Persoal denuncia unha agresión sexual nunha residencia pública de Vigo e pide "máis medios"

Visita institucional da Xunta ao Complexo Residencial de Atención a Persoas Dependentes Vigo II CC-BY-SA Xunta

O comité de persoal de Política Social na provincia de Pontevedra denunciou este martes unha suposta agresión sexual a unha traballadora do Complexo Residencial de Atención a Persoas Dependentes (CRAPD II) de Vigo por parte dun usuario que a representación laboral denominou como de “emerxencia social” pero que a Consellería aclarou que entrara por réxime ordinario no centro. 

O feito tería ocorrido na última fin de semana de agosto e sería protagonizado por un paciente psiquiátrico que foi trasladado a outro centro. "Non podemos nin estamos dispostos a permitir que o persoal vaia con medo ao seu posto de traballo pola incompetencia das consellerías de Política Social e Sanidade que botan balóns fóra na atención ás persoas usuarias con patoloxías psiquiátricas e/ou con adicións ou poliadicións", denuncia o comité, que pide "máis medios". 

Persoal de Política Social, nunha mobilización ante unha residencia de maiores © UGT-Galicia

"Non podemos nin estamos dispostos a permitir que o persoal vaia con medo ao seu posto de traballo pola incompetencia das consellerías de Política Social e Sanidade"

Desde hai tempo, persoal destes centros denuncia que desde a pandemia de COVID son cada vez máis os ingresos nas residencias de enfermos psiquiátricos que comparten espazos con persoas maiores, o que provoca problemas, tamén pola falta de medios axeitados para atender estes dous colectivos co mesmo número de traballadores. 

O comité di ter "moi claro" que "tanto as persoas maiores como as persoas de emerxencia social merecen atención e un trato digno". "Pero somos conscientes de que non se lle pode dar ese trato aos dous colectivos ao mesmo tempo, no mesmo espazo e co mesmo persoal", din. "É inviable", aseguran, polo que esixen medidas para evitar que se repitan estas situacións, tales como adaptar espazos específicos para cada usuario, recursos axeitados e a presenza dun psiquiatra. 

Persoal denuncia que cada vez máis pacientes psiquiátricos e usuarios de emerxencia social son internados en centros de maiores sen que haxa medios nin persoal axeitados

Desde que se iniciou a derivación deste tipo de usuarios, denunciaron os representantes dos traballadores, os problemas foron en aumento, desde conflitos de convivencia, pasando mesmo por roubos aos residentes maiores. “E agora xa lle toca ao persoal”, denunciou Bernardina Porral, secretaria do comité, en alusión a esa traballadora agredida sexualmente (por un usuario que foi trasladado tras estes feitos), e anunciou que, á marxe do que decida a propia afectada, o comité porá estes feitos en coñecemento da Fiscalía.

Porral explicou que esta situación “non se pode repetir”, e que os traballadores do centro non poden acudir aos seus postos “con medo”. Por iso, desde o comité volveron a esixir medidas á administración, como a adaptación de espazos específicos para eses usuarios dentro das propias residencias, a dotación de recursos humanos, entre eles un psiquiatra “todos os días”, e a formación adecuada dos traballadores para atender eses casos.

Pancarta de protesta nun centro de maiores de Vigo, nunha foto de arquivo © Plataforma pola reposición do V Convenio

Desde a Consellería de Política Social e Xuventude, pola súa banda, advertiuse nun comunicado que a Xunta “actuou con total celeridade” así que tivo coñecemento deste caso, “para protexer” a traballadora do CRAPD de Vigo, que “decidiu non pór denuncia ante a Garda Civil”.

En calquera caso, o departamento autonómico matizou que o suposto agresor, que foi trasladado a outro centro residencial, entrou no CRAPD “por réxime ordinario, e non por emerxencia social”, como sinalou o comité.

Respecto diso, a Consellería advertiu de que “resulta discriminatorio asociar este suceso con este tipo de usuarios”, que “non son máis que persoas que acceden a unha praza residencial por atoparse en situación de desamparo”.

Finalmente, a Xunta lembrou que se atopa en proceso de elaboración dun protocolo de agresións, “tal e como foi acordado coas organizacións sindicais con representación no comité de empresa de Política Social”, e que se fai en colaboración co servizo de Prevención de Riscos Laborais. Así mesmo, “están a prepararse cursos de formación para o persoal dos centros de Política Social, para axudalos e asesoralos na xestión destes casos”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.