600 menores de 65 anos en residencias de anciáns: a vía "excepcional" deixa de selo por falta de centros específicos

Rueda nunha das residencias doadas por Amancio Ortega á Xunta e datos de menores de 65 anos ingresados en centros de maiores públicos e concertado CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

Política Social admite que nas súas residencias de maiores un de cada 13 usuarios é menor de 65 anos malia que a normativa sinala que deberan ser casos puntuais

A normativa establece os 65 anos como idade a partir da cal unha persoa pode acceder a unha praza pública ou concertada nunha residencia de maiores de Galicia. Tamén di que "con carácter excepcional, poderanse prestar estes servizos ás persoas menores de 65 anos". Pero o paso do tempo fai que a excepción deixe de selo e hai anos que en Galicia entre 600 e 700 persoas menores de 65 anos ocupan prazas públicas ou concertadas en residencias de anciáns. Unha situación da que vén alertando o persoal polos problemas que supón o ingreso neses centros de persoas menores de 65 anos con doenzas psiquiátricas ante a inexistencia de centros axeitados para elas. 

O número de menores de 65 anos ingresados en residencias da Xunta ou concertadas foi desvelado por primeira vez por Praza.gal hai dous anos, tras unha petición de transparencia obstaculizada pola Consellería de Política Social, á que a Valedora do Pobo obrigou a detallar os datos. Daquela sóubose que nos cinco anos anteriores viñan sendo entre 600 e 700 persoas menores de 65 as que ocupaban prazas de maiores desa idade: ata 280 en residencias da Xunta ou do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e mesmo máis de 400 en centros privados con prazas concertadas.

Para comprobar se a situación fora "excepcional", como sinala a normativa, Praza.gal volveu formular unha petición similar de transparencia sobre os datos dos dous últimos anos. E a situación non muda. A 31 de decembro de 2024 había 705 menores de 65 anos en prazas de maiores públicas ou concertadas, e a 31 de decembro do pasado ano a cifra era de 599.

A falta doutros centros, nas residencias de maiores pódese ingresar "mediante o procedemento de emerxencia social" para persoas en desamparo, vítimas de malos tratos ou en "risco grave inminente para a súa integridade física e/ou psíquica"

Na súa nova resposta oficial a propia Consellería de Política Social reflicte a normativa que sinala os 65 anos como límite inferior para as residencias de maiores co matiz de que "con carácter excepcional poderanse prestar estes servizos ás persoas menores de 65 anos que, polo seu grao de dependencia, tipoloxía da mesma e intensidade de coidados que precisan, teñan unhas condicións asistenciais equiparables ás do resto de usuarios destes servizos". 

Na súa anterior resposta ao respecto a mesma consellería tamén matizara que a esas prazas pódese acceder "mediante o procedemento de emerxencia social" que vai dirixido a "persoas que se atopan nalgún dos tres supostos [legais]: situación de desamparo ou abandono; malos tratos físicos e/ou psíquicos; situación de risco grave inminente para a súa integridade física e/ou psíquica".

A falta de centros específicos para todas esas situacións acaba facendo que a excepcionalidade deixe de selo e a presenza de menores de 65 anos en residencias de maiores virase xa en estrutural. Un problema que se concentra especialmente nas prazas públicas, segundo se pode comprobar cruzando os datos da Xunta cos do Imserso, que hai dous anos cifraba en algo máis de 200 as persoas menores de 65 anos en prazas de maiores estritamente privadas.

Para contextualizar estas cifras hai que ter en conta as dimensións totais do sector das residencias de maiores en Galicia, cunhas 22.000 prazas das que 4.000 están residencias da Xunta ou do Consorcio, outras mil en residencias públicas doutras administracións e as restantes 17.000 son de titularidade privada. Destas últimas unhas 10.000 están á súa vez concertadas ou subvencionadas pola Xunta, o que leva habitualmente ao Goberno galego a presumir de que "contan xa con prazas públicas máis de 15.000 persoas en Galicia" ou que as axudas da Xunta benefician "a máis de 10.000 galegos para o pago dun centro residencial privado".

Muller nunha residencia de maiores en Galicia CC-BY-SA Xunta

A propia Xunta salienta que os menores de 65 anos veñen ocupando arredor do 8% das prazas públicas 

Na súa resposta coas cifras actualizadas dos dous últimos anos a propia Xunta establece unha relación entre as prazas ocupadas por menores de 65 anos e o total das prazas públicas. Segundo di, "o número de persoas menores de 65 anos usuarias de prazas públicas residenciais supuxeron un 8,9% no 2024 e un 7,5% no 2025 respecto da totalidade desta tipoloxía de prazas xestionadas pola Consellería de Política Socia e Igualdade" mentres que "o último dato subministrado referido ao 2023 foi dun 7,7%". Isto é, as 291 prazas públicas ocupadas a 31 de decembro por menores de 65 anos, o 7,5% das preto de 4.000 prazas públicas totais, supoñen que un de cada 13 usuarios dunha residencia de maiores da Xunta é menor de 65 anos. Algo "excepcional", segundo Política Social.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.