Nova polémica arredor do Bono Concilia, programa estrela da Xunta coa que se conceden axudas económicas a pais e nais traballadoras para sufragar os gastos de conciliación durante as vacacións escolares. A apertura do prazo para solicitalas abría este mércores ás nove da mañá, xusto no día de inicio de curso e á hora de entrada da rapazada nos colexios. A alta demanda e o feito de que as achegas se concedan por orde de chegada —aos máis rápidos— e ata que se esgoten os fondos volveu provocar unha situación que deixa de ser xa estraña: unha longa ringleira virtual para acceder ao formulario e milleiros de persoas agardando.
A fila virtual para poder solicitar o Bono Concilia acumulou milleiros persoas nos primeiros minutos e esperas de máis dunha hora
Nada máis abrirse o prazo, o tempo de espera estimado na Sede Electrónica da Xunta era de máis dun cuarto de hora e 500 persoas agardaban xa a súa quenda. Aos tres minutos superaba a media hora e o sistema asignaba o posto 1.068 na cola, con 973 persoas por diante. Ás 9:07 pasaba dos tres cuartos de hora, co número 1.774 e máis de 1.500 persoas máis. Antes das 9:15, a previsión xa non era quen de precisar o tempo exacto de demora, que pasou a ser de "máis dunha hora", co número 2.345 de quenda e case 2.000 solicitantes antes. Todo aos poucos minutos de que moitos pais e nais acompañasen os seus fillos no primeiro día de curso.
A fila virtual, o número de asignación e o reloxo de espera na web lembran a outros sistemas, concretamente a concertos musicais de grandes artistas e gran demanda ou partidos relevantes de fútbol, onde tamén hai milleiros de persoas agardando ante unha pantalla durante ben tempo para conseguir o seu billete.
O bono segue o procedemento habitual da Xunta para repartir axudas: aos primeiros que os pidan e cumpran os requisitos e ata que se esgoten os fondos
Porque o Bono Concilia segue o procedemento habitual co que reparte axudas a particulares, empresas ou concellos a Xunta: o de concorrencia non competitiva, co que os cartos son entregados aos primeiros que os pidan cumprindo os requisitos e ata que se esgote a contía dispoñible. Non se ten en conta a renda nin ningún outro tipo de condicionante.
Pasada unha hora da apertura do prazo para as solicitudes, o colapso no acceso comezou a remitir, aínda que contra as 10 da mañá o número para a fila achegábase ao 5.400 e había case 3.000 persoas por diante. Non era cola para un concerto de Rosalía ou das Tanxugueiras. Nin para un partido de fútbol. Daquela o problema trasladouse ao SMS coa clave necesaria para asinar e finalizar a petición, que non foi enviado a varias das persoas solicitantes, que se viron obrigadas a reiniciar o proceso.
Ás críticas de varias familias afectadas uníronse tamén as de representantes da oposición como a deputada do BNG no Parlamento Olalla Rodil, que cre asegurou que "sacar o Bono Concilia para pedir e adxudicar por orde de entrada no rexistro, non de necesidade, o día que todas as familias estamos coa cabeza no inicio do curso e en mandar os fillos á escola é de mala xente. Punto". "Excluír o público do bonificable, máis aínda", expresou este mércores nas súas redes sociais. Antes, tanto o Bloque como o PSdeG amosáranse moi críticos co tipo de procedemento e co veto destas achegas aos campamentos organizados polas administracións públicas.
O prazo para solicitar o bono comezou o mesmo día e á mesma hora que se iniciaba o curso: "É de mala xente", di Olalla Rodil (BNG)
Porque o pasado 1 de setembro, O DOG certificou —como avanzara a propia conselleira de Política Social, Fabiola García, o 5 de agosto cos campamentos xa en marcha— que a diferenza de anos anteriores quedaban excluídas do Bono Concilia as familias que contratasen campamentos municipais ou doutras administracións e que só terán dereito a subvención as que contrataron campamentos privados.
A Xunta publicou as condicións de xeito retroactivo e só informou da nova restrición cando as familias xa contrataran o servizo, ao igual que sucedeu coas subvencións do pasado ano para mercar libros de texto, cando tivo que lexislar de urxencia logo de vetar os pagamentos en efectivos cando esas compras xa estaban realizadas.
Máis barato o privado que o público
Foron centos os campamentos e miles as prazas que ofrecen os municipios galegos que este ano xa non poden ser subvencionados polo Bono Concilia, que pode chegar a sufragar ata o 75% do custo do servizo a cada neno ou nena, cun máximo de 200 euros (e de ata 500 no caso de coidados a domicilio).
Segundo indicara a Consellería, o Bono Concilia chegou o pasado ano a arredor de 14.000 familias galegas. Este ano prevese que serán milleiros tamén as beneficiadas, ata que se esgoten os fondos, que se elevan aos 2,6 millóns de euros. Ao seren excluídos os campamentos municipais ou doutras administracións públicas, as posibilidades de subvención para aqueles que optaron por campamentos de entidades ou colexios privados elévanse. En moitos casos, o gasto destes últimos acabará sendo menor que os das familias que optaron polas actividades de iniciativa pública.