A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) acumula condenas laborais malia presentarse como o instrumento da administración galega para mellorar o seu funcionariado
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de facer pública unha sentenza que condena a Escola Galega de Administración Pública (EGAP), dependente da Consellería de Facenda e Administración Pública, a recoñecer como persoal laboral indefinido non fixo con antigüidade desde 2010 a unha traballadora que viña prestando os seus servizos como falsa autónoma. Malia que a EGAP é o ente da Xunta encargado de promover "a profesionalización da función pública", nos últimos anos outras resolucións xudiciais veñen revelando similares casos de contratacións irregulares, mesmo con represalias e despido no momento en que a persoa afectada reclama regularizar a súa situación.
A EGAP, a cuxa fronte está como directora xeral desde 2012 Sonia Rodríguez-Campos González, defínese como "un instrumento de primeira orde para unha profesionalización da Función Pública acorde coas esixencias dunha sociedade democrática e do Estado de Dereito, no que a Administración debe actuar con suxeición á Lei e ao Dereito". Para o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, a escola debe "promover unha cultura de traballo proactiva e innovadora". Porén, nos últimos anos vén recibindo sentenzas que a condenan por contratar a diverso persoal, de moi variado perfil laboral, como falsos autónomos, o contrario do que debera ser o seu obxectivo.
A Consellería de Facenda, preguntada por estas situacións reiteradas no tempo, di que estas sentenzas proceden de contratacións realizadas "anos atrás" e asegura que "xa non queda ningún traballador nesa situación".
A sentenza agora feita pública polo TSXG, con data do 18 de abril, ratifica outra previa dun xulgado do Social de Santiago que obriga a EGAP a facer persoal laboral indefinido non fixo a unha traballadora e pagarlle ademais a diferenza de soldo entre o que cobraba como falsa autónoma e o que debera cobrar formando parte do cadro de persoal da escola. Segundo os feitos probados, a muller, licenciada en xornalismo, comezou a traballar na EGAP en 2010 cunha beca de formación ata o 31 de decembro dese ano, e o 1 de xaneiro seguinte deuse de alta como autónoma. A continuación e durante unha década "prestou para EGAP servizos de comunicación [...] baixo a dirección e instrución da directora da Escola", di a sentenza.
A facturación da traballadora á EGAP por esas tarefas foi por importes similares cada ano, equivalentes a un soldo, e ademais facturou outras contías menores por traballos puntuais de docencia distintos das súas tarefas de comunicación. No seu traballo "utilizaba os medios materiais" da EGAP, facíao nas súas dependencias e co "mesmo horario que o resto do persoal", aínda que tamén "puntualmente realiza servizos polas tardes". As súas vacacións ou ausencias eran organizadas con previa comunicación á dirección e secretaría da escola.
Todos eses elementos son ratificados polo TSXG como probas de que a traballadora dependía a todos os efectos da EGAP e "non organizaba o seu traballo de maneira autónoma". O tribunal tamén di que a traballadora tampouco pode ser considerada persoal eventual, como tentou argumentar a Xunta no seu recurso, xa que este vai ligado ao goberno de cada momento e só pode ser nomeado polos conselleiros e conselleiras, e este non é o caso da EGAP.
Neste caso a traballadora tamén logrou que a Xunta teña que pagarlle a diferenza entre o que cobraba como falsa autónoma e o que debera cobrar sendo persoal da administración. O Goberno galego tentou rebaixar esa diferenza contabilizando como parte do seu soldo como autónoma tamén o IVE que facturaba a afectada. Pero o TSXG lembra que o IVE "non pode cualificarse como salario" xa que eses cartos que a administración pagaba á traballadora eran á súa vez ingresados por esta na facenda pública.
Despedida tras reclamar a súa regularización
En 2020 o TSXG condenou a EGAP a indemnizar a unha falsa autónoma por despedila en represalia por solicitar a regularización da relación laboral que mantiñan desde 2014
Similares feitos foron condenados en 2020 polo TSXG no caso doutra traballadora da EGAP, pero cun agravante: foi despedida cando reclamou a regularización da súa situación laboral e o tribunal obrigou a indemnizala por "danos e prexuízos".
Naquel caso a traballadora, licenciada en Economía, comezou a prestar servizos para EGAP en abril de 2014 como autónoma e desde 2016 como bolseira. Como autónoma emitiu numerosas facturas, varias delas sucesivas por importes idénticos equivalentes a un salario convencional, e foi seleccionada como bolseira en varias convocatorias seguidas.
