O Supremo condena a Xunta por outro despedimento ilegal: "É claro que o cese puido producirse como represalia"

Posto de control durante un proceso selectivo da Xunta no recinto feiral de Silleda, antes da pandemia CC-BY-SA Xunta

O alto tribunal considera que o Goberno galego colocou un indefinido nun posto de funcionario “como cobertura” para cesalo cando esa praza fose ocupada, como así ocorreu despois de que o afectado denunciase o ocorrido

O Tribunal Supremo vén de condenar a Xunta, nunha sentenza do pasado 12 de xaneiro, á “inmediata readmisión nas mesmas condicións que rexían con anterioridade ao despedimento” dun traballador indefinido non fixo ao que o Goberno galego botou tras recolocalo nun posto de tipo funcionarial que despois entregou a outra persoa. Cando o traballador denunciou ante a xustiza esa recolocación a Xunta cubriu esa praza cun funcionario e despediu o afectado, un proceder que o alto tribunal considera que vulnerou a denominada garantía de indemnidade, que protexe os traballadores de represalias cando denuncian algunha cuestión ante a xustiza. 

“É claro que o seu cese puido producirse tamén como represalia fronte a unha actuación encamiñada a obter a tutela dos seus dereitos”, di o Supremo, que salienta que era a Xunta a que debía acreditar que o cese non foi unha represalia. Pola contra, o tribunal considera que o Goberno galego adxudicou o posto do afectado a outro funcionario “como cobertura” para despedilo.

Sentenza do Tribunal Supremo condenando á Xunta por vulnerar os dereitos fundamentais dun traballador ao que despediu despois de que a denunciase ante a xustiza CC-BY-SA Praza Pública

Os feitos sobre os que o Supremo vén de pronunciarse agora remóntanse a 2008, cando o traballador afectado, un enxeñeiro que viña traballando como persoal laboral para a Consellería de Economía e Industria desde catro anos antes, obtivo o recoñecemento por sentenza xudicial de que debía ser considerado indefinido non fixo. O traballador foi adscrito a unha praza de funcionario que non estaba ocupada, e a finais de 2013 reclamou ocupar un posto de natureza laboral. Porén, catro meses despois, con esa reclamación aínda sen resolver na vía xudicial, a Xunta convocou un proceso selectivo de funcionarios no que incluíu a praza que ocupaba o traballador.

Ese proceso selectivo concluíu a finais de 2016 e unha das persoas que o superou obtivo a praza que viña ocupando o traballador afectado, que nese momento foi cesado pola Xunta “por cobertura regulamentaria da praza”. 

O traballador afectado tivo que recorrer á Xustiza e foi conseguindo sucesivas melloras: primeiro unha indemnización de 20 días por ano traballado como se lle rematase un contrato temporal, despois o dobre por despido improcedente e agora a readmisión inmediata por despido nulo

O traballador afectado tivo que recorrer á Xustiza e foi conseguindo sucesivas melloras da súa situación. Primeiro a comezos de 2018 un xulgado do Social de Santiago estimou parcialmente a súa demanda contra a Xunta pero só considerou que debía ser indemnizado con 20 días por ano traballado, como se tivese un traballo temporal que rematase. Posteriormente, nunha segunda instancia o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia considerou, a finais de 2018, que o cese realmente fora un despido improcedente, e condenou á Xunta ou a readmitir o traballador de forma inmediata ou a indemnizalo co duplo do que establecera previamente o primeiro xulgado do Social. 

Pero o afectado volveu recorrer e agora é o Supremo o que se pronuncia de xeito definitivo considerando o despido nulo e condenando á Xunta “á inmediata readmisión” do traballador “nas mesmas condicións que rexían con anterioridade ao despido, así como ao abono dos salarios deixados de percibir desde a data do despido”.

Sede central da Xunta, no complexo administrativo de San Caetano CC-BY-SA Praza Pública

O Supremo salienta que o traballador “foi cesado cando tiña en trámite unha demanda de recoñecemento de dereito a ocupar unha praza de persoal laboral” e “non a praza reservada a persoal funcionario á que fora adscrito”. O tribunal considera que “é claro que o seu cese puido producirse tamén como represalia fronte a unha actuación encamiñada a obter a tutela dos seus dereitos”. 

Esta nova sentenza ratificada polo TSXG é unha máis das numerosas vén recibindo a Xunta sobre o seu xeito de xestionar o persoal público, en particular por vulnerar o que se denomina “garantía de indemnidade”

O Supremo argumenta que “en tales circunstancias, correspondía á Xunta de Galicia acreditar que o cese foi alleo a todo propósito de represalia ou de lesión dun dereito fundamental, e esa proba desactivadora dos indicios de vulneración non se logrou, por canto non é lícito descoñecer a existencia dun litixio pendente sobre o recoñecemento do dereito do actor a ocupar unha praza de persoal laboral”. O alto tribunal considera que a colocación do traballador nunha praza de funcionario que posteriormente ocuparía outra persoa foi un recurso empregado polo Goberno galego “como cobertura para extinguir unha relación laboral declarada indefinida en virtude de sentenza firme”.

Esta condena agora emitida polo Tribunal Supremo súmase ás numerosas que vén recibindo a Xunta en diversas instancias xudiciais sobre o seu xeito de xestionar o persoal público, en particular por vulnerar o que se denomina “garantía de indemnidade”, que prohibe as represalias contra os traballadores por reclamaren os seus dereitos. 

Hai uns meses o TSXG condenou á Consellería de Medio Rural a readmitir e indemnizar unha traballadora á que botou cun “despedimento ilegal” e “vulnerando” unha declaración xudicial previa que a fixera indefinida. Pouco antes, noutro caso o mesmo tribunal condenaba á Axencia Galega de Servizos Sociais por despedir un traballador que lle gañara un xuízo, e desbotaba o argumento da Xunta de que a sentenza favorable ao empregado aínda non era firme cando o botou.

Sentenza do TSXG que confirma que a EGAP despediu unha traballadora como represalia por reclamar os seus dereitos mesmo cunha ameaza previa CC-BY-SA Praza Pública

Hai un ano unha traballadora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) tamén viu como o TSXG consideraba que fora despedida como represalia por reclamar os seus dereitos e declaraba nulo o seu cesamento condenando igualmente á Xunta a indemnizala por “danos e prexuízos”. Naquel caso a Xunta mesmo a advertira de que sería cesada se reclamaba os seus dereitos. 

Hai dous anos o mesmo TSXG xa condenara á Xunta por despedir unha interina despois de que esta reclamase un plus de perigosidade. Naquela sentenza o tribunal mesmo chegou a cualificar de “irrisoria” a argumentación empregada pola Xunta de que non podía aclarar os motivos do despedimento amparándose na protección de datos, polo que a sentenza concluíu que realmente fora despedida como "represalia por exercitar os seus dereitos".

As represalias a persoal que reclama os seus dereitos non só se veñen rexistrando na Xunta senón tamén noutros entes paralelos ou subcontratas. O pasado ano a empresa pública Seaga foi condenada a readmitir a un traballador ao que cesou tras denunciar cesión ilegal por parte das empresas de traballo temporal polas que fora contratado para xestionar o persoal das brigadas contra incendios, deixando así en evidencia o abuso de subcontratas e ETT pola Xunta. Tamén a CRTVG vén de ser condenada por sancionar a un traballador como represalia por mobilizarse reclamando unha maior independencia dese ente público.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.