rueda, flanqueado polo edil compostelán e, da outra beira, pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, antiga edil na cidade na etapa de Gerardo Conde Roa a quen os ruxerruxes políticos levan meses situando como potencial cabeza de cartel o ano vindeiro. O PP de Santiago, mantén Rueda, seguirá achegando "sentidiño".
As expectativas de Verea dependen, entre outros moitos factores, do xeito en que concorra ás municipais a esquerda alén BNG, a comezar polos movementos dun PSdeG arestora enfraquecido tras a expulsión en 2025 de catro dos seis membros do seu grupo municipal. O partido estivo tamén na Ascensión este 14 de maio con José Ramón Gómez Besteiro á fronte. Nun "día de festa" considerou que "non toca" abordar a gran cuestión, quen encabezará unha candidatura socialista na que "o importante é o proxecto" centrado "no que nos obsesiona, que é devolverlle a Compostela o seu peso, a súa forza" porque "merece máis".
O grupo de Non Adscritas -os ex-edís do PSdeG- confirmaba a primeiras horas do día que non ía "poder compartir mesa coas nosas veciñas e veciños". A razón, explican, foi a morte do irmán da concelleira Mercedes Rosón.
Pola banda esquerda electoral corre tamén Compostela Aberta, membro do actual goberno de coalición. A tenente da alcaldía, María Rozas, e o resto de membros da formación compatibilizou na xornada o rol institucional coa visita á Alameda. No tradicional xantar en torno ao polbo estivo acompañada por, entre outros, referentes de Sumar Galicia e mais polo líder de Anova e ex-alcalde, Martiño Noriega.