O líder do PP e candidato á presidencia do Goberno de España, Alberto Núñez Feijóo, deixou claro o que era evidente: pactará con Vox se é necesario para chegar á Moncloa e gobernará aínda que a súa non sexa a lista máis votada. Confirmouno malia que en 2023 reclamara que fose o candidato do partido con máis escanos o xefe do Executivo e reprochara a Pedro Sánchez chegar á Moncloa sendo o PSOE segundo nas eleccións xerais.
Durante unha entrevista en Hoy por Hoy, na Cadena SER, Feijóo evitou comprometerse a que goberne a lista máis votada, unha premisa que si incluíu no seu plan de Rexeneración Democrática que subscribiu en 2023. "O obxectivo é botar a Sánchez", xustificou, tras cualificar o presidente español de "personaxe tóxico e conflitivo que cómpre sacar do goberno do país".
Ademais, confirmou que pactará con Vox se lle dan os números porque fará "caso ao que manden os españois". "Se me mandan dar estabilidade coa terceira forza política deste país, así o farei", dixo tras defender os pactos coa ultradereita en varias autonomías e confirmar negociacións co partido d Abascal para que este non se presente nalgunhas provincias ao Senado, unha opción que sería correspondida co PP, que podería non presentarse noutras.
Feijóo confirma que pactará con Vox se o precisa para chegar á Moncloa e que gobernaría aínda que o PP non fose a lista máis votada, o contrario ao que prometeu en 2023
Alén de cálculos electorais e futuros pactos, Feijóo deixou clara algunhas das súas intencións no caso de chegar á Moncloa, moitas expresadas xa durante a precampaña e a campaña das últimas eleccións xerais de hai catro anos. Desta vez, recoñeceu que, se é presidente, abriría o "debate" para recortar o dereito ao aborto, que reformará a lei de eutanasia, eliminará o Ministerio de Igualdade ou derrogará a Lei de Memoria Democrática. Ademais, non se comprometeu a subir o salario mínimo, aínda que si dixo que subiría a pensións co IPC e que garantiría a súa "viabilidade" con algún sistema que non quixo concretar.
Así, o líder do PP asegurou que reabrirá o debate sobre o "coñecemento" dos pais das menores de 16 anos que queiran abortar. "Ese debate procede volver dalo e eu volverá dalo", dixo, e engadiu que cre que unha rapaza de 16 anos "comparta con seus pais unha decisión vital transcendente e irreversible como facer un aborto é o correcto".
Feijóo di que abrirá o debate para recortar o dereito ao aborto se é presidente e intentar impedir que se poida interrumpir o embarazo con 16 anos sen necesidade de permiso dos pais
"Que ocorre cando unha nena de 16 anos quere abortar e seus pais non o aceptan? Ese é o debate que eu quero formular", engadiu. Feijóo refírese a que, segundo a lei vixente, as mozas de 16 e 17 anos poden abortar de xeito totalmente libre sen necesidade do consentimento nin do permiso dos pais, unha condición que foi implementada para evitar a coacción ou conflito grave dentro de contornas familiares que poidan obrigar a continuar co embarazo en contra da vontade da muller, ademais de aliñarse coa maioría de idade sanitaria, que establece que aos 16 anos unha persoa xa ten capacidade legal para decidir sobre os seus tratamentos médicos.
"Unha nena de 16 anos non pode conducir e precisa autorización para facerse unha tatuaxe pero non para abortar?", preguntouse Feijóo.
Feijóo comprométese a eliminar o Ministerio de Igualdade e defínese feminista porque se criou "nunha casa con máis mulleres que homes"
Por outra banda, anunciou tamén a futura reforma da lei de eutanasia se é presidente do Goberno de España porque "a vida digna está pro riba da morte digna". Xustificouno en conversas con "moitos médicos" e "sociedades científicas" e que cre que o papel dos facultativos é "secundario". Tanto a reforma da lei de eutanasia como a idea de recortar o dereito ao aborto xa as expresara na precampaña de 2023.
Ademais, Núñez Feijóo si prometeu eliminar o MInisterio de Igualdade e que incluirá esta carteira "dentro doutros ministerios". "Non vou manter 22 ministerios", dixo, asegurando que lle diría ao ministra ou ministro que o leve "que se encargue doutras cousas, non só da igualdade".
"A ministra de Igualdade non pode traballar de oito a tres", insistiu o líder do PP, que se definiu feminista. "Crieime nunha casa con máis mulleres que homes, como vou eu pensar que unha muller non ten os mesmos dereitos que un home, claro que si", asegurou.
Evita comprometer a suba do SMI
Por outra banda, e preguntado sobre se se compromete a subir o salario mínimo interprofesional (SMI), Feijóo evitou responder con claridade e limitouse a asegurar que si promete "mellorar a economía". "Comprométome a que a economía do meu pais medre de forma sa, a non dopar a economía coa débeda que vou deixar ao conxunto dos españois", dixo.
Cando Feijóo chegou á Xunta, no segundo trimestre de 2009, a débeda da Administración autonómica era de 4.282 millóns de euros, que supuñan o 7,8% do PIB. Cando dimite, no segundo trimestre de 2022, era de 11.823 millóns, o 17,5% do PIB
"O meu obxectivo non é que suba só o SMI, senón que suba o medio e que a xente mellore o seu poder adquisitivo", engadiu, que en todo caso asegura que se reuniría con patronal e sindicatos para pactar unha posible suba e que non o faría "sen contar cos axentes económicos" como "fixo o Goberno". "Logo o que ocorre é que baixa a produtividade e baixa a competitividade da economía española", engadiu, ao confirmar que só incrementaría o salario mínimo se a medida conta co visto e prace das organizacións empresariais.