A Xunta aproba o plan contra a soidade seis anos despois de que o Parlamento o reclamase

Fabiola García, conselleira de Política Social, e Alfonso Rueda, presidente da Xunta, tras o Consello CC-BY-SA Xunta

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou este luns de que o Goberno galego vai reforzar a súa Estratexia contra a soidade non desexada con novas medidas como a “creación de redes de apoio local” ou un servizo multicanle de atención específica para as persoas nesta situación. O obxectivo é facer fronte a “un dos desafíos sociais do noso tempo” que está ligado ao incremento da esperanza de vida.

Anunciou este reforzo dun plan xusto despois de que o Consello da Xunta, tal e como informa o propio Goberno nun comunicado, aprobase esta estratexia e o seu plan de acción, malia que Rueda anunciou que a devandita estratexia inclúe medidas xa en marcha e outras novas, e estará dotada de “máis de 145 millóns de euros”

Logo, a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, aclarou que o documento fixa catro eixos de actuación: “A detección, a sensibilización, a prevención e a intervención”, cada un deles con propostas concretas.

Fabiola García, conselleira de Política Social, presenta a estratexia e plan de acción contra a soidade non desexada CC-BY-SA Xunta

O caso é que esta estratexia chega seis anos despois de que a reclamase o Parlamento. A finais de xuño de 2019, o pleno da Cámara galega aprobaba por unanimidade unha moción presentada polo grupo do PSdeG na que se exixía á Xunta a posta en marcha dunha Estratexia de prevención e atención á soidade non desexada en Galicia onde, segundo datos do INE, hai 138.000 persoas de máis de 65 anos que viven soas.  

A Xunta anuncia a estratexia e plan de acción para a atención á soidade non desexada seis anos despois de que o Parlamento pedise aprobala "de maneira urxente"

Vinte e un meses despois, en marzo de 2021 e xa noutra lexislatura, a conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciaba no Parlamento que en poucos días a Xunta presentaría esa Estratexia galega de atención á soidade non desexada, unha "iniciativa pioneira a nivel estatal". 

Aínda hai menos dun ano, en setembro de 2024 en Santiago, o xa presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciaba que o Goberno galego ultimaba "a Estratexia galega de atención á soidade non desexada para
traballar na prevención, detección e intervención que complementa con iniciativas como Xuntos polo Nadal, ao mesmo tempo que traballa en medidas para paliar o idadismo na poboación galega". En marzo deste ano, desde O Grove, adiantaba que esta estratexia vería "a luz en breves". 

Chegou este luns, case seis anos despois desde que o Parlamento, e por unanimidade, a reclamase "de maneira urxente". Na súa presentación, Fabiola García dixo que, no que atinxe á detección, búscase "un sistema de alarmas que identifiquen casos concretos”. Así, prevese a elaboración dun protocolo para identificar situacións de soidade non desexada e a creación dun censo. Tamén se prevé utilizar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para detectar e activar os recursos necesarios para combater situacións de soidade non desexada; así como unha maior coordinación cos traballadores sociais de atención primaria e dos concellos. 

A estratexia e o plan están dotados con máis de 145 millóns e prevé unha rede de alerta que implica a carteiros, bares, comercios ou centros parroquiais

Outra medida que forma parte deste eixo, tal e como explicou o presidente, é a creación de redes de apoio local e comunitario “para detectar situacións de vulnerabilidade e illamento social entre as persoas maiores”. Estarán formadas por “comercios de barrio, bares e cafeterías, farmacias, carteiros, centros parroquiais ou asociacións veciñais” que contarán cun distintivo e “darán a voz de alarma en caso de que identifiquen sinais preocupantes” nalgunha persoa maior do barrio ou parroquia. Ademais, en cada lugar haberá un coordinador “en estreita colaboración cos servizos sociais”.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na rolda de prensa tras o Consello CC-BY-SA Xunta

No marco da sensibilización, desenvolveranse campañas informativas e de concienciación, programas de formación para profesorado e alumnado e recoñecerase o traballo de persoas e entidades contra a soidade non desexada. 

Ademais, e xa no campo da prevención, a estratexia aposta por seguir promovendo actividades interxeracionais, por poñer en marcha un programa de rutas culturais e viaxes para persoas maiores, por continuar cos proxectos de acompañamento dixital para persoas con 65 e máis anos para reducir a fenda dixital ou por consolidar e ampliar o Carné +65.

O último eixo da estratexia, a intervención, define actuacións de apoio e acompañamento, tales como o fomento de vivendas compartidas de tipo cohousing ou coliving, programas de voluntariado específicos en materia de atención á soidade non desexada, a creación da figura de coordinadores de barrios e parroquias, a colaboración coas protectoras de animais para facilitar o coidado ou a adopción dunha mascota e a organización de cafés grupais, segundo explica a Xunta. 

Teléfono contra a soidade, "nas vindeiras semanas"

Fabiola García salientou que entre as novas actuacións que se levarán a cabo para facer fronte a situacións de soidade non desexada, unha das máis inminentes será a posta en marcha “dun servizo multicanle”, que ademais de atender as chamadas que reciba fará un seguimento dos casos. Será un teléfono contra a soidade non desexada que podería estar xa en marcha este mes. 

Este servizo, detallou, xestionarase en colaboración coa Cruz Vermella, que tamén habilitará puntos presenciais de atención e fará un seguimento das pautas e dos hábitos de vida de usuarios da teleasistencia avanzada para previr e atender situacións de soidade. “Poñerase en marcha nas vindeiras semanas” de forma piloto co seguimento de “mil persoas maiores de 65 anos”, indicou a conselleira.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.