Tras cinco anos nesas condicións, a traballadora presentou unha reclamación administrativa ante a EGAP solicitando o recoñecemento da súa condición de persoal laboral indefinido con antigüidade desde abril de 2014. Dous días laborables despois “foi convocada a unha reunión coa Secretaría Xeral e a Dirección da EGAP, na que lle comunicaron que, de manter a reclamación previa presentada, tería que cesar na prestación de servizos”. O día seguinte a traballadora “comunicou á Dirección da EGAP que mantería a reclamación previa, e ese mesmo día a Dirección da EGAP comunicoulle verbalmente o seu cesamento”.
Tanto un xulgado do Social de Santiago como o TSXG sentenciaron que a muller estaba integrada e sometíase aos horarios e instrucións da EGAP, utilizaba os medios desa entidade, solicitaba permisos e vacacións á mesma e concatenou a prestación de servizos como autónoma ou como bolseira “realizando baixo ditos vínculos as mesmas actividades sempre, polo que se constata a existencia da fraude de lei” na súa contratación. Ademais, a xustiza constatou que "tras a reclamación administrativa previa pola actora para declaración de indefinición da súa relación laboral foi convocada a unha reunión onde se lle advertiu das consecuencias de tal reclamación, o que implica que o cesamento é represalia fronte a aquela reclamación e polo tanto o despido é nulo”.
En varios casos cando os afectados reclamaron regularizar a súa situación a Xunta optou por insistir cos seus recursos en contra na xustiza ata que esta deu a razón anos despois aos traballadores
Pero entre aquela sentenza de 2020 e a que agora se fai pública, en 2021 e 2022 a EGAP seguiu recibindo condenas por feitos similares primeiro de xulgados do Social e, tras os seus recursos insistindo en defender a situación, tamén do TSXG. Nun dos casos a escola chegou a recorrer ao Tribunal Supremo, pero este inadmitiu o seu recurso. Foi o caso dunha licenciada en Ciencias Políticas que traballou durante unha década avaliando a calidade da formación que presta a EGAP primeiro cun contrato de obra e servizo e despois con sucesivos contratos menores como autónoma polos que facturaba cantidades idénticas. A Xustiza considerou probado que prestaba os seus servizos como o resto do persoal da EGAP, nas súas instalacións e cos seus horarios, e estableceu que debía ser considerada indefinida non fixa con antigüidade recoñecida desde outubro de 2009.
Noutro dos casos, dunha licenciada en Documentación que prestaba servizo como bibliotecaria da EGAP desde 2013 e que foi despedida en 2021, o TSXG empregou expresamente na súa sentenza de marzo de 2022 o termo "falsa autónoma" tras constatar que realmente era "unha verdadeira traballadora, cuxa condición tratouse de enmascarar baixo a roupaxe dun contrato administrativo que burla as esixencias da normativa laboral". Ante esa situación a EGAP foi condenada á súa readmisión ou a indemnizala por despido improcedente.
Pero os problemas laborais na EGAP remóntanse no tempo. En 2017, noutra demanda por despido dunha traballadora que prestaba os seus servizos como administrativa na EGAP pero que estaba contratada formalmente por outras empresas, o TSXG xa constatara a existencia de cesión ilegal de man de obra. E en 2018 era un informático que viña sendo subcontratado pola EGAP pero que só traballaba para ela nas súas instalacións e co horario do resto do persoal quen tamén vía recoñecida a súa relación laboral. Nos dous casos a xustiza considerou que a súa antigüidade como persoal da EGAP debía remontarse a 2004, isto é, máis dunha década en situación irregular.
A Xunta apunta a "o bipartito"
A Xunta obvia os feitos probados das sentenzas, desvía a responsabilidade a "o bipartito" e asegura que "xa non queda ningún traballador nesa situación"
Malia que todos os anteditos casos foron resultado de contratacións realizadas durante gobernos do PP, mesmo durante a presidencia de Manuel Fraga, a resposta que dá a Consellería de Facenda é que ese tipo de contratacións agora declaradas ilegais pola xustiza comezaron a facerse "no tempo do bipartito". A Xunta en todo caso xustifícao e matiza que había "un marco normativo distinto do actual" e "polo tanto, eran legais no seu momento", pero que "cando no ano 2017 cambiou a lei de contratos no sector público, non se volveron facer en conformidade coa nova normativa". Segundo asegura o Goberno galego, "xa non queda ningún traballador nesa situación".
O Goberno galego desvía así a responsabilidade ao executivo de coalición que estivo na Xunta entre 2005 e 2009, hai máis de 15 anos, obviando que os executivos do PP non só non corrixiron a situación das contratacións realizadas xa durante os seus mandatos senón que mesmo recorreron na xustiza cando o persoal afectado reclamou a súa regularización.