O pasado mes de xullo Galiza Nova Viveiro presentou no Rexistro do Concello unha iniciativa na que convidaba ao Goberno Local "a tomar as medidas oportunas" para o cambio do nome do colexio de Celeiro, que leva o nome de Antonio Pedrosa Latas, subliñando que este militar e político xogara un papel clave na ditadura franquista e na Falanxe. A organización xuvenil defendía que a medida debía tomarse "en cumprimento da Lei de Memoria Histórica e por respecto e dignidade dos milleiros de galegas e galegos represaliados". A proposta foi ben acollida polo centro, que levou a proposta ao Consello Escolar e ao Claustro, nos que o cambio de nome foi aprobado. Porén, o acordo municipal para facer efectivo o cambio de nome aínda non se produciu.
A proposta foi ben acollida polo centro, que levou a proposta ao Consello Escolar e ao Claustro, nos que o cambio de nome foi aprobado
Galiza Nova acusa o Goberno local de "pasotismo" e sinala que a proposta "nin sequera foi transmitida aos demais grupos municipais". De momento só os tres concelleiros e concelleiras non adscritas (ex-BNG) manifestaron a súa intención de votar a favor do cambio de nome ("os nomes que teñen que ver coa época franquista deberían estar totalmente desaparecidos tanto dos rueiros como dos edificios de uso público", sinalaron). A alcaldesa, María Loureiro, declarou que o Goberno local prefire "non entrar en polémicas" e de feito o representante do Concello no Consello Escolar foi o único que se abstivo cando o cambio de nome foi debatido e aprobado. Mentres, o portavoz do PP -Antonio Bouza- dixo "respectar" a autonomía do centro mais engadiu que "este señor pertencía a un réxime, pero creo que fixo cousas boas por Celeiro". "A Lei de Memoria Histórica mete todo no mesmo saco, o malo e o bo. Imaxino que non todo o mundo foi malo na época franquista e que o pobo de Celeiro lle terá cariño a Pedrosa Latas neste sentido", engadiu.
Quen foi Antonio Pedrosa Latas, en todo caso? Naceu en Lugo en 1916 e sendo moi novo (1934) participou na creación de Falange Española na cidade, baixo a dirección de José Cedrón del Valle. Participou na guerra (chegando a ser tenente-xeral) e foi xefe provincial do Movimiento Nacional na provincia de Ourense ata xuño de 1940. Nesa época chegou a cualificar a Mussolini como "cerebro de Europa". Posteriormente foi xefe nacional do Sindicato da Pesca e director xeral técnico do Instituto Social da Mariña e procurador nas Cortes franquistas durante oito lexislaturas. Falanxista de primeira hora, ocupou durante a súa vida importantes cargos na organización da Falange Española y de las JONS. Recibiu a Medalla de Ouro do Concello de Lugo, que aínda mantén.
Galiza Nova acusa o Goberno local de "pasotismo"
En febreiro de 1976, sendo aínda procurador nas Cortes franquistas, cualificou a universidade de "bunker marxista" na Comisión de Defensa Nacional da cámara. "Na Universidade de Madrid comeza a correr o sangue, pero, aínda que isto é grave, non é o máis importante. O verdadeiramente grave é que nos claustros universitarios o berro de Viva España vai constituíndo xa un delito e os patriotas pasan así por delincuentes". Referíase ao expediente aberto ao seu fillo, despois de que levara a cabo un asalto á Facultade de Dereito cun grupo de ultradereita. Tres anos despois de novo o seu fillo foi detido, tras asaltar de novo esta facultade, unha acción na que os ultradereitistas empregaron munición real, disparando contra o estudantado e deixando tres persoas feridas.
"Galiza Nova ten moi claro que hai que eliminar calquera homenaxe aos partícipes do franquismo”, destaca a organización xuvenil. "Se o Colexio de Celeiro leva o seu nome é por iniciativas levadas a cabo desde un poder gañado coa violencia e a represión", engade. “Agardamos que o Goberno Municipal, aínda que tarde, se interese polo tema e aprobe definitivamente a iniciativa”, conclúe.
Ourense en Común demanda o cambio da praza Alférez Provisional
Ourense en Común levará ao pleno municipal de decembro unha moción promovendo o cambio de denominación da Praza Alférez Provisional. A marea local chama a “cumprir coa Lei de Memoria Histórica” e a “seguir a evolucionar”. "A ninguén se lle ocorre seguir chamando General Franco a Progreso ou Capitán Eloy a Concordia”, engaden. A formación propón que o espazo tome o nome do arquitecto ourensán Daniel Vázquez-Gulías. Chegou a ser arquitecto municipal e deixou múltiples edificios relixiosos e civís, entre eles a Casa Taboada, un dos tesouros do modernismo na cidade, situada nesa mesma praza.