"Botarlle unha man, unha vez máis, a todas as familias". Con esta frase presumiu a conselleira de Política Social, Fabiola Garcia, dos 2,6 millóns do programa Bono Concilia co que, segundo dixo na TVG, a Xunta "custea" ou "axuda a sufragar" os gastos que as familias realizan na contratación de campamentos, ludotecas ou persoal para facilitar a conciliación durante as vacacións escolares.
Fabiola García presume de que a Xunta "bota unha man a todas as familias" co Bono Concilia, que este ano deixa fóra milleiros de familias que optaron por campamentos municipais
O pasado 1 de setembro, o mesmo día no que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicaba as condicións para acceder ás axudas do Bono Concilia, cuxa solicitude abre o vindeiro 9 de setembro, García insistía na bondade e amplitude dun programa que non só non abrangue "todas as familias" senón que cada vez axuda a menos.
O DOG certificou, como avanzou a propia conselleira o 5 de agosto cos campamentos xa en marcha, que a diferenza de anos anteriores quedan excluídas destas axudas as familias que contratasen campamentos municipais ou doutras administracións e que só terán dereito a subvención as que contrataron campamentos privados.
A Xunta publicou as condicións de xeito retroactivo e só informou da nova restrición cando as familias xa contrataran o servizo, ao igual que sucedeu coas subvencións do pasado ano para mercar libros de texto, cando tivo que lexislar de urxencia logo de vetar os pagamentos en efectivos cando esas compras xa estaban realizadas.
A Xunta certificou as condicións retroactivas do seu Bono Concilia, meses despois de que as familias contratasen campamentos que en anos anteriores si tiñan dereito á subvención
Tal foi a sorpresa e o inesperado da decisión que durante o mes de agosto, e aínda agora, son varios os concellos que informan á veciñanza das vantaxes do Bono Concilia ou da apertura do prazo para solicitar axudas para sufragar o custo dos seus campamentos municipais ás que as familias xa non poden acceder.
Ademais, pais e nais continúan a recibir desde os concellos nestas semanas os xustificantes de pago dos campamentos municipais necesarios para demandar o Bono Concilia, malia que xa non o precisen ao quedaren estas iniciativas públicas fóra da axuda. Sen previo aviso e sen marxe de manobra para as familias que xa matricularan os cativos no verán, pero tampouco para aquelas que contaban coa posibilidade de axuda para as actividades organizadas para as vacacións de Nadal, do Entroido e da Semana Santa, tamén incluídas nesta programa.
"Os campamentos de verán son diversión, amizades e aprendizaxe", dixo o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o pasado mércores tras visitar un deles e gabarse da aposta "pola conciliación" do seu goberno, "reforzada co Bono Concilia Familia".
27.000 euros menos en axudas só en Brión
Son milleiros as familias afectadas pola restrición da Xunta en centos de concellos. En Brión, por exemplo, o BNG denunciou que foron 164, con 213 nenos e nenas, as que foron optaron por actividades municipais de conciliación polas que abonaron un importe medio de case 220 euros, cun gasto total que superou 35.000 euros. Segundo a formación nacionalista, a restrición aplicada pola Xunta supuxo un prexuízo de entre 165 e 220 euros por cada unha delas, deixando de percibir máis de 27.000 euros en axudas.
É só un exemplo. Só entre os concellos da Coruña e de Vigo supéranse as 10.000 prazas ofertadas, con prezos que van desde os 30 euros por dúas semanas ata máis de 100 por só cinco días. Foron centos os campamentos e miles as prazas que ofrecen os municipios galegos que xa non poderán ser subvencionados polo Bono Concilia, que pode chegar a sufragar ata o 75% do custo do servizo a cada neno ou nena, cun máximo de 200 euros.
A Xunta argumenta que os campamentos organizados polas administracións xa contan con subvencións para a súa propia celebración, polo que subvencionar tamén as familias suporía unha dobre axuda. Pero esta xustificación chegou cando boa parte das familias xa non tiñan outra opción porque xa contrataran os campamentos.
A decisión da Xunta provoca que moitos campamentos privados acaben resultando máis económicos para as familias que os públicos
Malia que os campamentos municipais adoitan ser moito máis económicos (e nalgún casos gratuítos) que os organizados por empresas, institucións ou colexios privados,tamén poden supoñer un desembolso importante, especialmente en familias con varios fillos. Ademais, a opción fóra da pública supón un gasto importante e dunha soa vez que non todos os pais e nais se poden permitir.
A situación é tal que en moitas cidades un campamento organizado por unha entidade ou colexio privado acaba custando ás familias menos que o campamento municipal e máis económico. Pasa nalgunha urbe galega, onde os 140 euros semanais por dúas semanas nun centro escolar concertado pode quedar en menos de 40 para os pais e nais fronte aos máis de 50 das actividades municipais do mesmo barrio. A exclusión de milleiros de nenos e nenas das axudas facilita, ademais, que todas as solicitudes de axuda sexan agora aceptadas.
O prazo para solicitar o bono comezará o vindeiro mércores 9 de setembro ás 9 da mañá, xusto no momento en que comeza o primeiro día do curso escolar. Rematará un mes máis tarde, o 9 de outubro, pero as axudas outórganse ata que se esgotan os cartos, non ás familias máis necesitadas senón ás máis rápidas.