Miguel Santalices encabezará a candidatura dos populares á Cámara Alta por Ourense e Fabiola García será a número dous da lista que encabeza Miguel Tellado pola provincia da Coruña
A dirección do PPdeG remuda, agora si, o presidente do Parlamento. Miguel Santalices será o cabeza de cartel dos populares pola provincia de Ourense ao Senado e, desta maneira, terá que abandonar o seu posto como xefe do lexislativo, que exerce dende hai máis dunha década, por ser incompatible a condición de deputado da Cámara galega coa de senador.
No mesmo movemento a dirección dos populares vén de propiciar unha crise de goberno na Xunta. Na elaboración das candidaturas ao Congreso vén de quedar confirmado o nome de Fabiola García, conselleira de Política Social, como número dous pola provincia da Coruña por tras de Miguel Tellado, o que obriga a Alfonso Rueda a substituíla no seu posto.
A efectos de xestión diaria a marcha de García é a máis significativa de ambas por ser a titular dun departamento da Xunta especialmente sensible. Pero o impacto político é, sen dúbida, moito maior no caso de Santalices.
O político ourensán era ata hoxe o derradeiro representante en postos de responsabilidade do 'vello' PPdeG, cunha visión da institucionalidade galega e do país notablemente distinta á da actual cúpula do partido, algúns de cuxos máximos expoñentes non ocultan hai tempo a súa hostilidade cara a el
O político ourensán era ata hoxe o derradeiro representante en postos de responsabilidade do vello PPdeG. Baltarista de vello, mais tamén cunha visión da institucionalidade galega e do país notablemente diferente da que profesa o groso da actual cúpula galega do partido, algúns de cuxos máximos expoñentes non ocultaron nos últimos anos a súa hostilidade cara a el. En privado, pero mesmo en ocasións tamén en público.
Nese contexto encadráronse, dende o comezo da lexislatura, recorrentes ruxerruxes sobre unha retirada de Santalices antes de tempo. El mesmo se afanou en acalar esas hipóteses mesmo asumindo, xusto despois de tomar posesión en 2024, que esta lexislatura sería a derradeira na que dirixiría o Parlamento, a súa "segunda casa" cuxos mandos o partido lle encomendou a comezos de 2016 e da que era o membro dende 1997, o máis veterano de todos os deputados e deputadas.
Remuda en Política Social
A marcha de Fabiola García implica que cambie de mans a terceira consellería que máis orzamento manexa -máis de 1.500 millóns nas contas de 2027, acabadas de presentar-. Política Social ten a García á súa fronte dende 2018, cando Feijóo lla encomendou no marco dunha crise de goberno para enviar o seu daquela titular, José Manuel Rey Varela, a tentar recuperar a alcaldía de Ferrol para o PP, que perdera en 2015 e á que logrou retornar. A agora conselleira saínte exercera previamente como directora xeral de Maiores e Discapacidade, como concelleira en Ribeira e asesora na propia Xunta.