Galicia roldaba as 22.000 prazas de residencias da terceira idade nos últimos datos completos do Imserso, correspondentes aocenso do sector divulgado en 2024, o mesmo que sinalaba que apenas o 10% do total eran completamente públicas -en centros públicos e con xestión pública-. Estudos máis recentes apuntan a un incremento ata a contorna das 25.000, sobre todo pola suba das concertadas -sufragadas con fondos públicos en centros privados-.
Fronte a estes datos -máis ou menos incompletos, pero dispoñibles- e aos xerais relativos á xestión da Lei de Dependencia segue sendo unha incógnita cantas persoas, concretamente, están a esperar por unha praza nunha residencia de maiores. Hai apenas dous anos a Consellería de Política Social negouse a revelalo ao Parlamento e agora vén de volvelo facer.
A negativa de 2024 chegou tras unha pregunta do PSdeG sobre as listas de espera en cada provincia -a Consellería respondera con datos de prazas residenciais autorizadas nas capitais provinciais-. Agora, tras outra do Grupo Socialista referida a unha única cidade, Santiago.
A Xunta responde unha pregunta do PSdeG sobre o "número actual de persoas en lista de agarda para unha praza pública en residencia de maiores en Santiago" con datos xerais sobre as prazas existentes na cidade e no conxunto de Galicia e poñendo o foco nos centros doados pola Fundación Amancio Ortega
A mediados de febreiro rexistraron no Parlamento unha pregunta breve: "Cal é o número actual de persoas en lista de agarda para acceder a unha praza pública en residencia de maiores en Santiago de Compostela?". A resposta chegou este 17 de marzo cunha referencia á capital galega e outros datos xerais do sistema, pero sen cifra ningunha de persoas a esperar por unha praza nunha residencia.
Así, o departamento que dirixe Fabiola García encabeza a resposta indicando que "Galicia conta con máis de 16.000 prazas públicas residenciais para persoas maiores" -inclúe na suma tanto públicas como concertadas- e que esa cifra é "tres veces máis que as que había en 2009". Agrega que está a "impulsar máis de 3.500 prazas residenciais" mediante as sete residencias doadas pola Fundación Amancio Ortega, a controvertida residencia de Ribeira, outra en Antas de Ulla e "1.800 prazas proxectadas no plan de residencias anunciado polo residente Rueda".
Tras esa referencia xeral, a Consellería detalla cantas prazas existen en Santiago, "máis de 800", unha cifra que "se consolidou tras a recente incorporación da residencia construída e financiada pola Fundación Amancio Ortega", con 120 prazas, "todas elas equipadas con tecnoloxía de vangarda e servizos especializados". O texto conclúe sen contestar cantas persoas esperan por unha praza.