A achega da Xunta ás pensións non contributivas seguirá conxelada en 18 euros ao mes en 2027

A conselleira de Política Social, Fabiola García, nunha xuntanza recente con representantes de Unicef no seu despacho de San Caetano CC-BY-SA Xunta

A Xunta volve prever nos Orzamentos de 2027 que o seu complemento ás PNC sexa un pagamento anual dun máximo de 220,50 euros, que nos catro anos previos acabou deixando en 218. Previamente Feijóo mantivérao máis dunha década nos 206 que aprobara tras rectificar a decisión de suprimilo

As pensións non contributivas (PNC) son prestacións para persoas "nunha situación de necesidade", que "carezan de recursos suficientes para a súa subsistencia nos termos legalmente establecidos" ou que xa pasaron a idade de xubilación pero "non cotizaron" ou "non o fixeron durante o tempo suficiente" como para ter unha pensión contributiva. Neste 2026 a súa contía oscilou entre os 157,20 e os 628,80 euros con catorce pagas anuais que chegaron en Galicia a unhas 37.000 persoas.

Aínda que se trata dunha prestación estatal, a súa reducida contía levou o Goberno de PSdeG e BNG no ano 2008 a aprobar un complemento abonado pola Xunta unha vez ao ano. Daquela, cando as PNC ascendían a unha media duns 300 euros mensuais, o complemento galego quedou fixado en 200 euros nun só pagamento (uns 16 euros mensuais). Case vinte anos despois esta achega apenas aumentou en 18 euros e así semella que vai seguir, toda vez que os Orzamentos Xerais que a Xunta entregou ao Parlamento este 19 de outubro apuntan a unha nova conxelación da prestación.

Manifestación na defensa das pensións públicas en Vigo, nunha imaxe de arquivo © CIG

En 2010, nos seus primeiros orzamentos como presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo tentou eliminar o complemento mentres a daquela conselleira de Benestar, Beatriz Mato, cualificaba a medida como "parche" e aseguraba recear da súa legalidade. No entanto, a controversia xerada levara o actual líder estatal do PP a recuar e mesmo a aumentar o complemento un chisco: un pagamento único de 206 euros.

Dende a última vez que a Xunta subiu o complemento galego das PNC a inflación ascendeu un 9,6% en Galicia. A partida de Política Social que sufraga esta prestación aumenta para o ano vindeiro un 10%

Nese importe permaneceu conxelado case década e media, ata 2023. Daquela xa con Alfonso Rueda na presidencia aumentouno en 12 euros ao ano, é dicir, o equivalente a un euro mensual. Situouno en 218 euros anuais aínda que o propio Goberno galego se habilitara legalmente a abonar ata 220,50 euros por persoa beneficiaria e ano. En calquera dos dous casos, uns 18 euros ao mes.

En 2024, 2025 e 2026 o gabinete de Rueda repetiu a operación: ao asignar o complemento a través do Diario Oficial de Galicia deixouno en 218 euros aínda que nos correspondentes orzamentos abrira a porta a subilo ata 220,50. Todo apunta a que a historia se vai repetir en 2027, toda vez que o Goberno galego volveu andar xa a primeira parte do camiño: sinalar nas contas públicas do ano vindeiro que o complemento será "unha prestación única non superior a 220,50 euros". Dende finais de 2023, cando foi aprobada aquela subida, ata agora, os prezos subiron en Galicia un 9,6%, polo que o complemento tería que situarse, cando menos, na contorna dos 240 euros para valer o mesmo.

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, presentando o proxecto de Orzamentos Xerais para 2027, este 19 de outubro CC-BY-SA Mónica Arcay Carro / Xunta

Ademais desa estipulación legal, a partida que a Consellería de Política Social destina a sufragar o complemento tamén permanece inalterada: 8,03 millóns de euros para unha cifra estimada de 36.517 persoas, o que daría como resultado un reparto de 219,9 euros para cada unha. O programa dos Orzamentos Xerais que financia este complemento, o de protección e inserción social, aumenta apenas un 1,2% para 2027, ata os 91,2 millóns de euros, mentres que 1.534 millóns que manexará en total a Consellería de Política Social o ano vindeiro supoñen un incremento superior ao 10%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.