A Xunta sancionou unha traballadora "como represalia" por denunciar o seu xefe

A traballadora era empregada temporal nunha biblioteca pública CC-BY-SA Xunta de Galicia

Dous días despois de que unha empregada de biblioteca pedise un expediente disciplinario contra o seu director, a Consellería de Cultura abriullo a ela e acabouna suspendendo 32 días de emprego e soldo, o que agora anula o Tribunal Superior

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de ratificar unha condena previa dun xulgado do Social de Santiago contra a Xunta por sancionar unha empregada pública con 32 días de suspensión de emprego e soldo e un ano sen participar en probas selectivas ou concursos de ascenso. Todo como “como represalia” por reclamar previamente ela un expediente disciplinario contra o seu xefe

O TSXG deixa sen efecto a sanción e condena a Xunta a pagar as costas xudiciais. Ademais, censura que a denuncia da empregada contra o seu xefe non foi atendida polo Goberno galego mentres que este non probou de forma obxectiva os feitos polos que a sancionou.

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, na Coruña © TSXG

A orixe dos feitos agora condenados polo TSXG está, segundo a súa sentenza, en decembro de 2019, cando unha traballadora contratada como persoal laboral temporal nunha biblioteca presentou un escrito ante a Xunta denunciando o trato incorrecto que dicía recibir de compañeiros e pedindo a apertura dun expediente disciplinario contra o director da biblioteca. 

Dous días despois, o mesmo día en que a Xunta lle contestou que a súa denuncia se trasladaba ao servizo de persoal da Consellería de Cultura por ser o órgano competente para a súa tramitación, o director da biblioteca asinou un escrito informando de supostos feitos “graves” cometidos pola empregada como desconsideracións a compañeiros, a el mesmo e a persoas usuarias do centro. 

Un mes máis tarde o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura acordou incoar un procedemento disciplinario contra a empregada, á que se tomou declaración, por seis feitos que foron cualificados en cinco casos como faltas graves e nun como leve. A afectada alegou pero o en setembro de 2020 acabou recibindo unha resolución sancionadora con suspensión de 32 días de emprego e soldo e dun ano da posibilidade de participar en probas selectivas ou concursos de ascenso.

A empregada recorreu a sanción ante a xustiza ordinaria e un xulgado do Social de Santiago deulle a razón o pasado marzo. A Xunta recorreu esa sentenza ante o TSXG e este agora vén de ratificar a nulidade da sanción.

Sentenza do TSXG que condena a Xunta por sancionar unha empregada "como represalia" por denunciar o seu xefe CC-BY-SA Praza Pública

O TSXG censura que a Xunta “ao tempo que omitiu sen xustificación calquera pronunciamento sobre o escrito da demandante, sancionouna a instancia de quen por ela fora denunciado previamente”

Segundo o TSXG, ante a denuncia inicial da empregada contra o seu director a Xunta “amosou clara e indubidable pasividade, pois lonxe de prestarlle debida atención, limitouse a tomar nota da mesma" e a facer constar que se estaba a realizar "unha información reservada para verificar a conveniencia de abrir expediente ao director’”. “Actitude oposta que, sen solución de continuidade, observou a demandada [a Xunta] ante o escrito do director” contra a traballadora presentado “dous días despois”. Isto é, a Xunta “ao tempo que omitiu sen xustificación calquera pronunciamento sobre o escrito da demandante, sancionouna a instancia de quen por ela fora denunciado previamente”.

Ante esa situación, o TSXG valora que “a traballadora demandante, mediante o escrito que presentou ante a Xunta”, propiciou “un indicio poderoso que xera razoablemente a aparencia, presunción ou sospeita a favor dos seus argumentos, é dicir, de que a sanción que acordou [a Xunta] lesionou o seu dereito fundamental á tutela xudicial efectiva” baixo a figura da denominada garantía de indemnidade. Isto é, que un traballador non poida ser represaliado tras denunciar unha suposta inxustiza.

O Tribunal Superior lembra que para amparar a garantía de indemnidade dun traballador bastan eses indicios, e que ten que ser a empresa ou neste caso a administración quen demostre que non vulnerou os dereitos fundamentais do empregado, pero que neste caso a Xunta non xustificou “razoablemente” a súa decisión.

A sentenza engade que “o relato dos feitos, cuxa modificación non interesa a demandada [a Xunta], tampouco atribúe de forma obxectiva, como feitos probados, á traballadora ningunha das condutas que motivaron a sanción impugnada que, consecuentemente, maniféstase como represalia da súa inatendida reivindicación”.

Sede central da Xunta, no complexo administrativo de San Caetano CC-BY-NC-SA Praza Pública

Esta nova sentenza ratificada polo TSXG é unha máis das numerosas vén recibindo a Xunta sobre o seu xeito de xestionar o persoal público, en particular por vulnerar o que se denomina “garantía de indemnidade”

Esta condena agora emitida polo TSXG súmase ás numerosas que vén recibindo a Xunta en diversas instancias xudiciais sobre o seu xeito de xestionar o persoal público, en particular por vulnerar a “garantía de indemnidade”, que prohibe as represalias contra os traballadores por reclamaren os seus dereitos. 

A comezos deste ano o Supremo condenou a Xunta por colocar un traballador indefinido nun posto de funcionario "como cobertura" para cesalo cando esa praza fose ocupada, como así ocorreu despois de que o afectado denunciase o ocorrido, o que para o tribunal supuxo unha represalia.

Hai agora un ano o TSXG condenou á Consellería de Medio Rural a readmitir e indemnizar unha traballadora á que botou cun “despedimento ilegal” e “vulnerando” unha declaración xudicial previa que a fixera indefinida.

Pouco antes, noutro caso o mesmo tribunal condenaba á Axencia Galega de Servizos Sociais por despedir un traballador que lle gañara un xuízo, e desbotaba o argumento da Xunta de que a sentenza favorable ao empregado aínda non era firme cando o botou.

A comezos do pasado ano unha traballadora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) tamén viu como o TSXG consideraba que fora despedida como represalia por reclamar os seus dereitos e declaraba nulo o seu cesamento condenando igualmente á Xunta a indemnizala por “danos e prexuízos”. Naquel caso a Xunta mesmo a advertira de que sería cesada se reclamaba os seus dereitos. 

E hai tres anos o mesmo TSXG xa condenara á Xunta por despedir unha interina despois de que esta reclamase un plus de perigosidade. Naquela sentenza o tribunal mesmo chegou a cualificar de “irrisoria” a argumentación empregada pola Xunta de que non podía aclarar os motivos do despedimento amparándose na protección de datos, polo que a sentenza concluíu que realmente fora despedida como "represalia por exercitar os seus dereitos".

As represalias a persoal que reclama os seus dereitos non só se veñen rexistrando na Xunta senón tamén noutros entes paralelos ou subcontratas. O pasado ano a empresa pública Seaga foi condenada a readmitir a un traballador ao que cesou tras denunciar cesión ilegal por parte das empresas de traballo temporal polas que fora contratado para xestionar o persoal das brigadas contra incendios, deixando así en evidencia o abuso de subcontratas e ETT pola Xunta. Tamén a CRTVG foi condenada hai un ano por sancionar a un traballador como represalia por mobilizarse reclamando unha maior independencia dese ente público.

Interesouche esta información?

Editamos un xornal plural grazas ao apoio das socias e socios. Dende moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas. Podes optar por unha cota mensual ou faceres unha achega puntual, agora tamén con tarxeta ou a través do Bizum.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.