A lei establece que tras unha petición de adaptación horaria o empregador debe negociar co empregado nun máximo de 15 días, pero neste caso a Xunta tardou máis de dous meses en denegar a solicitude sen argumentos xustificados
Unha xerocultora dun centro de día do Consorcio de Igualdade, dependente da Consellería de Política Social, pediu adaptar a súa xornada laboral por conciliación da vida familiar o 5 de agosto de 2024. A lei contempla que, se non está de acordo, o empregador poida abrir unha negociación coa empregada que non pode durar máis de 15 días. Porén, non foi ata o 16 de outubro, máis de dous meses despois, que a empregada recibiu sen ningunha negociación previa unha contraproposta que non lle valía.
A muller recorreu á xustiza e un xulgado do Social deulle a razón en abril do pasado ano, pero Política Social teimou en recorrer e agora o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de ratificar a condena da consellería, unha máis dunha longa sucesión de derrotas xudiciais similares do departamento da Xunta que ten entre os seus teóricos obxectivos a promoción da conciliación.
O Estatuto dos Traballadores establece, no seu artigo 34.8, que estes teñen dereito a solicitar a adaptación da súa xornada laboral "para facer efectivo o seu dereito á conciliación da vida familiar e laboral", para o que o empregador "abrirá un proceso de negociación" que non pode durar máis de 15 días. A empresa pode denegar a petición da persoa empregada, pero ten que motivalo e en todo caso tras unha negociación real.
Neste caso a traballadora afectada xa contaba con adaptación da xornada cun horario de 9.30 a 16 horas de luns a venres e pedía só mudar a hora de remate das 16 ás 16.30 horas. A súa petición non tivo ningún tipo de resposta por parte da administración dentro dos 15 días que tiña para abrir unha negociación. Foi máis de dous meses despois cando se lle propuxeron quendas rotatorias de xeito que algunhas semanas tería que traballar de 12 a 19 horas. O argumento que se lle deu foi que doutro xeito resultarían afectadas as conciliacións doutras traballadores, pero sen xustificalo.
O TSXG, como antes o xulgado do Social, salienta na súa sentenza que a contraproposta da administración chegou "superándose amplamente o prazo de 15 días previsto legalmente para a negociación. E a consecuencia prevista en caso de ausencia de oposición motivada en dito prazo, é a presunción da súa concesión".
A oposición á adaptación horaria pedida chegou pasado ese prazo, pero ademais fíxoo dun xeito non motivado. Para o TSXG, as circunstancias que dificultarían aceptar a adaptación horaria da solicitante por afectar á conciliación doutras traballadoras "non foron acreditadas" xa que a administración "realiza unha referencia xenérica, sen concretar persoas, necesidades, etc. que é tanto como non xustificar a denegación". Unha adaptación horaria que ademais para o TSXG "non é irracional ou desproporcionada".
Ante esta situación, a xustiza dá a razón á traballadora afectada máis de dous anos despois da súa solicitude e confirma o seu dereito a unha indemnización de 2.100 euros.
Política Social, que ten entre os seus obxectivos promover a conciliación, vén sendo condenada por obstaculizala mesmo de mala fe e con represalias
Sentenzas como esta veñen sendo habituais contra a Consellería de Política Social ou o Consorcio de Igualdade. Unhas condenas que non se limitan só a censurar a falta de negociación da administración cando recibe peticións de adaptación horaria. En ocasións faino "de mala fe" malia contar a adaptación horaria co visto bo dos xefes directos da persoa solicitante. E hai uns meses Praza.gal revelou o caso dunha traballadora que, tras presentar varias denuncias que gañaría en demanda do seu dereito á conciliación, foi represaliada por resultar "incómoda".