Galicia precisa 14.000 prazas máis en residencias de maiores

A conselleira de Política Social, Fabiola García, nunha residencia de maiores en Santiago CC-BY-SA Xunta de Galicia

Os informes da Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais seguen sendo un dos indicadores máis empregados para realizar radiografías ao sector. Por exemplo, para coñecer comparativamente ata que punto Galicia cumpre ou non cos estándares de cobertura recomendados neste eido e a comparación da situación co resto do Estado.

A entidade vén de actualizar a súa serie de datos, tirados do Imserso, cos relativos a 2023. Neste ano, e malia unha pequena mellora, Galicia seguía á cola do Estado na cobertura de prazas residenciais dentro do indicador que o mide sobre o total da poboación maior de 65 anos. 

Galicia é a cuarta comunidade cun maior déficit en prazas de residencias e maiores, case 14.000, e a quinta peor en canto á ratio por cada cen maiores (3,1)

Segundo o informe, Galicia é a cuarta comunidade autónoma, despois de Andalucía, Comunitat Valenciana e Catalunya, cun maior déficit en prazas de residencias de maiores. Así, o estudo aclara que ese déficit no país ascende a case 14.000 prazas (13.850) residencias para alcanzar a ratio de cinco por cada 100 persoas maiores de 65 anos. 

A ratio en Galicia, segundo o informe, estaría nas 3,1 prazas por cada cen maiores de 65 anos, practicamente a mesma —aínda que lixeiramente superior— que a do pasado ano e só superior á que se dá en Murcia, as Canarias, Comunitat Valenciana, Andalucía e Illes Balears. 

O número total de prazas residencias supera as 22.000, tamén tras un pequeno ascenso, pero segue sendo insuficiente para cumprir coas recomendacións da OMS e para alcanzar a proporción a nivel estatal, cunha media de algo máis de 4 prazas. 

En canto ao financiamento das 22.096 prazas residencias para persoas maiores en Galicia, o informe sinala que no 75,4% dos casos (máis de 16.600) son públicas —incluíndo tamén as concertadas— e no 24,6% privadas (5.430). 

Máis do 75% das prazas residencias de maiores teñen financiamento público, aínda que a xestión da metade do total é con ánimo de lucro

En todo caso, e debullando os datos noutros estudos anteriores, o maior número de prazas de residencias da terceira idade en Galicia, algo máis de 9.000, atópase en centros privados con ánimo de lucro, isto é, propiedade de empresas e non de entidades doutro tipo, como poden ser fundacións ou outras organización sociais. Engadidas ás máis de 2.000 prazas de titularidade pública que, mediante concesións e outras fórmulas, están xestionadas por empresas con ánimo de lucro, máis da metade do total.

Por outra banda, e no que ten que ver coa cobertura de prazas públicas, este último informe publicado a ratio galega é tamén menor que a do conxunto do Estado, situándose nas 2,35 por cada cen persoas que superan os 65 anos fronte ás 2,84 a nivel estatal. 

Ademais, o estudo sitúa no 75,4% a ocupación media das prazas residencias en Galicia, fronte ao 84,1% de media no Estado, e sobre o "tamaño" dos centros no país asegura que a dotación rolda as 76 prazas, unha cifra superior ás case 73 en España. 

No conxunto do Estado, a finais do ano 2023 había algo máis de 365.000 prazas residencias, 3.510 menos que o exercicio anterior, das cales 275.094 teñen achega pública e case 119.000 eran privadas. Xa que logo, o déficit de prazas segue aumentando e en España serían necesarias unhas 35.000 máis para atender a demanda. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.