Política Social volve ser condenada por "represaliar unha traballadora que resulta incómoda" por querer conciliar

A conselleira de Política Social, Fabiola García, nun acto propagandístico sobre conciliación CC-BY-SA Xunta de Galicia

Tras vencer á Xunta un preito laboral e presentar outras dúas denuncias que tamén gañaría, a muller viu rexeitada unha petición de días libres que si foron outorgados a outra compañeira. Agora a xustiza considera "evidente" a discriminación

A Consellería de Política Social vén sendo condenada nos últimos anos en distintos casos tanto por represaliar o seu persoal como por dificultar a súa conciliación da vida laboral e familiar, malia que é o departamento encargado de potenciar eses dereitos. Agora unha nova sentenza condena a esa consellería por un caso no que fixo as dúas cousas. 

Impediu a conciliación como represalia a "unha traballadora que resulta incómoda" porque xa lle gañara preitos anteriormente en defensa do dereito de conciliación. A sentenza chega pouco despois de que outra dixese que a mesma consellería rexeitara unha redución de xornada doutra traballadora "por temor de que máis traballadores soliciten o dereito".

Sentenza do TSXG que condena a Política Social por "represaliar" unha traballadora "incómoda" CC-BY-SA Praza Pública

A sentenza agora feita pública polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia relata o caso dunha traballadora do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade. En 2021 gañou un primeiro preito que recoñeceu a súa condición de traballadora indefinida non fixa desde 2011. Despois formulou unha segunda demanda de conciliación da vida laboral e familiar por coidado dun fillo na que a xustiza tamén acabou dándolle a razón. E unha terceira demanda para que se lle recoñecesen días de compensación polo non goce do dereito a xornada reducida durante o verán de 2021, que tamén acabou con sentenza ao seu favor recoñecéndolle 10,4 días.

Coa sentenza do primeiro preito xa firme ao seu favor e as outras dúas demandas presentadas pero aínda non resoltas a traballadora presentou tamén reclamación para que se lle recoñecese compensación pola non redución de xornada do verán de 2022. Eran só 3 días de compensación aos que tiña dereito, e a outra compañeira que tamén solicitara esa mesma compensación se lle concedeu. Pero a ela non.

Sala de vistas na sede do Tribunal Superior de Xustiza, na Coruña © TSXG

A sentenza di que a Xunta "non realizou actividade probatoria algunha para acreditar que a súa actuación é allea a calquera discriminación [...] sendo evidente todo o contrario"

A sentenza agora emitida polo TSXG, que ratifica outra previa dun xulgado do Social de Lugo, sinala que é "evidente" que a muller tiña dúas demandas pendentes contra a Xunta e xa recibira unha primeira sentenza favorable cando lle negaron os días de compensación. Porén, o Goberno galego "non realizou actividade probatoria algunha encamiñada a acreditar que a súa actuación é allea a calquera propósito discriminatorio ou vulnerador de dereitos fundamentais, nin que obedece a motivos razoables, sendo evidente todo o contrario".

Por iso, o tribunal conclúe que "a actuación das [consellerías] demandadas debe entenderse derivada do intento de represaliar unha traballadora que resulta incómoda e, por tanto, vulnera a garantía de indemnidade". Así que a muller ve recoñecido o seu dereito aos 3 días de compensación reclamados e recibirá ademais unha "indemnización de danos morais" de 1.500 euros. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.