Durante o ano 2024 o número de prazas en residencias de maiores en Galicia incrementouse en case tres mil, pasando de 22.096 a 25.017, segundo os datos da Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais
Durante o ano 2024 o número de prazas en residencias de maiores en Galicia incrementouse en case tres mil, pasando de 22.096 a 25.017, segundo os datos que esta semana fixo públicos a Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais no seu informe anual, realizado a partir das estatísticas oficiais do IMSERSO. Trátase dunha boa nova, que se engade a unha tendencia de ascenso iniciada no ano 2017 (18.369 prazas) e ademais supón o maior ascenso nun só exercicio dende que existen datos.
O incremento, ademais, debeuse a un aumento significativo das prazas públicas ou concertadas, que pasaron de 16.600 en 2023 a 19.038 en 2024. As prazas sen financiamento público aumentaron en menor medida, de 5.430 a 5.979. En conxunto as prazas públicas ou concertadas supoñen o 76,1% do total, algo por riba do dato do ano anterior (75,4%) e tamén por riba da media do Estado (71,1%).
Galicia necesitaría contar con 36.526 prazas en residencias de maiores para chegar ao mínimo recomendado pola OMS. Ou, o que é o mesmo, cómpre incrementar o número de prazas en 11.509 prazas
Porén, o incremento segue deixando a Galicia moi lonxe da dotación mínima de prazas residenciais recomendada pola Organización Mundial da Saúde (OMS), situada en 5 prazas por cada 100 persoas maiores de 65 anos en cada territorio. A ratio galega sitúase en 3,4 prazas por cada 100 persoas maiores desa idade, unha cifra que mesmo está por debaixo da media do Estado (4,08).
A Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais calcula que Galicia necesitaría contar xa neste momento con 36.526 prazas en residencias de maiores para chegar ao mínimo recomendado pola OMS. Ou, o que é o mesmo, que cómpre incrementar o número de prazas en 11.509 prazas.
Os datos galegos son peores que a media do Estado e sitúanse moi lonxe das comunidades autónomas cunha maior dotación de prazas
Os datos galegos son peores que a media do Estado e sitúanse moi lonxe das comunidades autónomas cunha maior dotación de prazas, unha listaxe encabezada por Castela e León (7,5 prazas por cada 100 persoas maiores de 65 anos, 6 delas con financiamento público). Castela-A Mancha, Aragón, Estremadura e Asturias tamén superan esa ratio mínima recomendada pola OMS.
Galicia só mellora os datos de Andalucía, Murcia, Comunidade Valenciana, Canarias e Baleares, comunidades autónomas moito menos envellecidas que a galega.
En Galicia só están ocupadas o 76,1% das prazas existentes nas residencias de maiores
Segundo os datos do IMSERSO analizados pola Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais, en Galicia só están ocupadas o 76,1% das prazas existentes nas residencias de maiores, unha porcentaxe por debaixo da media e lonxe dun grupo de cinco comunidades nas que a porcentaxe de ocupación supera o 95% (Estremadura, Canarias, Castela-A Mancha, Baleares e Madrid).
En cambio, en Asturias, País Vasco ou a Comunidade Valenciana a porcentaxe rolda o 60%, "o que suxire unha inadecuada distribución das súas prazas residenciais ou un elevado custo das mesmas que as fai inaccesibles para boa parte de quen as necesitan", sinala a entidade.
A asociación segue defendendo unha "estratexia de desinstitucionalización para favorecer a permanencia das persoas en situación de dependencia no seu fogar, o que, de lograrse, reduciría a necesidade de prazas residenciais". Porén, denuncia que pouco ou nada se fixo para avanzar neste obxectivo, por exemplo a través do reforzo da axuda a domicilio
A Asociación segue defendendo unha "estratexia de desinstitucionalización para favorecer a permanencia das persoas en situación de dependencia no seu fogar, o que, de lograrse, reduciría a necesidade de prazas residenciais"; un obxectivo que se complementaría coa humanización dos centros cun novo modelo residencial. Porén, denuncia que pouco ou nada se fixo para avanzar neste obxectivo, por exemplo a través do reforzo da axuda a domicilio, a pesar de que no ano 2023 foi proposto polo Ministerio de Dereitos Sociais ás comunidades autónomas.
O servizo de axuda a domicilio atende a algo menos de 31 mil persoas maiores de 65 anos en Galicia, o que supón o 4,35% de toda a poboación por riba desta idade no país. A proporción sitúase algo por debaixo da media española (5,5%).
A entidade reclama, ademais, un cambio na metodoloxía empregada, pois "o índice de cobertura que se utiliza, tomando como referencia a poboación maior de 65 anos, resulta inadecuada na sociedade actual". A media de idade das persoas maiores en residencia sitúase ao redor dos 85 anos -no propio Informe dise que o 75,5% das persoas que viven en residencias teñen máis de 80 anos- nunha tendencia a que cada vez sexan persoas máis maiores, "en parte pola prolongación da vida e da idade na que aparecen as situacións de dependencia e, en parte tamén, porque as persoas desexamos, cada vez máis, permanecer en nosa propia casa o maior tempo posible".