A Xunta deixa fóra do Bono Concilia familias que optaron por campamentos municipais e só subvencionará os privados

A conselleira Fabiola García nun campamento muncipal de verán en Ponteareas CC-BY-SA Xunta

Nestes días, son moitas as familias galegas que están a recibir os xustificantes de pagamento e asistencia aos campamentos de verán municipais dos que gozaron os seus fillos e fillas durante os meses de xuño e xullo. É a documentación necesaria para poder optar ás axudas económicas para optar ao Bono Concilia Familia, programa da Xunta coa que se conceden axudas económicas a pais e nais traballadoras para sufragar recursos para atender menores de entre 4 e 13 anos durante as vacacións escolares ou necesidades puntuais. 

Xa non lles farán falta. A Consellería de Política Social decidiu excluír os campamentos municipais destas axudas. Anunciouno este mércores o departamento que dirixe Fabiola García, ao explicar a novidade que terán as bases do programa, aínda non publicadas, e cuxo prazo para solicitar o bono non se abrirá ata os primeiros días de setembro

Campamento municipal de verán en Vigo CC-BY-SA Concello de Vigo

A Consellería, tal e como se pode ler na nota de prensa, aclara que destina 2,6 millóns de euros a este programa e que a contía das achegas ás familias "pode ser de ata 500 euros para as que contraten un servizo de coidado a domicilio ou de ata 200 euros para aquelas que leven aos seus fillos a recursos e actividades de conciliación". "Como campamentos ou ludotecas, excluídos os financiados por administracións públicas", engade Política Social. Velaí a clave. 

Política Social decide excluír os campamentos municipais das axudas do Bono Concilia, que ata o de agora só deixaban fóra os campamentos organizados pola propia Xunta

Ata agora, tal e como se pode ler na orde das bases do programa Bono Concilia Familia do pasado ano —publicadas tamén despois de que as familias contratasen xa os campamentos de Nadal, Semana Santa ou verán—, a subvención cubría a "asistencia a campamentos ou outros recursos de conciliación colectivos especificamente organizados por calquera persoa física ou xurídica, pública ou privada, para a atención dos nenos e nenas nos períodos de vacacións escolares". E só incluía unha excepción: os campamentos de verán organizados pola Xunta, que abranguen rapazada de entre 9 e 18 anos con 12.000 prazas para actividades entre xuño e setembro. 

Preguntada por esta decisión, a Consellería de Política Social limítase a asegurar que "os campamentos municipais tamén son financiados a través do Plan Corresponsables da Xunta de Galicia". Refírese ao plan de subvencións para iniciativas de conciliación, financiado nun 75% con fondos do Estado e nun 25% con fondos autonómicos.  

A Xunta deixa fóra do Bono Concilia milleiros que optan por campamentos municipais, máis económicos que os privados pero cun desembolso importante

Coa medida, o Goberno galego deixa fóra da subvención a milleiros de familias que optan polos campamentos municipais, que adoitan ser moito máis económicos (e nalgún casos gratuítos) que os organizados por empresas, institucións ou colexios privados, pero que tamén poden supoñer un desembolso importante, especialmente en familias con varios fillos. 

Só entre os concellos da Coruña e de Vigo, por exemplo, supéranse as 10.000 prazas ofertadas, con prezos que van desde os 30 euros por dúas semanas ata máis de 100 por só cinco días.  Pero son centos os campamentos e miles as prazas que se ofertan na maioría de municipios galegos e cuxa asistencia xa non poderá ser subvencionada polo Bono Concilia Familia, que pode chegar a sufragar ata o 75% do custo do servizo a cada neno ou nena, cun máximo de 200 euros

Actividade nun campamento municipal de verán na Coruña CC-BY-SA Concello da Coruña

Máis barato ir ao privado

O paradoxo dáse agora en moitas cidades onde un campamento organizado por unha entidade ou colexio privado acaba custando ás familias menos que o campamento municipal e máis económico a só uns metros, onde as familias usuarias xa non poderán acceder ao Bono Concilia Familia co que contaban nun principio. Pasa nalgunha urbe galega, onde os 140 euros semanais por dúas semanas nun centro escolar concertado pode quedar en menos de 40 para os pais e nais fronte aos máis de 50 das actividades municipais a só uns pasos. 

O anuncio da exclusión dos campamentos municipais chega antes de publicar a orde e semanas despois de que as familias matriculasen os fillos

Ademais, e tal e como destacan varias familias afectadas, o anuncio de que os campamentos municipais quedan fóra do bono chega semanas despois da matriculación dos pequenos nos campamentos e sen previo aviso. Lembra ao acontecido cando a Xunta anunciou a desgravación de libros de texto. O Goberno galego non advertiu ás familias de que o material escolar non se podía pagar en efectivo, polo que se viu obrigado a aprobar unha lei antes de que comezase a campaña da declaración da Renda para permitilo "excepcionalmente este ano".

Política Social, consultada por este diario, lembra que "a data da convocatoria para solicitar a axuda do Bono Concilia Familia é a mesma que o ano pasado: setembro".

"Política clasista contra a clase traballadora"

Por outra banda, no caso dos Bono Concilia Familia, a Xunta opta pola forma habitual na que reparte axudas a particulares, empresas ou concellos: a través do procedemento de concorrencia non competitiva, co que os cartos son entregados aos primeiros que os pidan cumprindo os requisitos e ata que se esgote a contía dispoñible. Non se ten en conta a renda nin ningún outro tipo de condicionante. 

Agora, a exclusión dos milleiros de familias que optaban por campamentos municipais e contaban coa axuda do Bono Concilia permite repartir os 2,6 millóns do programa entre moitas menos aspirantes. 

Actividade deportiva nun campamento de verán CC-BY-SA Concello da Coruña

Coñecida a decisión da Xunta, o voceiro de educación do grupo do PSdeG no Parlamento, Aitor Bouza, criticou que a Xunta aposte "novamente" por "subvencionar o ámbito privado en detrimento do público, demostrando claramente unha política clasista en contra da clase traballadora que precisa dos campamentos municipais públicos". 

"A Xunta volve apostar por subvencionar o ámbito privado en detrimento do público", critica o PSdeG

Para o deputado socialista, que anunciou iniciativas parlamentarias ao respecto, a medida tomada pola Consellería de Política Social é "un ataque frontal" da Xunta ás familias traballadoras. 

Xa o pasado mes de marzo, o PSdeG demandou un cambio na adxudicación do Bono Concilia para "evitar as sospeitas de fraude e de información privilexiada". A deputada Silvia Longueira denunciara que o programa de 2025 esgotou os 2,6 millóns de euros cinco días antes de que rematase o prazo de solicitude."Funciona como un bingo de sobremesa, onde só ganan os que chegan primeiro", advertía. 

Longueira defendeu unha proposición non de lei para reformular o sistema de concesión destas axudas instando á Xunta a implantar, xunto aos concellos, "un programa estable con baremos que garanta a concorrencia competitiva, fronte ao actual modelo onde os cartos se reparten por orde de chegada".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.