O coro do Mestre Mateo, como nunca o viramos grazas á reconstrución dixital

Proposta de KosmoTech de restitución estrutural do coro da Catedral de Santiago © KosmoTech

Ata o século XVII a nave central da Catedral de Santiago contaba cun enorme coro obra do Mestre Mateo. Durante o século XX foron varios os intentos de artellar unha reconstrución ata acadar unha visión integral da súa configuración. Pero o que non era posible no século pasado si o é neste grazas á tecnoloxía de KosmoTech_1200.

O proxecto KosmoTech presenta unha reconstrución dixital do coro que a Catedral de Santiago tivo ata o século XVII 

Este laboratorio multidisciplinar desenvolveuse no Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC) a través dun convenio da Universidade de Santiago coa Fundación Catedral e con financiamento da Axencia Estatal de Investigación. Uniu a investigación histórico-artística e arqueolóxica coa tecnoloxía que permite "reconstruír dixitalmente patrimonio único", neste caso as "estruturas creadas baixo a dirección do Mestre Mateo" para o coro da Catedral.

O achado de novas pezas do coro nas recentes obras realizadas na cripta do tempo compostelán permitiu "acadar unha nova visión de diversas partes da súa estrutura" dun "complexo monumento" cuxos detalles, tanto os xa coñecidos como os agora descubertos, foron "catalogados e fotogrametriados" para "a súa posterior inserción nun modelo reconstruído en 3D inmersiva de catro sitiais" que mesmo reconstruíu as policromías. Así o explicaron este martes en conferencia de prensa o investigador principal do proxecto, Francisco Prado-Vilar; o coordinador técnico, Anxo Miján Maroño, e os técnicos de virtualización Alexandre González Rivas e Carlos Paz de Lorenzo.

O equipo científico tamén propón "unha reconstrución integral da estrutura arquitectónica do coro" mediante unha tecnoloxía que faría posible "a rematerialización deste monumento e doutros moitos que hoxe xa non existen na súa forma orixinal

Con este traballo, o equipo científico tamén propón "unha reconstrución integral da estrutura arquitectónica do coro que inclúe a decoración da fachada, a vía sacra, os sitiais, as tribunas e escaleiras de acceso, así como as arcadas exteriores e os sistemas de iluminación", detallan. Tras esta reconstrución virtual, sinala Prado-Vilar, "sería posible a rematerialización deste monumento e doutros moitos que hoxe xa non existen na súa forma orixinal".

O traballo, especifican, permite contemplar como os cantores do coro "están representados no momento do desenvolvemento dunha performance, conversando mentres afinan o instrumento da súa voz para interpretar unhas composicións cuxa melodías están codificadas nos seus xestos a través da técnica da ‘man guidoniana’". Un concerto pétreo que volve aos nosos días grazas á tecnoloxía máis avanzada.

Anxo Miján, Francisco Prado-Vilar, Alexandre González e Carlos Paz © Santi Alvite / USC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.