O xuíz instrutor ve delitos de prevaricación e falsidade no alcalde de Baiona por sacarse multas a si mesmo

Imaxe oficial do alcalde de Baiona, Carlos Gómez, do PSdeG © Concello de Baiona

Tras unha querela da Fiscalía, a investigación remata sinalando que o socialista Carlos Gómez validou as súas propias alegacións de que contaba cun permiso de aparcamento que o xuíz cre que puido falsificar coa axuda dun policía local

O Xulgado de Instrución número 2 de Vigo ditou este venres un auto no que dá por rematada a investigación que abriu, tras unha querela da Fiscalía, por presuntos delitos cometidos polo alcalde de Baiona, o socialista Carlos Gómez, no cargo desde 2019, por supostamente retirarse a si mesmo multas de tráfico da Policía Local. O maxistrado ve indicios de delito continuado de prevaricación e falsidade documental e propón procesar o rexedor e continuar a causa polo procedemento penal abreviado, co que pide ás partes que formulen en dez días escrito de acusación solicitando a apertura do xuízo oral ou ben o arquivo da causa. Ademais do alcalde, o xuíz tamén ve posible responsabilidade penal por un delito de falsidade documental dun axente da Policía Local. 

Auto do xuíz instrutor sobre o alcalde de Baiona © Praza Pública

O xuíz explica no seu auto que, tras as actuacións practicadas, se desprende de forma indiciaria que o alcalde de Baiona foi denunciado en cinco ocasións, entre o 30 de abril e o 9 de xuño de 2021, por axentes da Policía Local por estacionar un vehículo da súa titularidade “de forma indebida en zona de carga e descarga”. O investigado, no trámite de alegacións, segundo explica o instrutor, recoñeceu ser o condutor do turismo e alegou que posuía unha licenza de aparcamento que o autorizaba a estacionar nesa zona, pero eses días, segundo a súa versión, tíñaa colocada noutro vehículo.

“A licenza de aparcamento achegada para xustificar o devandito estacionamento podería carecer dos elementos esenciais de validez (número de expediente administrativo, data e prazo de expedición, etc.) e podería simular unha real, podendo ser creada para ese trámite de alegacións, de maneira que inducise a erro sobre a súa autenticidade”, di o xuíz, que engade que a Secretaría do Concello de Baiona “sostén que non consta ningún procedemento administrativo nin ningún tipo de expediente relativo á expedición da devandita licenza”. Esa licenza “aparentemente simulada e carente de elementos necesarios para a súa validez” sería asinada tanto polo alcalde como polo axente investigado, que naqueles momentos era o Oficial Xefe de Servizo da Policía Local, “podendo cooperar, polo tanto, ambos na elaboración de devandita suposta licenza”, di o xuíz.

O auto di que a pesar de que con carácter xeral se lles adoita requirir aos axentes policiais un informe de ratificación de todas as denuncias interpostas, neste caso “en ningunha das cinco denuncias se fixo, substituíndose devandito trámite por un informe do axente investigado”. 

Zona de carga de descarga da rúa Elduayen de Baiona na que segundo o auto xudicial estacionou o alcalde © Google

O auto di que o rexedor aceptou as súas propias alegacións "con total desprezo ao deber de abstención que existía, ao concorrer nel a condición de denunciado e alcalde"

Nese procedemento sancionador, di o auto, o propio alcalde, “con total desprezo ao deber de abstención que existía, ao concorrer nel a condición de denunciado e alcalde da localidade de Baiona”, asinaría o 23 de agosto de 2021 cinco resolucións distintas “acordando acoller as súas propias alegacións e arquivar todos os procedementos sancionadores por estacionamento indebido sen impoñerse a el mesmo ningún tipo de sanción, sendo tales resolucións notificadas ao seu propio domicilio en persoa, o 2 de setembro de 2021, e provocando, así, a finalización do procedemento”. 

O auto agora emitido non é firme e contra el pode presentarse recurso de reforma ante o propio xuíz ou de apelación ante a Audiencia Provincial. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.