Os Orzamentos Xerais da Xunta para 2027 veñen de entrar no Parlamento. Tras a primeira presentación da pasada semana, tras o visto e prace do Consello do Goberno galego, a entrada na Cámara implica a publicación íntegra do proxecto orzamentario e, con ela, a posibilidade de consultar todos os seus libros e debullar todas as súas magnitudes, isto é, como se reparte a anunciada suba de recursos públicos. Tamén os detalles da chamada lei de acompañamento, que desta volta muda ata 64 normas dun golpe, algunhas con relación directa cos orzamentos e outras moitas, sen ningunha, caso do decreto de uso das linguas no ensino.
A Xunta entrega as contas públicas do ano vindeiro ao Parlamento, o que permite comprobar como se reparte a anunciada suba xeral do 6%
Contando a débeda pública -que excluíu, como adoita, da súa primeira presentación-, a Xunta manexará durante 2027 un total de 16.788,2 millóns de euros, un 5% máis que nos orzamentos definitivos aprobados para o actual 2026. Sen contar a débeda e os seus derivados, o que o Executivo manexa como dato oficial de suba para o ano vindeiro é do 6,4% (o gasto non financeiro) nun contexto marcado por unha maior recadación dos impostos que chegan do -caducado- sistema de financiamento procedente do Estado. En comparación co orzamento consolidado do vixente exercicio (que suma as entidades dependentes alén da administración xeral e outras variacións) a suba rolda o 2,7%.
Dentro das partidas máis significativas, comezarán 2027 con incrementos por riba de ambos incrementos medios áreas como a atención a persoas en situación de dependencia ou educación. Tamén, aínda que cun ritmo máis discreto, a que cada ano é a área de gasto máis voluminosa, sanidade (case 5.800 millóns no proxecto orzamentario), aínda que sobe por baixo da media en comparación coas contas consolidadas de 2026. Outro dos apartados sobre o que se van pousar máis olladas, o da vivenda, ascende e faino, esta si, a un ritmo superior ao medio ao avanzar na contorna do 9% en relación ás contas definitivas de 2026.
No incremento do orzamento de dependencia destaca o incremento superior ao 50% dos fondos para pagamentos a familiares de persoas dependentes no fogar
O incremento nos fondos da dependencia hai que buscalo na partida orzamentaria de acción e promoción social, que gaña case 200 millóns de euros para comezar 2027 con 1.618, case un 9% máis. Dentro dese gran contedor a Consellería de Política Social segue na súa liña de priorizar os pagamentos a familiares que coidan de persoas en situación de dependencia na súa casa, as coñecidas como libranzas. Así, os fondos para libranzas de coidados na contorna familiar experimentan un significativo incremento superior ao 50% ao pasar de 179 a 277 millóns, con 54 millóns máis de fondos propios da Xunta, que agora achega 156, e 44 millóns máis de fondos finalistas do Estado, que pasa a poñer 120 nesta materia.
O aumento do gasto en dependencia, moi ligado ao novo marco estatal -o Goberno de España obrigouse recentemente a cumprir co pagamento do 50% do gasto na nova lei na materia- tamén vén pola suba dos gastos de funcionamento das residencias de maiores, con 25 millóns máis ata chegar a 129. As contas contemplan tamén a xa prevista suba de fondos para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que pasa de 148 a 116 millóns.
Educación e vivenda
No apartado educativo, a suba xeral desta partida acada os 225 millóns de euros para un orzamento total de 3.245 millóns de euros, o que supón un incremento de algo máis do 7%. Unha parte da suba chega por maiores gastos de persoal (uns 170 millóns máis que no ano previo), pero tamén por máis achegas aos colexios concertados mentres outras partidas retroceden levemente, caso das bolsas para axuda á compra de material escolar, que terán 600.000 euros menos ca en 2026 e quedan en 9 millóns.
A achega da Consellería de Vivenda ao IGVS pasa de 59 a 84 millóns e o orzamento da Sociedade Pública de Vivenda aumenta de 77 a 224 millóns
E, que sucede coa vivenda mentres o debate público e social sobe de decibeis ao respecto? Dentro da estrutura xeral do Orzamento para 2027 esta partida increméntase tamén por riba da media ao situarse en 281 millóns de euros, case un 9% máis que en 2026. O que sobe notablemente máis que a media do orzamento son os fondos que a Consellería de Vivenda prepara para transferir a investimentos do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), de 59 a 84 millóns de euros (+42%).
Este organismo verá incrementadas as achegas de cartos propios da Xunta (de 145 a 168 millóns) e do Estado (de 29 a 41 millóns) mentres se reducen os da UE (de 43 a 45 millóns) na recta final dos fondos de recuperación da COVID. Este é o contexto no que a partida dedicada especificamente no IGVS a construír vivenda de promoción pública vai ser moito máis avultada que en 2026, ao pasar de 2,5 a 58 millóns nun contexto no que a outra pata da política de vivenda do Goberno, a Sociedade de Vivenda Pública pasa de orzamentar 77 millóns en 2026 a 224 para 2027 dos que 40 millóns son unha achega directa da Xunta, coma o ano pasado.
Sanidade
No que atinxe á sanidade, as grandes cifras apuntan a un orzamento relativamente continuísta. Esta partida afronta 2027 con 5.764 millóns de euros, unha suba do 2,16% a respecto do orzamento consolidado de 2026. En comparación co orzamento definitivo de hai un ano, non obstante (5.426 millóns) o incremento queda un chisco por tras da suba media oficial: é dun 5,87%
Ollando ao detalle, tanto a atención primaria como a hospitalaria aumentan a súa dotación inicial arredor do 6% se a comparación se realiza co proxecto orzamentario aprobado polo Parlamento hai un ano. A hospitalaria pasa a contar con con 3.814 millóns (un incremento superior aos 200 millóns) e a primaria sobe aos 1.854 (estaba en 1.747). Isto sucede nun contexto no que os gastos en persoal do Servizo Galego de Saúde si está previsto que aumenten por riba da media (ata 2.562 millóns, un 7,5% máis).