O Consello do Goberno galego aproba os Orzamentos Xerais do ano vindeiro, cun importe récord por sétimo ano consecutivo "pola boa marcha da economía e do emprego" e cuxos detalles serán públicos o luns vindeiro, cando entren no Parlamento
Os Orzamentos Xerais da Xunta para 2027 veñen de iniciar o seu trámite coa aprobación no Consello do Goberno galego. Será o vindeiro luns, cando cheguen ao Parlamento, cando o proxecto de contas públicas do ano vindeiro sexa público na súa totalidade e, polo tanto, poidan debullarse os incrementos e diminucións das súas partidas, así coma os detalles das múltiples normas que reforma a lei de acompañamento que volve levar anexo.
Como adoito, o divulgado tras a aprobación polo Executivo son as grandes cifras estruturais dun orzamento que, sen contar a débeda, superará por primeira vez os 15.000 millóns de euros. Serán, concretamente, 15.158 millóns. Son 918,3 máis que en 2026 (+6,4%), unha suba que ten a súa orixe fundamental no incremento da recadación vía impostos que chega a través do caducado sistema de financiamento das comunidades autónomas polo Estado.
O propio conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, evidenciaba a orixe do novo récord orzamentario, o sétimo consecutivo: os "capítulos de ingresos tributarios", tanto directos (+8,8%, ata case 5.000 millóns) coma indirectos (+7,8%, máis de 4.700 millóns) do "sistema de financiamento autonómico". E aumentan, admite, "pola boa marcha da economía e do emprego".
O proxecto inclúe tres novas rebaixas de impostos tras deixar de recadar por esta vía 2.100 millóns na primeira metade da década
Corgos introduce neste punto unha advertencia para o futuro. O que apenas aumenta (1,7%) son os ingresos por taxas e prezos públicos de servizos da propia Xunta (pasan de 180 a 183 millóns) pero isto non vai ser así "eternamente". "Cando desapareza a tensión nos prezos" -o incremento da inflación-, anticipa, o Goberno galego prevé subir tarifas en servizos públicos que "deberán adaptarse" ao incremento de custos dos últimos anos.
Rebaixas de impostos
O incremento de ingresos tributarios a través do sistema de financiamento autonómico permite ao Goberno galego, un ano máis, anunciar novas rebaixas nalgúns impostos. Nun contexto no que, gábase Corgos, os recortes impositivos de 2020 a 2025 suman case 2.100 millóns de euros que a Xunta deixou de recadar, en 2027 chegarán tres novas medidas nesa liña.
Á espera de observar o detalle da lei cando entre no Parlamento, o titular de facenda avanza un recorte de 0,25 puntos en catro dos cinco tramos do imposto sobre a renda (o IRPF) -os da poboación que declara ata 35.200 euros- con efecto retroactivo dende xaneiro de 2026. Tamén a desaparición do imposto de actos xurídicos documentados para vendedores e compradores de vivenda protexida e 3 décimas menos neste mesmo tributo noutras operacións de vivenda se a rebaixa se "traslada ao prezo" efectivo do piso ou casa.
Ademais, avanza, a Xunta amplía ata o 99% a "redución pola sucesión en empresas familiares ou negocios familiares". Chegará a familiares "ata terceiro grao de afinidade" e tamén a persoal sen vencello familiar pero que leve 10 anos a traballar na empresa ou 5 na directiva da mesma.
Os gastos, á espera dos detalles
No que atinxe ao orzamento de gastos, a información avanzada este venres só permite coñecer o proxecto grandes trazos como un incremento no gasto de persoal -derivada, sobre todo, de melloras retributivas xa coñecidas-. E, ao contrario que en 2026, unha previsión de incremento dos fondos previstos para investimentos reais (por exemplo, obras) do 5% que se produce, destaca o conselleiro, aínda que nestas contas públicas xa non figuren cartos dos fondos europeos de recuperación tras o COVID, cuxa aplicación finaliza neste 2026.
Asegura o conselleiro que unha parte significativa do incremento en investimentos irá parar a vivenda con 57 millóns máis. Neste sentido, sostén o presidente Rueda que o total da partida de vivenda superará os 300 millóns de euros -o ano pasado foran 255- nunhas contas que tamén reflectirán incrementos en ámbitos como a atención á dependencia por mor do incremento do financiamento estatal.
Avanza tamén a Xunta que haberá subas nas súas dúas principais partidas de cada ano, sanidade e educación. O orzamento sanitario, indica, subirá uns 359 millóns -as contas do pasado ano contemplaban un orzamento inicial de 5.426 millóns- e o educativo, uns 239 -comezou 2026 con 3.007 millóns-.
As contas, sinalan tamén Rueda e Corgos, están elaboradas para aproveitar a "oportunidade" que supón o Xacobeo 2027. Neste sentido, cabe agardar un novo alargamento do orzamento turístico. Para coñecer eses detalles, en todo caso, cómpre agardar ao luns.