Tras anos de denuncias de situacións conflitivas en diversos centros, e ante unha pregunta do BNG sobre pacientes psiquiátricos na residencia de maiores de Oleiros, Política Social di que prepara un protocolo fronte a situacións violentas
Hai anos que profesionais de residencias de maiores veñen denunciando os problemas que se producen en centros nos que a Xunta ingresa tamén, por falta de lugares específicos, a persoas menores de 65 anos, en ocasións con patoloxías psiquiátricas asociadas, pero tamén persoas sen fogar con problemas médicos non hospitalarios. Son arredor de 600 persoas as que están neses centros malia teren menos de 65 anos, o que provoca conflitos que en ocasións chegan á violencia.
Por problemas dese tipo rexistrados na residencia de maiores de Oleiros preguntou por escrito hai uns meses á Xunta no Parlamento o BNG, que cuestionaba sobre as medidas previstas polo Goberno galego "para atender as persoas con este tipo de problemas, que impidan a mestura cos residentes maiores dependentes". A resposta tamén por escrito da Xunta pon o foco na súa intención de impartir en todas as residencias "un curso de formación denominado Xestión da agresión". Ademais dese curso, a Consellería de Política Social tamén asegura que "está a traballar nun protocolo de actuación fronte situacións violentas nos centros asistenciais".
Tras unha negativa inicial, e obrigada pola Valedora do Pobo, Política Social acabou facilitando a comezos deste ano a Praza.gal, que o solicitara en aplicación da Lei de Transparencia, o detalle de persoas menores de 65 anos residentes en centros de maiores por falta de lugares específicos para os seus problemas, distintos dos derivados da vellez. Ao longo dos últimos anos a cifra vén situándose de xeito estable arredor das 600 persoas en toda Galicia, en prazas públicas ou concertadas pola Xunta en centros privados.
Segundo matizou Política Social ao facilitar os datos, "a patoloxía psiquiátrica é unha característica clínica que pode afectar a calquera persoa en calquera momento da súa vida" e non é un criterio asociado á ocupación dunha praza residencial. Por iso argumentaba que non ten o detalle de cantas destas persoas menores de 65 anos ingresadas en residencias de maiores teñen problemas psiquiátricos. Pero parte delas si os teñen, como constatan os profesionais, e en ocasións a súa convivencia presenta problemas específicos distintos dos das persoas maiores.
Sobre eses problemas na residencia de maiores de Oleiros, semellantes aos doutros centros de maiores por toda Galicia, preguntou o BNG. Pero a resposta da Xunta pon o foco nos propios profesionais, ao salientar a importancia da súa formación.
A resposta da Xunta pon o foco nos propios profesionais das residencias de maiores, ao salientar a importancia da súa formación "ante condutas problemáticas, crises de axitación e condutas agresivas" e non di nada da posible construción de centros específicos para menores de 65
A contestación ao Parlamento principia sinalando que "comezouse este ano a impartir un curso de formación denominado Xestión da agresión que se vai impartir en todas as residencias e Centros de Atención a Persoas Dependentes ao longo deste ano". Política social engade que "é un curso con vocación de continuidade ao longo dos anos, destinado ao persoal de atención directa para a intervención ante condutas problemáticas, crises de axitación e condutas agresivas".
Ese curso xa se comezou a impartir nalgúns centros e a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) vén realizando actividades similares desde hai anos. Entre outras cuestións, fórmase aos profesionais dos centros sobre os principais problemas e o manexo de pacientes de xeito condutual ("tarefas de focalización") e verbal ("comunicación asertiva, desescalada verbal").
Tras poñer o foco neses cursos de xestión da agresón, Política Social di que tamén está a traballar nun protocolo de actuación ante situacións violentas "a través dun grupo de traballo emanado do Comité de Seguridade e saúde laboral, onde participan os axentes sociais, persoal directivo e sanitario dos centros asistenciais e o Servizo de Prevención de Riscos Lagborais". Un protocolo co que quere "definir e establecer as actuacións a realizar en materia de prevención, resolución e seguimento das situacións de 'violencia no traballo' nos centros asistenciais da Xunta".
Na súa resposta a Xunta non fala en ningún momento da posibilidade de crear centros específicos para atender a esas 600 persoas, máis dun cento en cada unha das catro provincias galegas, que teñen que estar ingresadas en centros de maiores malia non ter a idade por non haber outros lugares.