A xuíza da Pokémon investiga datos fiscais de Carlos Negreira e Jesús Vázquez

Negreira e Vázquez, con Sáenz de Santamaría e Hernández nun acto do PP CC-BY-SA PPdeG

"Pagamentos de diñeiro", "entregas de agasallos" e contratación "de distintas persoas recomendadas por autoridades, políticos e funcionarios". Estas son, segundo a investigación do caso Pokémon, as vías que as empresas do grupo Véndex empregaban para "gratificar a actuación" de "políticos e funcionarios" que presuntamente influían na "consecución de contratos e servizos públicos" para estas empresas. Un dos concellos no que isto aconteceu con máis asiduidade foi o da Coruña, segundo a xuíza Pilar de Lara, que nun novo auto vén de ditaminar incorporación á causa de datos fiscais do alcalde, Carlos Negreira, así como do presidente da Deputación coruñesa e número 2 do PP en Ferrol, Diego Calvo, incluídos nunha lista dunha corentena de persoas nas que tamén está o ex conselleiro e candidato á alcaldía de Ourense polo PP, Jesús Vázquez. A finalidade é investigar supostos enchufes.

Nun auto emitido este mércores a cuxo contido tivo acceso Praza Pública a maxistrada autoriza a Vixilancia Aduaneira a recabar nas bases de datos da Axencia Tributaria e da Seguridade Social todos os "datos que estimen de interese" dos devanditos dirixentes, ademais doutros edís e altos cargos do consistorio e mesmo dun xornalista da prensa local. Ademais, pide os mesmos datos de tres persoas presuntamente beneficiarias dos enchufes e de máis de cincuenta empresas e entidades.

De Lara pide datos fiscais de Negreira, Vázquez, Diego Calvo e medio cento de entidades e empresas

Para fundamentar estas novas dilixencias De Lara explica que o Concello coruñés foi, segundo a investigación, un dos centros desta "práctica presuntamente corrupta", toda vez que alí o delegado de Véndex, José María Tutor, "contaba con importantes contactos", entre os que se contaba o tenente de alcalde, Julio Flores, que recentemente caeu da lista do PP para o 24-M e algúns dos seus colaboradores máis cercanos, así como outros membros do goberno local. Como xa mencionou nun auto anterior, a maxistrada considera que o propio Negreira estaba ao corrente destas prácticas, toda vez que algunhas das conversas telefónicas intervidas polos axentes "alcanzan ao alcalde".

A xuíza di que o contido dos ordenadores e correos electrónicos do Concello da Coruña constata a existencia da rede de enchufes detectada nas intervencións telefónicas

Ao contrario que noutras fases da investigación a xuíza xa non sustenta as súas conclusións unicamente no contido das gravacións telefónicas. "As conclusións acadadas" a través dos 'picazos' dos teléfonos "referéndanse co resultado do volcado efectuado aos equipos informáticos e da correspondencia electrónica do Concello da Coruña", di. Eses datos dos ordenadores municipais, afirma, "revelan que de forma continuada" Tutor "enchufou a persoas recomendadas por xente do novo Goberno municipal", o "xurdido das eleccións municipais de maio de 2011", para "ocupar postos de traballo en servizos públicos adxudicados por ese Concello ao grupo Véndex". No caso concret de Flores "aparecen un total de corenta e seis persoas respecto das que se solicita mediación".

Así, indica, "o exame do contido" do ordenador de Julio Flores "permite corroborar o contido das conversas telefónicas", nas que os axentes tectan que Tutor coñece a "existencia dunha lista da que disporía" Flores "para contratar determinadas persoas que poderían ser próximas por razóns diversas" ao novo goberno do PP, de tal xeito que o concello "viría operar a modo de axencia de colocación". Esa función, evidencia a maxistrada, non lle "corresponde" aos concellos se non se fai "de forma disciplinada, regulamentaria e suxeita aos principios de igualdade, mérito e competencia".

Negreira e Vázquez, con Sáenz de Santamaría e Hernández nun acto do PP CC-BY-SA PPdeG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.