A consellería competente en materia de conciliación denegou a petición dunha traballadora dunha residencia con 10 enfermeiras sen xustificar por que a súa redución de xornada suporía "graves problemas organizativos"
"A denegación da solicitude formulada responde máis ao temor de que, tras a concesión [á traballadora] da concreción horaria, os demais traballadores con fillos menores ou ascendentes tamén soliciten o dereito á redución de xornada ou concreción horaria recoñecida legalmente". Así vén de pronunciarse un xulgado do Social de Lugo ante unha nova negativa da Consellería de Política Social, a competente en Galicia en materia de conciliación, a permitir a conciliación familiar dunha das súas traballadoras, unha das 10 enfermeiras dunha residencia de maiores.
Segundo a sentenza, a muller, enfermeira nunha residencia de maiores da Xunta, tiña xornada laboral de luns a domingo con quendas rotatorias de mañá, tarde ou noite. Cun fillo de tres anos e o marido traballando en Asturias como bombeiro con xornadas laborais "incertas", a muller solicitou reducir a súa xornada laboral e traballar 32 horas semanais fundamentalmente na quenda de mañá. A dirección do centro ofreceulle a cambio redución de xornada pero dentro das quendas totais nas que xa traballaba, incluíndo fins de semana e festivos, opción que a traballadora rexeitou. Así que foille demorada e denegada a petición primeiro con atrasos e solicitudes de nova documentación e finalmente co argumento xenérico de que suporía un problema organizativo, sen xustificalo.
A sentenza tamén constata que a Xunta demorou "indebidamente o exercicio dun dereito que asiste á traballadora, ao dilatar innecesariamente o procedemento"
Durante o proceso a Xunta pediulle que presentase dúas solicitudes distintas, unha para a redución de xornada e outra para a adaptación horaria, cuestión que o xulgado critica que "podería indicarse desde o principio pola administración e non esperar máis de tres meses para facelo". Segundo a xuíza, ese proceder por parte da administración demorou "indebidamente o exercicio dun dereito que asiste á traballadora, ao dilatar innecesariamente o procedemento".
E sobre a fondo da cuestión a sentenza lembra, como veñen facendo outras moitas condenas de Política Social por esa mesma cuestión, que corresponde ao empregador negociar co empregado e acreditar as razóns organizativas que xustificarían denegar o dereito a redución e adaptación de xornada. Neste caso, a sentenza sinala que neste caso "non se abriu un período de negociación de 30 días como se establece no Estatuto dos Traballadores [...] nin se deu traslado á representación dos traballadores".
Pero onde pon o foco a sentenza é nos motivos da denegación. Segundo di a xuíza, "chama a atención que na contestación á demanda se fai referencia ao feito de que a concesión da solicitude crearía un preferente [sic] respecto aos seus compañeiros posto que se considerarían tamén acredores de dito dereito para o caso de que tivesen que atender a fillos menores de 12 anos ou ascendentes". Para a maxistrada "dita afirmación xenérica, unida á falta de proba dos graves problemas organizativos que se derivarían da concesión do dereito [á traballadora], permite deducir que a denegación da solicitude formulada responde máis ao temor de que, tras a concesión da concreción horaria, os demais traballadores con fillos menores ou ascendentes tamén soliciten o dereito á redución ou concreción horaria recoñecida legalmente".
Así que a sentenza conclúe declarando o dereito da muller á redución e concreción horaria que pedía ata que o seu fillo teña 12 anos.