A pesar de que entre 2025 e 2026 a poboación de Galicia aumentou en 15.000 persoas, os datos só medraron en 148 concellos, menos da metade do total. En 162 concellos a cifra descendeu
2025 marcou un fito nas cifras de poboación de dúas cidades, Santiago e Lugo, que levaban anos perseguindo superar o o indicador dos 100.000 habitantes, tan importante por varias cuestións, dende o financiamento municipal ata o número de concelleiros a elixir. Tamén A Coruña superou o nivel simbólico dos 250.000 habitantes.
Os datos do censo de 2026, publicados esta semana polo INE, non deixan titulares deste tipo, pero afianzan as tendencias que levamos anos observando: a Galicia urbana gaña en poboación, tanto as sete cidades coma boa parte dos concellos das súas contornas. Tamén o fan grandes vilas e algúns concellos pequenos, con circunstancias diversas. A maior parte do territorio, con todo, perde habitantes. Falamos da maior parte da Galicia rural, que continúa o seu progresivo despoboamento.
Así, a pesar de que entre 2025 e 2026 a poboación de Galicia aumentou en 15.000 persoas, ata os 2.731.854 habitantes (dato correspondente ao 1 de xaneiro de 2026, o 1 de outubro a cifra ascendeu xa a 2.739.351 residentes), os datos só medraron en 148 concellos, menos da metade do total. En 162 concellos a o número descendeu.
As sete cidades gañaron 8.000 habitantes no último ano e 26.000 dende o 2022, pero 200 concellos seguiron a perder poboación dende ese ano. Hai excepcións: O Porriño, Monforte, Sada, O Carballiño, Monterroso, Becerreá, Burela, Salvaterra de Miño, A Arnoia, Curtis, Valga ou Verea rexistran importantes aumentos
O mapa amosa unha ampla área verde (aumento da poboación) na contorna da cidade da Coruña, entre Miño e Carballo, ata chegar a Ordes. Tamén en Ferrolterra e na área metropolitana de Vigo, O Morrazo e o Baixo Miño, o mesmo que no Salnés.
Os incrementos de poboación esténdense tamén a zonas da provincia de Lugo, ademais da propia capital, dende a Mariña central e oriental, ata a Terra Chá e as vilas do sur da provincia e mesmo algúns concellos de forma destacada, como Monterroso ou Becerreá. En Ourense a poboación medra no centro da provincia, entre O Carballiño e Maceda, toda a contorna da capital.
Entre as grandes vilas destaca Narón (40.330), que acada finalmente o nivel dos 40.000 habitantes, depois de moitos anos de abeirar esta cifra. A súa evolución é destacable, e máis tendo en conta que agora medra mentres tamén o fai Ferrol, o mesmo que o resto de concellos de Ferrolterra
As sete cidades seguen a gañar poboación. Vigo (296.830), cun aumento de máis de mil habitantes nun ano, achégase á desexada cifra de 300.000. A Coruña (253.726) segue a estar entre as urbes que máis medran, cun incremento de 2.500 habitantes nun ano e unha suba acumulada de máis de nove mil dende o 2022.
Ourense (106.586) mantén a tendencia de ascenso iniciada en 2023, manténdose como a terceira urbe do país e Santiago (101.527) e Lugo (101.247) consolidan as súas cifras por riba dos cen mil habitantes.
Tamén medran Pontevedra (83.979) e Ferrol (65.668). O caso da cidade naval é especialmente significativo, pois dende 2023 acumula unha suba de 2.500 habitantes despois de tres décadas de descensos.
Entre as grandes vilas destaca Narón (40.330), que acada finalmente o nivel dos 40.000 habitantes, depois de moitos anos de abeirar esta cifra. A súa evolución é destacable, e máis tendo en conta que agora medra mentres tamén o fai Ferrol, o mesmo que o resto de concellos de Ferrolterra, agás Mugardos.
