Os coordinadores dos servizos hospitalarios de urxencias en Galicia cargan contra a xestión do Sergas, acusan a Consellería de Sanidade de bloquear os contratos a profesionais e advirten de graves problemas que "afectan directamente á seguridade clínica e á calidade asistencial prestada".
Os coordinadores das Urxencias denuncian o "bloqueo" da contratación de profesionais por parte da Consellería": "Fiscaliza e autoriza ou non"
Nun duro comunicado, des responsables dos servizos de urxencias hospitalarios (SUH) din sentirse "discriminados" e "maltratados" e denuncian o "bloqueo" da contratación de profesionais para os seu servizos por parte das xerencias das áreas sanitarias. "Están intervindas pola Consellería de Sanidade" que, aseguran, "fiscaliza e autoriza ou non".
E engaden que este bloqueo é aínda máis grave "xusto nos meses estivais, cando a demanda en moitos SUH aumenta de forma exponencial polo efecto de atracción vacacional que exerce a comunidade, e que leva algúns servizos a case duplicar as súas asistencias diarias".
Ás poucas horas de emitirse o comunicado, o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Alfredo Silva, contestou asegurando que o bloqueo da contratación de profesionais "é rotundamente falso".
O Sergas responde asegurando que o bloqueo da contratación nas Urxencias que se denuncia "é rotundamente falso"
"Como é habitual en relación coas diferentes categorías profesionais e especialidades médicas, a Consellería de Sanidade está a adoptar os mecanismos necesarios para garantir que os recursos dos que dispón o sistema sanitario público se destinen a garantir a cobertura asistencial de toda a poboación en todo o territorio en termos de equidade, especialmente ante situacións de difícil cobertura", xustifica ante as queixas.
O comunicado dos coordinadores de Urxencias chega tras a "falta de resposta e nulos avances" por parte do Sergas logo de "reiterados avisos e solicitudes de solución aos problemas urxentes" que din afrontar no seu labor diario. Unhas eivas que, avisan, "afectan directamente á seguridade clínica e á calidade asistencial" das Urxencias.
Ao tempo, Silva responde que a Xunta "leva anos reforzando a capacidade das Urxencias Hospitalarias para responder axeitadamente ás necesidades asistenciais". Na actualidade, di, "hai 149 prazas máis de médicos de Urxencias que no ano 2024".
O persoal de Urxencias di sentirse "discriminado" ao quedar á marxe de negociacións ou melloras nas condicións económicas e laborais doutros profesionais
No seu comunicado, os coordinadores denuncian, "sempre desde a lealdade institucional", que a "voluntariedade" para realizar "atención continuada, prolongacións ou coberturas" estaba instaurada xa para os facultativos de atención primaria e vén de ser "negociada" para o resto de servizos hospitalarios "volvendo a deixar á marxe" os de Urxencias.
Desde o Sergas, Alfredo Silva advirte que "os apoios por parte doutros profesionais que se realizan nos servizos de Urxencias tamén están rexidos pola voluntariedade incentivada".
"Non podemos permitir que os verdadeiros garantes da accesibilidade e da equidade do sistema sanitario público volvan ser discriminados. Aqueles que están sempre, a porta principal de entrada para a maioría da poboación do noso país —comprobado de forma máis evidente no contexto da pandemia— volvan ser maltratados", advirte o persoal de Urxencias.
O Sergas responde ante a acusación advertindo que "todos os profesionais do Sergas son garantes da accesibilidade e da equidade do sistema sanitario público, non sendo esta unha atribución exclusiva de ningunha categoría profesional"
O Sergas advirte ao persoal de Urxencias que "todos os profesionais son garantes da accesibilidade e da equidade do sistema sanitario público"
Por outra banda, á "diminución" da capacidade do seu servizo para contratar, estes coordinadores engaden máis problemas, como o feito de que os seus equipos estean "en inferioridade" nas "condicións económicas e laborais" con respecto ás acadadas polo persoal da atención primaria.
Por iso, sinalan a Xunta ante as negociacións de melloras individualizadas segundo o tipo de persoal. Alégranse de calquera mellora pero reclaman que se "equiparen" estas condicións ás do seu servizo.
Tamén ante esta denuncia, o Sergas apurou a contestar asegurando que a Consellería, "tal e como ten demostrado en numerosas ocasións ao longo dos últimos meses, dialoga cos profesionais de todas as categorías do sistema sanitario galego, incluído os médicos de Urxencias Hospitalarias".
"A Xunta xa puxo en marcha recentemente melloras laborais e retributivas para este colectivo. As melloras retributivas acordadas supoñen unha media de 3.560 euros máis ao ano para cada profesional médico de urxencias, que se suma aos aumentos salariais aprobados para os empregados públicos", lembra o director xeral de Asistencia Sanitaria.
"Situación dramática" en Ourense
Ademais, o comunicado dos coordinadores de Urxencias dedica unha parte aos recursos dos que dispoñen. "Desde hai 15 anos estanse a solicitar ferramentas informáticas para asegurar a trazabilidade" dentro dos servizos de urxencias, e advirten de que "a non existencia supón un grave problema de seguridade clínica e un risco para a calidade asistencial".
Tamén denuncian que as ferramentas informáticas que se desenvolven para a organización fanse sen contar con eles. "Un claro exemplo é IANUS 5, a nova historia clínica electrónica, que se implantada no Sergas neste momento levaría ao bloqueo inmediato dos SUH porque non está pensada para a atención urxente hospitalaria", avisan.
Por último, o comunicado fai especial fincapé na situación do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) . "Nestes momentos a situación é dramática: dispóñense tan só do 40% dos facultativos necesarios, esgotados desde hai moitos meses, intentando manter a flota ese servizo e a atención urxente da área", din.
Precisamente, a coordinadora da área en Ourense, Beatriz Martínez, non asina un comunicado que si secundan o resto de xefes de Urxencias dos principais hospitais do país.
"No CHUO só se dispon do 40% dos facultativos necesarios", denuncian
"Algúns de vós parastes a pensar que pasaría se ese servizo de urxencias pechase? A onde acudirán cando teñan un infarto, unha parada cardíaca, un ictus? A que recurso recorrerían para pedir axuda? Iso só reflicte a nefasta xestión da xerencia desa área sanitaria e da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria por chegar a esta situación", alertan.
Desde o Sergas aseguran que "esta mesma semana" está previsto que se aproben no Consello de Dirección do Sergas "as medidas extraordinarias para garantir as necesidades de cobertura asistencial no servizo de Urxencias de Ourense, como antes se fixo no caso do Hospital da Mariña". "Ata agora xa se viña reforzando este servizo co apoio de profesionais doutras áreas sanitarias", deféndese.
Pero os coordinadores de Urxencias insisten nas numerosas eivas e cren que é "o momento de que todos, sen excepción, axudemos", tras lembrar que qué unha obriga "compartida" a de "salvar" este servizo.