Sentenciado o "evidente panorama represaliante" no despido dunha psicóloga da Consellería de Política Social

A conselleira de Política Social e o delegado da Xunta en Lugo cun fragmento da sentenza que ve "un evidente panorama represaliante" no cesamento dunha psicóloga en Lugo CC-BY-SA Praza Pública

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de facer pública unha sentenza na que condena a Consellería de Política Social a indemnizar e readmitir unha traballadora á que despediu despois de que a muller advertise á Xunta que estaba a vulnerar os seus dereitos laborais. O tribunal considera que a proximidade temporal entre a reclamación da traballadora e o seu despedimento "corrobora un evidente panorama represaliante".

Fragmento da sentenza que que ve "un evidente panorama represaliante" no cesamento dunha psicóloga en Lugo CC-BY-SA Praza Pública

Segundo os feitos probados da sentenza, a muller traballaba como psicóloga na Consellería de Política Social desde 2013 cun contrato de interinidade por vacante. En 2017 unha sentenza xudicial declarou a súa relación laboral como indefinida non fixa. 

A muller reclamara o seu dereito á praza que ocupaba como persoal laboral pero a Xunta incluíuna noutro proceso selectivo e adxudicouna a outra persoa, o que leva ao tribunal a sospeitar unha operación "buscada só para removela"

Despois a Xunta estableceu que o posto que ocupaba a muller debía ser funcionarizado e incluíuno entre as prazas ofertadas para elección de destino dun proceso selectivo de persoal. A muller advertiu á Xunta de que non podía facer iso senón que debía incluíla noutro proceso de consolidación, pero acabou sendo cesada por incorporación ao seu posto do funcionario que gañara o proceso selectivo.

A xustiza considera que o despedimento foi nulo porque o cese se produciu "tras as advertencias efectuadas pola demandante" reclamando o "recoñecemento do dereito á reserva do seu posto de traballo para o proceso extraordinario de consolidación" en lugar da inclusión do posto no outro proceso selectivo que acabou dando a praza a outra persoa.

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia © TSXG

O TSXG considera que hai indicios dabondo de que o cese da muller se produciu "como represalia fronte a unha actuación encamiñada a obter a tutela dos seus dereitos", cunha "conexión temporal entre o exercicio do dereito fundamental e o prexuízo", o que "corrobora un evidente panorama represaliante".

O TSXG ve indicios suficientes de que o cese da muller se produciu "como represalia fronte a unha actuación encamiñada a obter a tutela dos seus dereitos"

Ante estes indicios correspondía á Xunta "acreditar unha causa obxectiva" da súa actuación, pero a xustiza di que houbo unha "ausencia de xustificación de maneira patente" da actuación do Goberno galego. É máis, o tribunal di que "a circunstancia da irregular situación da traballadora recorrente -estaba ocupando praza de funcionario a pesar da súa condición de persoal laboral indefinido- non permite descartar que a inclusión concreta do posto de traballo [no proceso selectivo] non fora precisamente buscada para removela".

Por iso, o TSXG avala que a muller sexa readmitida nas mesmas condicións que tiña antes do seu despido, que se lle pague o soldo deixado de percibir desde aquela e que ademais reciba unha indemnización de 1.500 euros.

Por outra banda, esta sentenza non é a única que condena a Política Social por feitos similares. Outras traballadoras tamén están a ver recoñecidos os seus despidos como nulos por producirse xusto despois dos seus avisos expresos á Administración de que os seus postos debían ser reservados para procesos de consolidación e non podían ser ofrecidos a outros funcionarios. En todas esas condenas a Xunta non foi quen de probar que os despedimentos non tiveran relación coas reclamacións de dereitos formuladas polas traballadoras. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.