A Xunta aproba a flexibilización da moratoria do eucalipto que o PP non tramitou por erro

Un castiñeiro ao carón dunha plantación de eucaliptos CC-BY-NC-SA Praza.gal

A le de medidas fiscais e administrativas que acompaña os Orzamentos para o vindeiro ano 2027 (coñecida como lei de acompañamento) permite á Xunta ampliar un chisco máis a flexibilización da moratoria para a plantación de eucaliptos ata 2030. E faino corrixindo o erro do PP, que hai case un ano esquecera a última hora tramitar un cambio que agora leva a cabo. 

A Xunta aproveita a lei de acompañamento para permitir traslados de plantacións de eucaliptos do 100% da superficie se as dúas parcelas son do mesmo propietario, algo limitado ao 75% ata agora

A modificación, agora confirmada, permite ás persoas propietarias replantar ata o 100% dunha plantación de eucaliptos noutro terreo seu grazas ao cambio que a Xunta introduce na lei de recuperación de terra agraria de Galicia de 2021, onde se inclúe a moratoria. 

A "flexibilización" desta moratoria anunciada pola Xunta en outubro do pasado ano para estendela ata 2030 concretouse tamén a través da lei de acompañamento, establecéndose que non só se puidesen trasladar eucaliptos entre parcelas dun mesmo propietario senón que tamén se puidesen facer esas operacións entre parcelas de distintos propietarios. 

Unha plantación de eucaliptos ao carón dun prado nunha localidade da Terra Chá CC-BY-NC-SA Praza.gal

No entanto, se antes a nova plantación de eucalipto podía ter a mesma superficie que a orixinal que mudaba de especie, coa reforma da Xunta a nova parcela só pode ter o 75% da superficie de eucalipto que había na parcela orixinal. Xa que logo, permítense máis traslados de plantacións pero —ata agora— prexudicábase os propietarios de varias parcelas, que ata daquela podían trasladar entre elas o 100% da superficie e víano limitado ao 75%, ao igual que no caso de seren propietarios distintos. 

O Goberno galego confirma unha modificación que intentou hai un ano a través dunha emenda do PP que o partido esquecera tramitar.  

A modificación da moratoria aprobada nesta última lei de acompañamento dos Orzamentos de 2027 aclara que "a superficie da nova repoboación de Eucalyptus tamén poderá alcanzar ata o 100% cando tanto a superficie orixinaria como a superficie da nova repoboación pertenzan á mesma persoa propietaria". Engade así este parágrafo que non fora incluído o ano pasado e permite aos donos de varios terreos replantar o 100%  de eucaliptos outro seu. 

Deste xeito, a Xunta consegue o obxectivo que non acadara hai un ano, cando a través dunha emenda do PP á lei de acompañamento pretendía incluír ese matiz, agora finalmente incorporado, de que que os traslados de plantacións poden seguir sendo do 100% da superficie cando as parcelas de orixe e destino son do mesmo propietario e do 75% cando o propietario é distinto. 

As repoboacións do 75% de eucalipto deberán ser completadas, no 25% restante, con frondosas para "non reducir a superficie arborada e favorecer a biodiversidade"

Daquela, os populares non presentaran a súa nova proposta nin nas súas emendas nin nun engadido presentado minuto e medio despois de que rematase o prazo de rexistro, Un erro corrixido once meses despois. 

Por outra banda, e segundo a moratoria, a superficie de repoboación de eucaliptos chegaría tamén a ese 100% cando se retiren plantacións legalmente realizadas na Rede Natura 2000, "co obxecto de fomentar a súa retirada". No resto dos casos, a superficie da nova repoboación de eucalipto "non poderá superar o 75% da superficie orixinaria que foi obxecto de transformación". 

Plantación de eucaliptos no Ortegal CC-BY-SA Praza Pública

Pero ademais, a Xunta inclúe outra novidade sobre estas repoboacións na lei de acompañamento, xa que, "co fin de non reducir a superficie arborada e favorecer a biodiversidade, o 25% restante ata acadar a superficie orixinaria terá que ser plantado con frondosas". 

Novas plantacións en superficies non produtivas

Nesta liña, as modificacións incluídas na lei de acompañamento insisten en que "as novas repoboacións de eucalipto e as repoboacións da superficie orixinaria deberán cumprir o disposto nesta lei e no resto da lexislación sectorial vixente". E ademais, no mesmo artigo, a Xunta engade que, en particular, "a nova plantación deberá situarse sobre superficies actualmente non produtivas, rasas ou abandonadas, non podendo substituír plantacións de coníferas e/ou masas de frondosas", sen prexuízo "doutras posibles limitacións previstas na lexislación sectorial vixente". 

Un cambio para permitir repoboar aos propietarios nas súas parcelas ata o 100% pero tamén para priorizar que estas repoboacións se fagan en terreos no produtivos e para que, nos casos de non poder ser totais, se completen con especies frondosas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.