A Audiencia de Pontevedra di que "o seu deber de abstención era incuestionable" pero pide "distinguir a ilegalidade do acto administrativo" do delito de prevaricación, que esixe unha inxustiza "clamorosa"
A Audiencia Provincial de Pontevedra fixo pública este xoves a absolución de Carlos Gómez, alcalde socialista de Baiona desde 2019 ata o pasado xuño, xulgado hai uns días por quitarse a si mesmo cinco multas de aparcamento. Gómez chegou ao xuízo acusado de prevaricación e falsidade documental e cunha petición da Fiscalía de 3 anos de cadea e 17 de inhabilitación. Pero despois a Fiscalía retirou a acusación de falsidade documental e agora a Audiencia de Pontevedra non considera probada a prevaricación.
Gómez foi multado por estacionar o seu vehículo nunha zona de carga e descarga sen deixar nel ningún distintivo. Despois alegou que posuía unha tarxeta de estacionamento autorizado nesa zona que esquecera colocar visible no coche, o que serviu como xustificación para a retirada das multas. Porén, o xuíz instrutor e inicialmente tamén a Fiscalía consideraron que a autorización fora falsificada e confeccionada a posteriori. Así o defendeu a Fiscalía inicialmente no xuízo, pero despois mudou a súa opinión e retirou a acusación por falsidade documental.
Sen esa acusación por falsidade, o xuízo quedou limitado ao delito de prevaricación. Pero na sentenza a Audiencia lembra que hai que "distinguir a ilegalidade do acto administrativo" do delito de prevaricación, que esixe cometer unha inxustiza "clamorosa".
Tamén foi xulgado un policía local como suposto colaborador na falsificación da autorización para aparcar que tamén quedou absolto
No caso xulgado a Audiencia di sobre a intervención do alcalde na tramitación das súas propias multas que "o seu deber de abstención era incuestionable". Pero en ausencia de falsidade na autorización para aparcar, cuestión que tras o cambio de postura da Fiscalía a Audiencia xa non xulga, a ilegalidade cometida xa non sería para o tribunal "patente, clamorosa e manifesta", como se esixe para o delito de prevaricación.
No xuízo tamén estaba acusado un policía local como suposto colaborador na falsificación da autorización para aparcar que tamén quedou absolto.