Cesado o concelleiro de Urbanismo de Baiona ao investigar Fiscalía a súa compatibilidade con ser construtor

Casa do Concello de Baiona © Concello de Baiona

O alcalde, o ex-conselleiro Almuiña, retira a José Ángel Bahamonde as competencias urbanísticas e o soldo pero manteno na Corporación coas áreas de Infraestruturas e Medio Ambiente tras coñecerse que está a construír vivendas turísticas na mesma vila

Hai un mes Faro de Vigo revelou que o concelleiro de Urbanismo de Baiona, José Ángel Bahamonde, do PP, estaba a construír na vila vivendas turísticas prefabricadas xunto cun ex-concelleiro de Vías e Obras. O alcalde, Jesús Vázquez Almuiña, conselleiro de Sanidade entre 2015 e 2020, asegurou inicialmente manter a súa confianza no seu edil e non ver incompatibilidade na súa situación. Pero este xoves anunciou o seu cesamento á fronte da área de Urbanismo tras abrir Fiscalía unha investigación penal para analizar a compatibilidade do cargo político co negocio privado.

O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, e o concelleiro José Ángel Bahamonde CC-BY-SA Concello de Baiona

Na súa comparecencia pública o rexedor popular detallou que el mesmo asumirá as competencias de Urbanismo mentres que Bahamonde seguirá conservando as de Medio Ambiente e Infraestruturas, pero xa sen soldo fixo, só polas súas participacións puntuais en órganos municipais, como o resto da Corporación. Almuiña tamén asegurou manter a súa confianza no seu edil e que o cambio só se produce para retirar "presión" ao departamento de Urbanismo, por respecto á investigación e polas dúbidas que a situación produce tamén na Secretaría municipal.

O edil informou oficialmente ao Concello das súas actividades privadas ao día seguinte de que se coñecesen e di que non sabía que o tiña que facer antes

O concelleiro investigado declarou pola súa banda que a súa actividade empresarial iniciouna cando xa formaba parte da Corporación municipal e que descoñecía que tiña que presentar nese momento no Concello unha declaración de intereses para analizar as posibles incompatibilidades, que cría que só debía presentar ao comezo e final do mandato. Esa declaración presentouna xusto un día despois de que Faro de Vigo revelase a súa condición simultánea de construtor.

Vista xeral de Baiona © Concello de Baiona

O alcalde asegurou que el mesmo non coñecía das actividades privadas como construtor do seu concelleiro ata que foron publicadas, momento no que el mesmo xustificaba a compatibilidade das mesmas co cargo público. O edil, pola súa banda, asegura que nunca deu trato de favor a ninguén. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.