Setenta anos de espolio franquista e oito de litixio finalizan simbolicamente nunha celebración política e socialmente multicolor no Museo do Pobo Galego
Unha celebración política e socialmente multicolor para poñer o ramo a un "triunfo colectivo". Setenta anos de espolio franquista, oito de litixio e moitos máis de pescudas finalizaron simbolicamente no serán deste 11 de decembro de 2025 no Museo do Pobo Galego.
Foi na recepción oficial organizada polo Concello de Santiago para abrir de vez á veciñanza compostelá en particular á cidadanía en xeral as esculturas do Mestre Mateo recuperadas para o patrimonio público. O acto tivo un formato e contido ata certo punto inusual. Por plural e sentido, por protagonismo compartido. E pola ledicia en tempos de política tensa.
"Triunfo colectivo", reiterou a alcaldesa, Goretti Sanmartín (BNG) no discurso que pechou o evento, acompañado na música por Antía Muíño e Miguel Arribas. "Estas esculturas son vosas, de todas e todos nós" ao regresar de vez ao seu "lexítimo propietario", o Concello de Santiago, de onde o ditador e a súa esposa, Carmen Polo, as levaron en 1954 "porque si, porque lle gustaban para adornar" o Pazo de Meirás como mostra da súa "omnipotencia", expresou a rexedora.
Nun discurso inzado de agradecementos, Sanmartín sinala as pezas como "referencia da loita contra a represión": "Dinnos alto e claro que nunca máis, que o fascismo é morte, falta de liberdade da maioría fronte aos privilexios do réxime"
As representacións pétreas de Abraham ou Xeremías e de Isaac ou Ezequiel, procedentes da composición orixinal do Pórtico da Gloria, son de agora en diante "referencia da loita contra a represión", cre Sanmartín, quen convida a veciñanza a fotografarse con elas e divulgalas nese sentido. "Dinnos alto e claro que nunca máis, que o fascismo é morte, temor, violencia, falta de liberdade da maioría fronte aos privilexios absolutos do aparato do réxime".
A intervención da alcaldesa estivo tamén inzada de agradecementos. Ao equipo xurídico e persoal municipal que foi clave no impulso ao preito que, tras moitos avatares, culminou o pasado xuño na condena que obrigou definitivamente os herdeiros do ditador a devolver as esculturas. Aos colectivos na defensa da memoria histórica. E tamén aos seus dous predecesores na alcaldía, Martiño Noriega (Compostela Aberta) e Xosé Sánchez Bugallo (PSdeG), iniciador e continuador do procedemento, respectivamente, con quen Sanmartín partillou palabra no simbólico escenario.
En "tres alcaldías" de signo distinto "mantívose a aposta por recuperar este patrimonio", resaltou Noriega como mellor mostra de que a "maternidade e paternidade" da recuperación definitiva destes "veciños de pedra" é "do conxunto da cidadanía de Compostela". O resultado, cre o ex-alcalde, acredita tamén a importancia de "tomar decisións arriscadas".
Noriega e Bugallo, responsables dos gobernos que iniciaron e continuaron o preito, comparten o "gran triunfo" co actual goberno no evento que abre unha exposición completada coa reconstrución dixital do coro da Catedral e do Pórtico da Gloria e o contexto histórico das esculturas
O "gran triunfo" é igualmente aplaudido por Bugallo. O socialista lembrou como, sendo edil nos anos 80, o daquela alcalde Xerardo Estévez lle encargou procurar nos arquivos municipais información "dunhas esculturas do Mestre Mateo que estaban desaparecidas" e a axuda dunha perseverante funcionaria permitiu achar a "certificación da compravenda por 60.000 pesetas" en 1948, seis anos antes do espolio. O documento estivo tamén sobre a mesa "cando Martiño tomou a iniciativa" en 2017 e igualmente cando o seu goberno, a partir de 2019, decidiu seguir litigando tras os primeiros reveses. Fica acreditada, cre, a importancia de "traballar xuntos" nos asuntos que "transcenden os mandatos" e os partidos.
Neste clima de celebración colectiva quedou inaugurada unha mostra na que o Museo do Pobo Galego vai alén de exercer o "acomodo temporal" das esculturas, en verbas da presidenta do seu padroado, Concha Losada. A exposición inclúe unha liña do tempo sobre a propia historia das esculturas e mais unha peza audiovisual do proxecto KosmoTech_1200, que traballa na reconstrución dixital do coro que a Catedral de Santiago tivo ata o século XVII e mais do Pórtico da Gloria orixinal, dende o que as dúas esculturas ollaban cara ao Obradoiro. A folla de sala da exposición dá acceso, asemade, a materiais dixitais sobre o Pórtico e o periplo das estatuas.