O Concello de Cariño, gobernado polo PP, retira o nome de Manuel Fraga a unha rúa

Panorámica do Concello de Cariño, no Ortegal © Concello de Cariño

O Concello de Cariño, gobernado polo PP, aprobou retirar o nome de Manuel Fraga da denominación dunha das principais avenidas da localidade, ademais de instar o colexio público, co mesmo nome, a que o mude para suprimir tamén calquera homenaxe ao fundador do PP e que fora ex-presidente da Xunta e ex-ministro da ditadura franquista. 

Os seis votos a favor de BNG e PSdeG abondaron para aprobar unha iniciativa que non tivo o voto en contra do PP: os populares abstivéronse

O pleno da corporación municipal deste pasado xoves 6 de febreiro aprobou a iniciativa cos seis votos a favor dos tres edís do BNG e mais do PSdeG e coas catro abstencións do PP, que non puido contar cunha concelleira do grupo municipal, que conta con cinco representantes. 

A moción finalmente aprobada foi presentada polo concelleiro e portavoz municipal do BNG, Carlos Castro, que preparou a iniciativa da man do Colectivo de Presas e Presos Políticos e Políticas de Galiza, que impulsou noutros municipios a retirada de honras a Manuel Fraga, en moitos casos co voto en contra do PP. 

Casa do Concello en Cariño © Concello de Cariño

A moción aprobada insta tamén ao CEIP Manuel Fraga Iribarne a mudar o seu nome

"A nivel persoal sempre me chamou a atención que se mantivese esa denominación na rúa e no colexio; sempre hai a controversia de considerar se a homenaxe en forma de rúa foi pola etapa democrática de Fraga ou se estaba de antes, pero comprobamos que o nome da avenida figuraba xa antes de 1975, polo que só reflectía a súa etapa como dirixente na ditadura", explica Castro en conversa con Praza.gal. 

A iniciativa insta o Concello ao cambio de denominación da rúa e do colexio en cumprimento da Lei de Memoria Democrática e contou coa abstención do PP, que xa se abstivera para aprobar a retirada de dúas cruces dos caídos en senllas igrexas da localidade, unha medida que só está á espera de que a fagan efectiva as autoridades eclesiásticas. 

Porque en Cariño, malia que BNG e PSdeG suman maioría, é o PP o que goberna ao non poderen chegar a un acordo para a investidura nacionalistas e socialistas. Esta curiosa aritmética permitiu que a iniciativa saíse adiante. "Tiña o empeño persoal de que tivese a maioría absoluta do pleno a favor, que representase a maioría dos habitantes do municipio", explica Castro, que non agocha a súa "sorpresa" pola abstención dos populares. 

"Evitar conflito social"

"Supoño que botarían cálculos e non quixeron opoñerse a unha moción que ía saír adiante", explica. En declaracións a Público, a alcaldesa, Ana María López Fernández, xustifica a posición do seu grupo en que pretendeu "evitar calquera tipo de conflito social" e lograr "que se deixe falar do tema", malia que lles pareza "inxusto" que se lle apliquen a Fraga os argumentos da Lei de Memoria Democrática. 

Non parece que se vaia evitar o debate sobre o tema. Primeiro porque, tendo en conta o texto da moción, a alcaldesa deberá agora "comunicar á comunidade educativa do CEIP Manuel Fraga a opinión favorable do pleno da Corporación de Cariño para o cambio de nome do colexio para que sexa estudada polo consello escolar e, se o estima necesario, propoñer un nome alternativo". Sería o que permitiría a aprobación desta medida no pleno e o posterior envío deste acordo á Consellería de Educación da Xunta. 

CEIP Manuel Fraga Iribarne, en Cariño © Google

Ademais, o Concello de Cariño terá agora que decidir unha nova denominación para a avenida Manuel Fraga, unha cuestión que Carlos Castro non desbota que se poida levar a cabo "a través dunha consulta popular". "Oxalá porque queremos que os novos nomes sexan consensuados con todo o mundo", explica. 

Cariño creará un consello de Memoria Democrática, un órgano consultivo para o cambio de denominación de rúas vinculadas á ditadura

En todo caso, e a través dunha emenda introducida polo grupo municipal do PSdeG, o Concello creará un consello de Memoria Democrática, un órgano consultivo presidido pola alcaldesa, con representantes de todos os partidos e dun historiador ou historiadora experta no tema para abordar os futuros cambios de nomes que poidan estar vinculados á ditadura. 

Ademais da supresión das denominacións que honran a Manuel Fraga, o pleno do pasado xoves decidiu tamén retirar o nome de Landín Carrasco a unha rúa. O que fora gobernador civil da Coruña durante o franquismo, ademais de alcalde de Pontevedra, presidente da Deputación provincial e procurador nas Cortes franquistas, deixará tamén de ter unha vía nesta localidade do Ortegal. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.