A reconstrución do vello Portomarín dentro do Galiverso partiu dun amplo e rigoroso traballo documental a partir das gravacións da época conservadas na Filmoteca de Galicia, planos e cartografías antigas, e as máis de 40 mil fotografías que atesoura José López, de Foto Pereira Portomarín
Nos últimos meses máis de 10.000 persoas visitaron no Museo Centro Gaiás (na Cidade da Cultura) as experiencias ofrecidas dentro do Galiverso, o dispositivo tecnolóxico que permite realizar "viaxes virtuais" a diferentes espazos e monumentos. Agora vén de presentarse unha nova instalación, titulada Galiverso. O vello Portomarín, que ofrece a posibilidade de viaxar ao pasado e permite camiñar polas rúas da antiga vila luguesa, tal como era antes de ser anegada pola construción do encoro de Belesar en 1963.
A reconstrución do vello Portomarín dentro do Galiverso partiu dun amplo e rigoroso traballo documental a partir das gravacións da época conservadas na Filmoteca de Galicia, planos e cartografías antigas, e as máis de 40 mil fotografías que atesoura José López, de Foto Pereira Portomarín. Desde o momento no que se coñeceu a noticia da construción da presa, este veciño e fotógrafo decidiu inmortalizar casa por casa a vella vila, para ter o recordo de cada unha delas.
Foron recreadas ao detalle coas ferramentas dixitais máis de 250 casas cos seus tellados característicos de lousa, as cepas e a vexetación circundante, o río, e edificios emblemáticos como o Hospital de Peregrinos e a igrexa de San Nicolás (trasladada pedra a pedra a unha nova localización antes do asolagamento)
Con esta base, un equipo multidisciplinar de expertos galegos en patrimonio, arte dixital, historia e programación foi quen de recuperar a memoria do vello Portomarín para que calquera persoa poida coñecelo a través das lentes de realidade virtual. Os profesores de historia da arte da USC e membros do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), Jesús Ángel Sánchez García e Julio Vázquez Castro; os especialistas do Centro Infográfico Avanzado de Galicia, Carlos Paz de Lorenzo e Anxo Miján Maroño, e Carlos Seijo, director do estudo dixital Maxina forman parte do persoal implicado nesta nova andaina do Galiverso.
En total, foron recreadas ao detalle coas ferramentas dixitais máis de 250 casas cos seus tellados característicos de lousa, as cepas e a vexetación circundante, o río, e edificios emblemáticos como o Hospital de Peregrinos e a igrexa de San Nicolás (trasladada pedra a pedra a unha nova localización antes do asolagamento).
Estamos ante nova forma de achegarse a un patrimonio arquitectónico, histórico e paisaxístico que supón tamén, para aqueles veciños e veciñas que viviron no vello Portomarín, "unha viaxe física e emocional ao seu pasado", destácase dende a Cidade da Cultura. E é que a experiencia está aberta ao público xeral dende este martes, pero xa este luns un grupo de veciños e veciñas de Portomarín, que coñeceron a vila orixinal, puideron gozar da experiencia de volver camiñar polas súas rúas e de visitar as súas propias casas.
Estamos ante nova forma de achegarse a un patrimonio arquitectónico, histórico e paisaxístico que supón tamén, para aqueles veciños e veciñas que viviron no vello Portomarín, "unha viaxe física e emocional ao seu pasado", destácase dende a Cidade da Cultura
A instalación pódese visitar no andar 0 do Museo Centro Gaiás, de martes a venres en horario de tarde de 16.00 a 20.00 horas, así como sábados, domingos e festivos (excepto luns), de 11.00 a 14.30 e de 16.00 a 20.00 horas. O acceso péchase media hora antes (14.00h pola mañá e 19.30h pola tarde). A visita, duns 25 minutos, é gratuíta con reserva de praza a través de Ataquilla e no Museo Centro Gaiás. A idade mínima para poder colocar as lentes de realidade virtual son os 8 anos, e as nenas e nenos menores de 12 anos deberán estar acompañadas dunha persoa adulta responsable.
Do 15 de decembro de 2023 ao 7 de xaneiro de 2024 estará dispoñible a experiencia do Galiverso de Nadal, que substituirá temporalmente a de Portomarín.
O encoro de Belesar
O encoro de Belesar, construído na pasada década dos 60 para abastecer unha central hidroeléctrica, é a presa artificial máis grande sobre o río Miño. A construción supuxo anegar case 2.000 hectáreas de terreo fértil
O encoro de Belesar, construído na pasada década dos 60 para abastecer unha central hidroeléctrica, é a presa artificial máis grande sobre o río Miño. A construción do encoro supuxo anegar case 2.000 hectáreas de terreo fértil entre os concellos de Taboada, Chantada, O Saviñao, Paradela, O Páramo, Guntín e Portomarín. Ademais do vello Portomarín, que foi reedificado preto da súa antiga localización, coa construción do encoro quedaron asolagados outros lugares habitados como Mourulle, Pincelo, Abeledo ou Portomeñe e tamén os restos arqueolóxicos de Castro Candaz.
De cando en cando, en anos de secas importantes, ou cando se produce un baleirado excesivo do encoro, parte das terras asolagadas volven quedar á vista, o mesmo que parte das vilas que desapareceron ou xacementos coma o mítico Castro Candaz de Chantada.
As dúas experiencias anteriores
É a terceira experiencia do Galiverso, despois das dúas anteriores que achegaban monumentos, paisaxes e sitios de gran valor cultural, histórico e turístico ou que permitían unha viaxe virtual en batiscafo polos fondos mariños da costa galega
Esta é a terceira instalación do Galiverso, que dá continuidade a dúas experiencias anteriores, que gozaron dun grande éxito de público. A primeira delas recreaba 12 escenarios que achegaban monumentos, paisaxes e sitios de gran valor cultural, histórico e turístico de Galicia, como a cripta do Apóstolo na Catedral de Santiago, o canón do Sil, a Torre de Hércules na Coruña ou o templo romano de Santalla de Bóveda en Mera (Lugo).
Na segunda, titulada Galiverso somerxido, propúñase unha viaxe virtual en batiscafo polos fondos mariños da costa galega, descubrindo as especies de animais e plantas que os habitan e tamén os tesouros arqueolóxicos que agochan.