Santiago avanza nun parque público de alugueiro coa rehabilitación de edificios abandonados

Rúa da Caramoniña, nunha imaxe de arquivo © Concello de Santiago

O Concello de Santiago vai rehabilitar cinco edificios de propiedade municipal na rúa da Caramoniña, nun dos laterais do Parque de Bonaval

A diferenza do que sucede noutros territorios do Estado e, sobre todo, noutros países de Europa, Galicia ten moi pouca vivenda pública en alugueiro. Os últimos datos do IGE, correspondentes ao ano 2025, reducen a 3.156 as vivendas alugadas en Galicia que son propiedade dalgunha administración pública (menos do 2% do total de fianzas depositadas legalmente), a maior parte correspondente á Xunta, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) e algunhas máis do Concello da Coruña. A falta de construción e rehabilitación de vivenda por parte do Goberno galego nos últimos 15 anos explica en parte estas cifras tan reducidas.

Para paliar esta carencia e impulsar o alugueiro social. O Concello de Santiago vai impulsar un proceso para crear un parque público de vivenda municipal en alugueiro a través da rehabilitación de edificios abandonados. Será na rúa da Caramoniña, nun dos laterais do Parque de Bonaval, onde se van rehabilitar cinco edificios de propiedade municipal. 

Rúa da Caramoniña, nunha imaxe de arquivo © Concello de Santiago

O Concello de Santiago quere "dar exemplo como administración pública", destaca o concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás

A Xunta de Goberno Local adxudicou este luns a redacción do proxecto básico, proxecto de execución, estudo de seguridade e saúde e dirección facultativa das obras por un total de 50.000 euros. O investimento total prevese que supere os 931.000 euros. Os cinco edificios municipais non están catalogados pero son representativos da arquitectura popular. Un deles está na parte máis baixa da rúa da Caramoniña e outros catro están agrupados na parte máis alta desta. 

As cinco edificacións que serán rehabilitadas suman 587 m2 construídos e están situadas nunha parcela de 1.875 m2 de superficie, cualificada como equipamento público asistencial, que o Concello obtivo en 2005 por cesión obrigatoria polo desenvolvemento da unidade de execución U-4 do Plan especial da cidade histórica (edificios residenciais deseñados por Víctor López Cotelo). 

A actuación busca “avanzar na creación dun parque municipal de vivenda en alugueiro na cidade histórica a través da rehabilitación do patrimonio abandonado”

En rolda de prensa, o concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás, destadou que esta actuación terá varios efectos positivos". O primeiro será  o de "dar exemplo como administración pública". Lestegás indicou tamén que esta actuación permitirá recuperar tamén bens representativos da arquitectura popular, mellorar o estado da rúa da Caramoniña e “avanzar na creación dun parque municipal de vivenda en alugueiro na cidade histórica a través da rehabilitación do patrimonio abandonado”.

O concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás, e a portavoz do goberno, Míriam Louzao © Concello de Santiago

Os prazos deste contrato son tres meses desde a sinatura do mesmo para o proxecto básico; e dous meses para redactar o proxecto de execución e o estudo de seguridade e saúde. O prazo de dirección da obra é simultáneo á execución da mesma e, unha vez rematada e da recepción, hai un prazo dun mes para o libro do edificio. En total, prevese unha duración de contrato de dous anos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.