138 mil persoas de máis de 65 anos viven soas en Galicia

É o nivel máis alto da serie histórica, cun aumento importante dende o ano 2022 (123.258) © Xunta

É o nivel máis alto da serie histórica, cun aumento importante dende o ano 2022 (123.258)

Galicia sofre un proceso de envellecemento dende hai décadas, en paralelo con todos os países da nosa contorna. Nun país no que o número de persoas de máis de 65 anos é cada vez maior, tamén medra a cifra de fogares formados unicamente por persoas maiores e, igualmente, o número de vivendas nas que só vive unha persoa de máis de 65 anos, coas problemáticas que esta situación pode xerar. Tendo en conta, iso si, que cada vez son máis os galegos e galegas que chegan aos 65 anos (e a idades máis avanzadadas) con boa saúde.

No ano 2023, segundo as cifras da Enquisa estrutural a fogares do IGE, vivían sós ou soas en Galicia 137.788 persoas de máis de 65 anos. É o nivel máis alto da serie histórica, cun aumento importante dende o ano 2022 (123.258).

Hai 57.000 fogares galegos nos que conviven tres xeracións: avós/avoas, fillos/fillas e netos/netas. Iso si, esta é unha realidade en descenso: hai dez anos eran 73.000

Vivir sós ou soas é unha situación habitual para as persoas de máis de 65 anos en Galicia. Así o fai algo menos do 20% do total, mentres que o 34% vive en parella con outra persoa de 65 anos ou máis.

Noutros casos as persoas viven cos seus fillos ou fillas e dáse o caso duns 57.000 fogares galegos nos que conviven tres xeracións: avós/avoas, fillos/fillas e netos/netas. Iso si, esta é unha realidade en descenso: hai dez anos eran 73.000

O 42% dos mozos e mozas entre 25 e 34 anos aínda vive cos seus pais e nais, unha porcentaxe inferior á do 2022 (47,3%) e que nos últimos anos amosa unha lixeira tendencia á baixa despois do máximo acadado no 2015 (49,4%)

Nun país avellentado como Galicia, hai outra realidade relacionada coa tipoloxía dos fogares á que habitualmente se empresta atención: a (difícil) emancipación da xente nova, que atopa grandes obstáculos para acceder a unha vivenda na que vivir fóra da casa familiar.

No ano 2023 o 42% dos mozos e mozas entre 25 e 34 anos aínda vivía cos seus pais e nais, unha porcentaxe inferior á do ano 2022 (47,3%) e que nos últimos anos amosa unha lixeira tendencia á baixa despois do máximo acadado no ano 2015 (49,4%), como efecto da crise económica da Gran Recesión.

A porcentaxe é moi superior nos homes (46,9%) que nas mulleres (37%), que máis rapidamente abandonan a casa familiar.

A porcentaxe é moi superior nos homes (46,9%) que nas mulleres (37%), que máis rapidamente abandonan a casa familiar

O factor máis importante para explicar a emancipación ou non da xente moza é o económico. A taxa de risco de pobreza das persoas de menos de 35 anos que vive fóra da casa familiar é do 17,1%, mentres que entre os mozos e mozas que aínda viven cos pais e nais a porcentaxe cae ata o 13,9%.

En todo caso, o 52,3% dos mozos e mozas entre 25 e 34 anos que aínda viven cos pais e nais teñen ingresos mensuais superiores aos mil euros. Trátase dunha porcentaxe superior á do ano 2022 (48,5%) e moi superior á do 2018 (31%).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.