Unha cuestión formal na votación de emendas a unha iniciativa do PSdeG fai emerxer novos reproches da cúpula do PP contra Miguel Santalices, con quen a número dous do partido xa mantivera un enfrontamento público hai poucos meses
Unha das máis recorrentes -e, posiblemente, máis xustas- queixas de moitos membros do Parlamento con independencia da súa cor política é a dificultade para que os asuntos realmente relevantes que alí se abordan transcendan os muros do Pazo do Hórreo. Alén das eivas de base da esfera pública galega, como en tantos outros lexislativos o que máis triunfa en termos mediáticos e por extensión, en eco cidadán son os tirapuxas máis ou menos puntuais, as declaracións altisonantes ou as anécdotas. E moito menos os debates construtivos ou as cuestións estruturais que a Cámara debate e lexisla ata acabar influíndo na vida das persoas.
Se cadra unha das mellores mostras deste fenómeno son as partes finais, frecuentemente en horario de tarde, de diversas sesións plenarias. Esas horas nas que a fraqueza dos cadros de persoal da práctica totalidade dos medios de comunicación propician que a atención decaia, máis aínda se os principais debates xa pasaron. Momentos nos que o cansazo comeza a pasar factura aínda que o que estea sobre a mesa sexa unha das bases do proceso parlamentario, as votacións das iniciativas que presentan os grupos.
No pleno celebrado esta semana confluíron varios destes elementos. Foi arredor dun debate relevante, unha iniciativa na que a deputada do PSdeG Silvia Longueira reclamaba á Xunta "medidas preventivas en materia de
dependencia" e soidade non desexada e á que tanto o PP coma o BNG fixeron as súas achegas en forma de emendas. Na tramitación e votación desas emendas a proposta acabou naufragando mentres a cúpula do grupo parlamentario do PP deixaba ver outra volta a súa crecente e, aparentemente, cada vez máis indisimulada hostilidade cara ao presidente do Parlamento, o tamén popular Miguel Santalices.
Fontes presenciais aseguran que, tras a votación nos termos indicados polo presidente do Parlamento tras consultar cos letrados, cargos populares lle afearon a súa actitude nos corredores do Pazo do Hórreo
A orixe do conflito foi unha cuestión formal. Longueira aceptou as emendas dos populares e dos nacionalistas, pero o grupo que sustenta ao Goberno reclamou unha votación por puntos e non do texto no seu conxunto para votar só a súa emenda e non apoiar a do Bloque. A socialista rexeitouno e reclamou someter a votación o texto final. E o presidente, tras consultar co letrado da Cámara, indicou ao seu grupo que só lle restaba a posibilidade de retirar a súa emenda se non desexaba votar en contra da súa propia proposta, pero unida aos textos de PSdeG e BNG.
"Se o Grupo Popular non a quere votar ten que retirala, é o que di o letrado", advertiu Santalices mentres medraba os ruxerruxes no seu propio grupo, parte de cuxos membros aplaudiron as palabras de desaprobación por parte do seu voceiro, Alberto Pazos, e mais da súa vicevoceira, Paula Prado, quen xa mantivo un enfrontamento público con Santalices o pasado outubro. "Eu pido que se diga a realidade, que non se acepta a nosa emenda nos seus termos; non imos votar en contra dunha emenda que non se acepta nos seus termos, isto non é unha invención", reprochou Pazos a Santalices. "Sempre se fixo así", agregou o voceiro conservador, quen aseguraba que o que pechara con Longueira era "unha transacción".

"Os servizos xurídicos din que non é unha transacción", reiterou Santalices tras outra consulta co letrado. "Retiramos a emenda e calquera posibilidade de acordo a partir de agora que non sexa formulada por escrito", zanxou Pazos. "Pois a outra historia", resolveu Santalices. O texto final (a iniciativa do PSdeG canda a emenda do BNG) foi rexeitado polos votos do PP e tras a votación destacados cargos do PP lanzaron reproches a Santalices nos corredores, aseguran fontes presenciais. "Qué despropósito, siempre igual", afeáronlle.
As novas tensións chegan pouco despois dos enésimos rumores sobre unha eventual marcha de Santalices, que el mesmo se afanou en arrefriar
Así, nas horas finais dun pleno, ficou diluído o tirapuxa e -sobre todo- os seus ecos semi privados posteriores. As novas tensións chegan semanas despois dos enésimos rumores sobre unha eventual marcha de Santalices da presidencia do Parlamento antes da fin da lexislatura. Tamén pouco despois de que o propio xefe do lexislativo, o deputado máis veterano da Cámara, se afanase no marco das súas respostas a unha entrevista coa axencia Europa Press en evidenciar que esa marcha, de producirse, non será inmediata.
Ao día seguinte destes acontecementos, ás bancadas da oposición regresaron as relativamente habituais queixas sobre o reparto dos tempos de intervención, nos que para diversos representantes da esquerda Santalices adoita ser máis xeneroso cos seus que con BNG ou PSdeG. Non as proferiron en alto nin abordaron o presidente nos corredores para reprocharllas.