A Xunta prevé ter o plan de atención á soidade dous anos despois de que o Parlamento pedise aprobalo "de maneira urxente"

Núñez Feijóo e Fabiola García, no acto sobre a Estratexia Estratexia galega de atención á soidade CC-BY-SA Xunta

O Parlamento aprobou hai case dous anos por unanimidade instar a Xunta a poñer en marcha "de maneira urxente" unha estratexia contra a soidade 

O plan da Xunta contra o problema da soidade non desexada de milleiros de persoas maiores en Galicia chegará, de cumprirse os prazos, dous anos despois de que o Parlamento instase a poñela en marcha de xeito "urxente" e catro meses máis tarde desde que o propio Goberno anunciou a súa inminente presentación. 

A finais de xuño de 2019, o pleno da Cámara galega aprobaba por unanimidade unha moción presentada polo grupo do PSdeG na que se exixía á Xunta a posta en marcha dunha Estratexia de prevención e atención á soidade non desexada en Galicia onde, segundo datos do INE, viven 126.000 persoas de máis de 65 anos que viven soas.  

Núñez Feijóo e Fabiola García, no acto sobre a Estratexia Estratexia galega de atención á soidade CC-BY-SA Xunta

Todos os partidos votaron a favor e apoiaron unha iniciativa que instaba tamén o Goberno galego a elaborar, durante aquela lexislatura xa rematada, "e en colaboración coa Fegamp, un informe que permita dimensionar o impacto do fenómeno da soidade en Galicia" no que se incluíse un censo de persoas maiores que viven soas. Logo, a Xunta --en colaboración cos concellos, o Executivo central e o terceiro sector-- debería "elaborar de maneira urxente" esa estratexia para "abordar de forma integral este fenómeno”.

Vinte e un meses despois, no pasado mes de marzo e xa noutra lexislatura, a conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou no Parlamento que en poucos días a Xunta presentaría esa Estratexia galega de atención á soidade non desexada, unha "iniciativa pioneira a nivel estatal". 

Feijóo anuncia agora unha mesa de traballo para "deseñar" a Estratexia galega de atención á soidade non desexada, que se prevé aprobar entre xuño e xullo

Neste luns, dous meses e medio despois do anuncio da conselleira, Feijóo avanzou a creación "dunha mesa de traballo cos concellos para deseñar" a devandita estratexia, "co obxectivo de poder aprobala entre xuño e xullo deste ano". Estaría lista, por fin, dous anos despois do acordo unánime do Parlamento que instaba a súa creación e entre tres e catro meses máis tarde da data que anunciara Fabiola García. 

O presidente da Xunta aclarou que esa mesa, encargada aínda de elaborar o plan, servirá para "analizar as medidas que están en marcha a nivel local, explorar vías de colaboración entre administracións e deseñar xuntos solucións novidosas”. 

Imaxe dunha muller maior en Galicia © Xunta

Durante unha xornada de traballo sobre este asunto, Feijóo recordou que esta estratexia, pioneira en toda España, identifica cinco liñas estratéxicas: a prevención, xa que é fundamental actuar antes de que o fenómeno apareza a través de iniciativas que favorezan as relacións sociais e a participación social ou cultural das persoas maiores; a detección e a intervención, respectando as preferencias e necesidades do maior para ofrecer o servizo que máis se axuste ás súas necesidades; e a visibilización e a cooperación, co fin de que a sociedade sexa consciente de que hai moitas persoas maiores que viven soas sen desexalo. 

Son as mesmas cinco liñas estratéxicas que a conselleira Fabiola García adiantara no Parlamento en marzo que, aclara agora Feijóo, teñen como obxectivo "que todos os maiores se sintan arroupados e que pague a pena o esforzo de converternos en pioneiros para coidalos”

Ademais, o presidente da Xunta asegurou que "moitos dos conceptos que guían esta iniciativa xa levan anos presentes nas políticas do Goberno galego" e citou programas como o voluntariado sénior, as casas do maior, o autobús de coidados porta a porta, o Xantar na Casa ou o Servizo de Axuda no Fogar.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.