Narón é o oitavo concello máis poboado do país, superando por pouco a Oleiros (39.151), que medra rapidamente e hai uns anos que superou a Vilagarcía de Arousa (38.193). Todas as localidades de máis de 30.000 habitantes aumentan a súa poboación, especialmente Arteixo, Ames e Carballo.
Por debaixo dos 30.000 habitantes, destacan os crecementos do Porriño (+1,6% no último ano e +4,4% dende o 2022) e Monforte (+2,2% e +7,2%), o mesmo que os de Sada (+1,6% e +6,7%) e O Carballiño (+2,8% e +5,4%).
No último ano as sete cidades gañaron case oito mil habitantes, máis ou menos a metade de toda a poboación que aumentou Galicia. Se engadimos os outros sete concellos de máis de 30.000 habitantes, atopamos que estas 14 localidades concentran dous terzos de toda a suba poboacional.
A mesma análise pode facerse para o período 2022-26, unha vez superados os efectos da pandemia de Covid. En catro anos Galicia gañou 37.000 habitantes. As sete cidades concentraron o 70% dese aumento (gañaron case 26.000 habitantes) e, se sumamos os outros sete concellos que superan os 30.000 habitantes, atopamos que estas 14 localidades suman case 35.000 novos residentes, o groso de toda a suba poboacional do país.
A realidade para boa parte do territorio do país é o despoboamento. 208 concellos teñen menos habitantes agora que en 2022, descensos encabezados por Dozón (un 18% menos), Folgoso do Courel, As Nogais ou Cervantes, os tres con caídas por riba do 10%. Calvos de Randín, Laza, Mañón, Paradela, Chandrexa de Queixa, Vilardevós, A Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro, O Vicedo, Beariz, Padrenda, Manzaneda, Quintela de Leirado e Dumbría tamén sofren caídas por riba do 8% en catro anos.
Pero, ollo, tamén fóra da Galicia urbana hai exemplos de concellos que gañan poboación. Destacan os casos de Monterroso, cun aumento do 12% dende o 2022 e do 6,1% no último ano, e de Becerreá (7,5% dende 2022 e 4,4% en 2026). Aumentos ligados á chegada de poboación inmigrante. Tamén A Arnoira, Curtis, Burela, Salvaterra de Miño ou Valga gañan poboación de forma constante nos últimos anos.
Salceda de Caselas, Oroso, Ames, Oleiros, Brión, O Porriño, Soutomaior, Ribadumia e Arteixo son os concellos con máis poboación nova
Ou Verea, o concello ourensán da raia seca que está a piques de recuperar o nivel dos mil habitantes (tiña 999 habitantes o 1 de xaneiro) despois de medrar un 6% dende o 2022, grazas en boa medida ao incremento da natalidade na localidade, como destacamos nesta reportaxe.
Salceda de Caselas, Oroso, Ames, Oleiros, Brión, O Porriño, Soutomaior, Ribadumia e Arteixo son os concellos con máis poboación nova. O mesmo que San Cibrao das Viñas, O Pereiro de Aguiar, Carral, Coirós, Barbadás, Miño, Barro, Culleredo, Rábade, todos con máis de 12% de habitantes de menos de 15 anos. Pode non parecer moito, pero 38 concellos non superan o 5%.
Algúns dos concellos que gañan poboación fano por un aumento da natalidade, pero a principal responsable adoita ser a chegada de poboación inmigrante, que non se limita ás cidades e ás zonas urbanas. As cifras do censo amosan que en 16 concellos máis do 20% da súa poboación naceu fóra de España e noutros 35 a porcentaxe se sitúa entre o 15% e o 20%.
A Coruña é a cidade con máis poboación nacida no estranxeiro (18,99%) e aínda que tamén Lugo, Vigo e Santiago superan o 15%, non son os concellos coas cifras máis altas. Cómpre destacar aquí os casos de Monforte, que dende o ano 2022 case duplicou a porcentaxe de poboación nacida fóra do Estado (do 12,5% ao 21,7%) ou o de Monterroso, que case a multiplicou por catro (de 5,4% ao 20%), ou o de Becerreá (do 5,98% ao 19,4%).