Unha ducia de edificios perdidos (e recuperados polo Centro Infográfico Avanzado de Galicia)
Dende hai máis de dous anos o C.I.A.G. (Centro Infográfico Avanzado de Galicia) vén publicando nas redes infografías, animacións e modelos 3D que traen ao presente inmobles históricos de Galicia que desapareceron ou foron totalmente transformados. A través destas ferramentas que "recuperan patrimonio" e "crean nova memoria visual" insírenos na paisaxe urbana actual, permitindo ver o aspecto que presentarían con eles as nosas cidades e vilas. Así mesmo, fai visible o chamado patrimonio de papel, os inmobles que nunca existiron como tales e só ficaron en proxecto
-
01
Casa Consistorial de Canedo (Ourense)
Unha das últimas achegas do CIAG é a recreación do proxecto da Casa Consistorial de Canedo, que ata 1943 existiu como concello independente ata a súa integración no Concello de Ourense. O proxecto foi realizado en 1920 polo arquitecto Daniel Vázquez-Gulías.
-
02
Porta da Horta do Concello (Ourense)
A muralla que rodeaba a cidade de Ourense chegou a contar con 11 portas, que foron desparecendo xunto cos propios muros defensivos. A Porta da Horta do Concello (ou Portal do Campo), construída no século XVII, foi derrubada en 1837. Estaba situada aproximadamente no inicio da actual Avenida de Pontevedra e daba acceso a Praza Maior.
-
03
Pabellón Lino (A Coruña)
O CIAG recreou tamén algúns dos moitos edificios desaparecidos na cidade da Coruña, coma o efémero Pabellón Lino, que só estivo en pé durante cinco anos, entre 1914 e 1919, cando sufriu un incendio. Situado nos xardíns do paseo Méndez Núñes, esta fermosa instalación en estilo modernista con elementos de Art Nouveau acollía espectáculos diversos.
-
04
Teatro-Circo (Lugo)
Tamén foi curta a vida do Teatro-Circo de Lugo, construído en 1896 en estilo neo-árabe para substituír o Teatro Municipal que funcionara ata uns anos antes. En 1921 foi derrubado, para dar paso ao Gran Teatro da cidade.
-
05
Antigo Mercado de Ferro da Praza do Sol (Vigo)
O Antigo Mercado de Ferro da Praza do Sol de Vigo foi construído en 1877, obra do arquitecto Alejandro Rodríguez Sesmero e funcionou durante tres décadas no centro da cidade olívica.
-
06
Teatro Emilia Pardo Bazán (A Coruña)
A Coruña contou con varios teatros na súa historia. O Teatro Emilia Pardo Bazán, a pesar da súa importancia, só existiu durante once anos, derrubado porque exercía competencia directa sobre o Teatro Rosalía de Castro, moi próximo
-
07
Proxecto para a Praza de San Martiño (Ourense)
Entre o patrimonio de papel, que nunca pasou de ser un proxecto, destaca o deseño que Antonio Palacios fixo para a Praza de San Martiño, en Ourense, despois de recibir un encargo do bispo Florencio Cerviño. A idea xeral era devolverlle á fachada o aspecto que tería na Idade Media, pero o proxecto nunca se chegou a realizar
-
08
Casa da Inquisición (Compostela)
No predio que na actualidade ocupa o Hotel Compostela, nun dos laterais da Praza de Galicia e fronte á Porta da Mámoa, existiu durante dous séculos o edificio que nun comezo acolleu a sede da Inquisición. O inmoble foi derrubado en 1913, perdendo a cidade un dos edificios máis singulares dos situados extramuros
-
09
Ponte Medieval do Burgo (Pontevedra)
O CIAG tamén recuperou o aspecto orixinal da ponte medieval do Burgo, en Pontevedra, que hoxe se conserva, pero totalmente transformada
-
10
Encrucillada Praza Eugenio Montes (Ourense)
Nos últimos meses o CIAG centrouse especialmente na recuperación do patrimonio arquitectónico desaparecido da cidade de Ourense, por exemplo a través dos modelos de tres edificios que compuñan un dos lados da Praza Eugenio Montes e que enmarcaban a encrucillada da rúa do Paseo, a rúa San Miguel e a rúa Lamas Carvajal.
-
11
Porta da Estación (Lugo)
O CIAG viaxou tamén ata Lugo para recuperar o aspecto orixinal da Porta da Estación, aberta en 1876 e transformada en 1918. A porta, encargada orixinalmente ao arquitecto vasco Nemesio Cobreros y Cuevillas, daba paso á estación do ferrocarril.
-
12
Casa do Pobo (Ourense)
En 1913 o arquitecto ourensán Daniel Vázquez-Gulías Martínez deseñou a instancias da Sociedade Obreira de Ourense esta Casa do Pobo, rematada en 1929. Despois do Golpe de Estado, o inmoble foi incautado polo réxime e finalmente foi derrubado en 1970
-
13
Real Fábrica de Biscoito (Neda)
Finalmente, en Ferrolterra o CIAG recreou a Real Fábrica de Biscoito, instalada no actual Concello de Neda, e que fornecía á flota naval das coñecidas como galletas mariñeiras, que se conservaban durante moito tempo nos barcos. A factoría funcionou ata finais do século XVII.