A Fiscalía pide 3 anos de cadea e 17 de inhabilitación para Carlos Gómez, ex-alcalde de Baiona do PSOE, por quitarse multas

Imaxe oficial de Carlos Gómez cando era alcalde Baiona polo PSdeG, entre 2019 e o pasado xuño © Concello de Baiona

O ministerio público di que o rexedor, agora deputado provincial, "con total desprezo do deber de abstención estimou as súas propias alegacións", baseadas en documentos falsos

Quen foi alcalde de Baiona entre 2019 e o pasado mes de xuño, Carlos Gómez, do PSdeG, agora deputado provincial, será xulgado esta próxima semana acusado de prevaricación e falsidade en documento oficial por quitarse multas de tráfico a si mesmo. A Fiscalía pide para Gómez 3 anos de prisión e 17 de inhabilitación para emprego ou cargo público. Ademais de Gómez tamén está acusado como cómplice o segundo responsable da Policía Local da vila.

Escrito de acusación da Fiscalía contra Carlos Gómez CC-BY-SA Praza Pública

Gómez chegou á alcaldía en 2019 cun goberno tripartito co BNG e un independente, Carlos de la Peña, que fora tamén alcalde polo PSdeG, e perdeuna nas municipais do pasado maio fronte ao ex-rexedor e ex-conselleiro de Sanidade Jesús Vázquez Almuiña, que recuperou o bastón de mando con maioría absoluta. 

Agora, sendo aínda deputado provincial, enfróntase esta próxima semana, o mércores e venres, ao xuízo que se celebrará na sección quinta da Audiencia Provincial, con sede en Vigo, tras sen encausado polo xulgado de Instrución número 2 de Vigo nun proceso aberto aberto tras unha querela da Fiscalía.

Tamén está acusado un mando da Policía Local como cómplice, para quen a Fiscalía pide catro anos e medio de inhabilitación e tres anos de cadea

Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, en maio e xuño de 2021 axentes da Policía Local de Baiona denunciaron en varias ocasións o vehículo de Gómez por estacionamento indebido en zona de carga e descarga na rúa Elduayen, a vía principal da vila, paralela ao seu céntrico paseo marítimo. O rexedor, "coa intención de eludir a sanción" e "posto previamente de acordo" co segundo mando da Policía Local, "aduciu que por razón do seu cargo posuía unha tarxeta de estacionamento autorizado que non colocara no vehículo neses días porque a esquecera noutro automóbil, achegando copia da suposta tarxeta, que foi elaborada ad hoc con posterioridade ás infraccións", asinada polo propio Gómez e polo outro acusado. Ademais, achegou un informe exculpatorio asinado polo mando da Policía Local.

Zona de carga e descarga da rúa Elduayen de Baiona na que estacionaba Carlos Gómez cando era alcalde © Google

Segundo a Fiscalía, "a tarxeta en todo caso era de estacionamento autorizado de acordo coa Ordenanza Municipal de Tráfico, polo que non ampararía o estacionamento en zona de carga e descarga senón só en espazos habilitados ao efecto, extremo sobre o que as alegacións [do acusado] e o informe gardan silencio". 

Finalmente, en agosto de 2021 o proio Gómez "asinou cinco resolucións distintas en idéntico sentido nas que con total desprezo do deber e abstención estimou as súas propias alegacións como denunciado e resolveu arquivar os procedementos sancionadores". 

A Fiscalía considera que estes feitos supoñen un delito continuado de prevaricación en concurso cun delito de falsidade en documento oficial por funcionario público. Por iso, pide para Carlos Gómez 15 anos de inhabilitación para emprego ou cargo público polo delito de prevaricación, e tres anos de cadea, multa de algo máis de mil euros e outros dous anos de inhabilitación polo delito de falsidade. E para o policía local solicita catro anos e medio de inhabilitación por prevaricación e tres anos de cadea e outros mil euros de multa por falsidade. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.