Modificado o decreto da lingua no ensino: o galego volve ás ciencias só se marcha doutras materias

Alfonso Rueda, nunha visita a un centro escolar, con fragmentos das modificacións no decreto do plurilingüismo CC-BY-SA Xunta / Montaxe: Praza.gal

Modificado o polémico decreto do plurilingüismo. Tal e como se comprometeran PP e PSdeG ao asinar o seu pacto lingüístico, a lei de medidas e fiscais administrativas (coñecida como lei de acompañamento) que a Xunta publica canda os Orzamentos —coñecidos este luns— consagra os cambios acordados por ambos partidos na norma que rexía o uso das linguas no ensino, que permanecía inalterable desde que fora aprobada polo primeiro goberno de Núñez Feijóo en 2010. 

A lei de acompañamento publica a modificación do decreto do plurilingüismo tras o pacto PP-PSdeG: érguese o veto ao galego en ciencias pero mantense o equilibrio estrito entre ambas linguas

A mudanza fundamental no Decreto 79/2010 é o fin do veto á lingua galega nas materias de ciencias que leva vixente 17 anos, pero os cambios no decreto, tal e como se deducía do pacto PP-PSdeG, afianzan o equilibrio ao 50% entre galego e castelán e non aumentan o peso do idioma propio de Galicia. 

Ademais, tal e como adiantara o PP e malia que ese detalle non aparecía no documento asinado entre os dous partidos, a elección das linguas de impartición das materias será por bloques en cada etapa: se Matemáticas, Tecnoloxía ou Física e Química se dan en galego, Ciencias Sociais ou da Natureza, Xeografía e Historia e Bioloxía e Xeoloxía deberán ser en castelán. E viceversa. 

Alberto Pazos, portavoz do PP, e Lara Méndez, viceportavoz do PSdeG, asinan o pacto polo galego no Parlamento CC-BY-SA Praza Pública

Todo a pesar que desde o PSdeG, en público e en privado, advertira de que esa condición non aparecía no documento pactado e non tiña por que ser aplicable. Finalmente, as mudanzas serán efectivas aínda dentro de dous anos, no curso 2028-29, malia que os socialistas tamén deixaran a porta aberta a que se levasen a cabo antes. 

Os cambios non serán efectivos ata dentro de dous anos, no curso 2028-29 e serán os centros os que decidan en que lingua se imparte cada materia

Que é o que muda no decreto na modificación publicada na lei de acompañamento aos Orzamentos? No que ten que ver coa educación infantil, modifícase o número 1 do artigo 5 para engadir unha pequena frase, que é a única mudanza que se dá sobre a ensinanza das linguas nun período clave para os e as máis pequenas. 

Así, aclárase que nesta etapa "o profesorado usará na aula a lingua materna predominante entre o alumnado, ben que deberá ter en conta a lingua do contorno", engadindo a continuación que isto farase "especialmente en áreas urbanas e periurbanas". Malia que no pacto especificábase tamén que esa especial atención nestas zonas tiña como obxectivo que "o galego se use tanto como o castelán", esa referencia non aparece na modificación final. 

A continuación, como xa se facía na redacción orixinal do decreto, asegúrase, despois de aludir a esa especial atención ás zonas urbanas, que o corpo docente "procurará que o alumnado adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia dentro dos límites da etapa ou ciclo". 

O cambio en educación infantil limítase a que se teña en conta a lingua da contorna do alumnado "especialmente en áreas urbanas e periurbanas"

En resumo, non se alude á posibilidade dunha educación maioritaria ou total en galego neses primeiros cursos nin á inmersión, como si facilitaban, por exemplo, as Galescolas na primeira etapa de infantil. 

Con respecto á educación primaria, modifícase o artigo 6 para erguer o veto ao galego nas materias de ciencias. Mentres na redacción orixinal do decreto se especificaba que se impartiría en galego "a materia de Coñecemento do medio natural, social e cultural, e en castelán a materia de Matemáticas", a nova aclara que xa non se prohibe impartir Matemáticas en galego pero tamén que iso implica que as dúas materias de ciencias da etapa deberían ser, nese caso, en castelán. 

