PP e non adscritos frean o cambio de nome do colexio Apóstolo Santiago aprobado pola comunidade educativa

Fachada do CEIP Apóstolo Santiago, nunha imaxe de arquivo CC-BY-NC-SA Praza.gal

A reclamación de chamar CEIP da Almáciga ao actual colexio Apóstolo Santiago partiu da asociación de nais e pais e, tras "dous cursos de reflexión, debate e participación" recibiu apoio unánime do Consello Escolar

O "non" do PP e a abstención dos catro edís non adscritos -antigos integrantes do grupo do PSdeG ata a súa expulsión en 2025- freou este xoves no pleno do Concello compostelán a mudanza de nome do colexio Apóstolo Santiago da capital galega por CEIP da Almáciga, topónimo do barrio no que se atopa. O trámite precisaba saír adiante por maioría absoluta para chegar á Consellería de Educación, á que a lei atribúe a competencia final de decidir se acepta ou non a petición da comunidade educativa.

A reclamación partiu do propio centro, cuxa asociación de pais e nais (ANPA) lembraba esta semana que a proposta foi o "resultado de dous cursos escolares de reflexión, debate e participación". Culminaba o pasado decembro, coa aprobación por unanimidade do Consello Escolar, "seguindo estritamente o procedemento previsto na normativa vixente" e expresando "un consenso transversal" que, reclamaban, debía ser "respectado" no pleno municipal.

Un intre do pleno do Concello de Santiago, este 26 de febreiro, reunido na sede do Consello da Cultura polas obras no Pazo de Raxoi © Concello de Santiago

A dirección do centro fixo tamén seus estes argumentos ao inicio dun pleno que chegou precedido por unha sonora campaña contra a petición da ANPA en ámbitos da dereita política e mediática. Nesta liña, nos días previos á votación o voceiro do PP local, Borja Verea, ligou a proposta de mudanza a "un perigoso proceso de eliminación de todo o que significa Santiago de Compostela" que atribuíu persoalmente á alcaldesa, Goretti Sanmartín (BNG), descualificada polo conservador como "alcaldesa anti Santiago" dun goberno centrado no "ataque" ao "compostelanismo".

O PP liga a proposta a "un perigoso proceso de eliminación de todo o que significa Santiago de Compostela" que atribúe á alcaldesa, Goretti Sanmartín. Para o goberno local, o voceiro dos populares "falta ao respecto á comunidade educativa, ao barrio e á intelixencia"

Neste contexto, dende o goberno local a súa voceira, Míriam Louzao, lamentou que o que debera ser un trámite "normal" no pleno virase nunha caste de "conspiración de nacionalistas que son o demo" por parte do PP, aínda que isto implique "faltar ao respecto á comunidade educativa, ao barrio e á intelixencia". Verea, pola súa banda, reafirmouse na negativa asegurando que "o nome dunha escola non pertence á comunidade educativa", que ten a "lexitimidade de propoñer" pero non a de "decidir" sobre un asunto con "profunda carga simbólica, sentimental e política".

Encadra Verea a cuestión na necesidade de defender "o nome da nosa cidade". E mentres, acusa, o goberno liderado polo BNG apoia a mudanza porque só se ocupa de "bandeiritas, manifestacións de domingo e colocar os amigos"

Páxinas do informe elaborado pola ANPA do CEIP Apóstolo Santiago para xustificar a mudanza de nome por CEIP da Almáciga © ANPA CEIP Apóstolo Santiago

A petición da comunidade educativa contou co voto a prol do Bloque e tamén do seu socio de goberno, Compostela Aberta. Asemade, obtivo o "si" dos dous edís do PSdeG, cuxo voceiro, Gumersindo Guinarte, subliñou que á formación lle "serve" tanto o nome actual coma o proposto e xustificou o seu apoio no feito de ser unha "demanda da comunidade educativa que vén de lonxe".

"Tratar de trasladar unha confrontación partidaria ao ámbito escolar é alleo á comunidade educativa e só busca deslexitimar un proceso formal e transparente", lamentaba a ANPA na véspera da votación no pleno, cuxo apoio era imprescindible para trasladar a iniciativa á Xunta, da que dependería a decisión final

Pero a balanza ficou desequilibrada de vez pola abstención dos non adscritos. No seu nome o concelleiro Gonzalo Muíños asegurou estar a "favor da convivencia de ambos nomes", mesmo de renomear o centro como CEIP da Almáciga - Apóstolo Santiago. Ao seu xuízo, o debate político sobre a proposta é a mostra de que non xera "consenso" e ademais, considera, podería sentar "un precedente" para outros centros educativos nun contexto no que, considera, "PP e BNG queren levalo todo ao ideolóxico e á crispación". Un membro da ANPA presente na sesión reprochou persoalmente a Muíños a súa postura.

Na véspera da votación, a través dun comunicado, a ANPA advertía de que "as campañas mediáticas e as interpretacións alarmistas non forman parte do procedemento legal e non poden substituír os órganos democráticos do centro" e, deste xeito, "tratar de trasladar unha confrontación partidaria ao ámbito escolar é alleo á comunidade educativa e só busca deslexitimar un proceso formal e transparente". "A ANPA seguirá traballando para construír unha escola pública inclusiva, crítica e colaborativa. Como fixo sempre", subliñan.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.