"As materias de Ciencias Sociais e Ciencias da Natureza, consideradas conxuntamente, e a materia de Matemáticas impartiranse en linguas oficiais diferentes", di o artigo modificado, que aclara que "o centro determinará, conforme ao procedemento establecido no regulamento de centros, cal dos dous bloques se impartirá en galego e cal en castelán". 

Resultado da votación do novo PXNLG, o pasado 7 de outubro CC-BY-SA Parlamento de Galicia

O método é idéntico no resto de etapas. En canto a secundaria, mentres antes se impoñía a impartición en castelán de Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química, agora advírtese de que "cada centro educativo" será o que decida "a lingua de impartición" de cada un dos bloques: Xeografía e Historia e Bioloxía e Xeoloxía e o que abrangue Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química. 

En primaria, impartir as Matemáticas en galego implica que Ciencias Sociais e Ciencias da Natureza sexan en castelán

A nova redacción aclara que "a decisión deberá adoptarse para cada bloque na súa totalidade" e que a elección dunha lingua para un deles "implicará necesariamente a impartición na outra lingua oficial do outro bloque". 

Con todo, o decreto agora asegura que para "proporcionar unha maior flexibilidade", os centros poderán facer "intercambios individuais entre as materias asignadas a cada bloque" para modificar a súa lingua de impartición, "sempre que correspondan ao mesmo curso e teñan a mesma consideración curricular". 

Neste caso, a norma volve deixar claro o principio reitor aplicado desde que se aprobara o decreto en 2010: o equilibrio ten que ser total e non hai opción ningunha de que o galego teña maior peso que o castelán. Así, aclara que cando as materias intercambiadas teñan diferente carga horaria semanal, "os centros deberán realizar os axustes necesarios noutras materias do mesmo curso cuxa lingua de impartición non estea fixada neste decreto para manter o equilibrio horario entre as dúas linguas oficiais".

En secundaria permítense "intercambios individuais" de lingua entre as materias de cada bloque, pero se o peso dalgún idioma é maior haberá que mudar o doutra materia non incluída neses bloques

En definitiva, que no caso de que o peso do galego (ou do castelán) sexa maior na carga lectiva haberá que facer os axustes necesarios para manter o tan manido equilibrio lingüístico. A propia modificación do decreto insiste niso ao advertir de que "os cambios deberán seguir un criterio uniforme que garanta unha distribución lingüística coherente e continuada ao longo da educación secundaria obrigatoria". 

Tendo en conta as modificacións no ensino, o decreto actualizado mantén o principio do 50% do galego nas aulas como máximo que tamén reivindica o novo Plan Xeral de Normalización recentemente aprobado, mentres que o plan de normalización de 2004 e o decreto do ensino de 2007 establecían un 50% "como mínimo" para a lingua propia. 

Aula dun centro de ensino © Igaxes

De "equipos de dinamización" a "equipos de normalización"

Na lei de acompañamento aclárase tamén que os centros deberán levar a cabo a renovación dos seus Proxectos Lingüísticos, para decidir en que lingua se impartirán as materias, entre o 1 de abril e o 30 de maio de 2028 para que sexan aplicables no curso seguinte. E aclara que, mentres, manterase a repartición vixente nos documentos actuais. 

Por outra banda, a modificación do decreto engade unha disposición adicional única que implica o cambio de denominación dos denominados "equipos de dinamización da lingua galega" que pasan a ser, como eran xa antes, "equipos de normalización lingüística". 

A mudanza implica a supresión da disposición transitoria primeira que obrigara ao cambio de denominación co anterior decreto e ten a súa relevancia, xa que o cambio imposto fora duramente criticado, precisamente, por técnicos de normalización e entidades en defensa da lingua. Entendían a decisión como ideolóxica por intentar dar a entender que o galego non precisaba de normalización porque xa estaba plenamente normalizado. 

Ademais, o pacto entre PSdeG e PP acordara incrementar en 1,5 millóns de euros a dotación orzamentaria para o fomento da lingua durante a presente lexislatura. Nos Orzamentos que veñen de aprobarse, o dedicado á Normalización lingüística sobe un 11,5%, por riba da media, de 13 millóns a 14,7.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.