"Privatizador e clasista": BNG e PSdeG denuncian a exclusión dos campamentos municipais do Bono Concilia

A conselleira Fabiola García, durante unha visita a un campamento de verán CC-BY-SA Xunta

A decisión da Xunta de excluír os campamentos municipais do programa Bono Concilia Familia, axudas ás familias para sufragar recursos para a conciliación e a atención dos seus pequenos, provocou o rexeitamento de pais e nais e tamén da oposición parlamentaria. BNG e PSdeG coinciden en cualificar como "privatizadora" e "clasista" esta medida do Goberno galego, ao que sinalan por "prexudicar" milleiros de familias, nomeadamente as traballadoras e con menos recursos. 

Desde o BNG, a súa portavoz de Infancia e Familia no Parlamento, Ariadna Fernández, asegura que o "afán privatizador e excluínte" da Xunta "non é un segredo para ninguén porque hai moitos exemplos", pero advirte de que o caso do Bono Concilia Familia "é máis indignante" por afectar "centos e centos de familias que van quedar fóra das axudas ou quedaron fóra porque non tiveron a información necesaria". 

Ariadna Fernández, deputada do BNG, no Parlamento CC-BY-NC-SA BNG

Así, a deputada nacionalista acusa o Goberno galego de "falta de transparencia e falta de responsabilidade coa conciliación das familias". "Que tantas queden fóra desta axuda e sexan prexudicadas ao optaren por campamentos municipais di moito da actitude e do plan que ten Alfonso Rueda para o noso país", insiste quen cualifica a decisión como unha nova mostra do "menosprezo aos servizos públicos fronte ao privado". "Xa non sorprende pero, en casos como este, aínda se agrava", engade. 

O BNG advirte da "falta de transparencia e responsabilidade da Xunta" por unha decisión que cre outra mostra do seu "menosprezo aos servizos públicos"

Desde o PSdeG, o seu voceiro de Educación no Parlamento, Aitor Bouza, manifestou que a decisión da Consellería de Política Social demostra "unha vez máis" que o modelo do PP aposta “por subvencionar o ámbito privado en detrimento do público” a través dunha política “clasista” que vai “contra a clase traballadora”.

Ademais, advertiu de que a decisión —anunciada por sorpresa e malia que os campamentos municipais foran sempre incluídos nas axudas— supón un “ataque frontal” ás familias que quedan sen axudas. Ante iso, Bouza adiantou que a portavoz socialista de Política Social, Silvia Longueira, presentará proximamente iniciativas parlamentarias contra o “modelo privatizador” do Goberno de Rueda. “Rueda aposta polo Galicia Caridade para que os galegos e as galegas teñan que pedir esmolas en vez de ter dereitos”, criticou en referencia ao xeito no que o PP está xestionando axudas de carácter social, a base de bonos.

Tamén Sumar Galicia pediu á Xunta que "rectifique" e "inclúo os campamentos e as ludotecas publicas no Bono Concilia". "Se a Xunta continúa incentivando unicamente a oferta privada, moitas familias veranse obrigadas  abandonar os servizos municipais", advertiu o seu secretario xeral, Paulo Carlos López. 

Foi o pasado mércores cando a Consellería de Política Social anunciou que decidira excluír os campamentos municipais destas axudas, detallando unha das novidades que terán as bases do programa, aínda non publicadas, e cuxo prazo para solicitar o bono non se abrirá ata os primeiros días de setembro

O PSdeG anuncia iniciativas parlamentarias contra o "modelo privatizador" da Xunta: "Aposta pola 'Galicia Caridade; pedir esmolas en vez de ter dereitos"

Coincidiu, ademais, na semana na que moitos dos campamentos municipais envían ás familias os xustificantes de pagamento e asistencia dos seus fillos e fillas durante os meses de xuño e xullo, documentación necesaria para poder optar ao bono. Pero tamén con publicacións de moitos concellos que advertían á súa veciñanza da posibilidade de acceder ás axudas para sufragar as actividade organizadas por eles pero que, en realidade, xa non están incluídas no programa. 

A Consellería de Política Social xustifica o cambio no seu intento para evitar un dobre financiamento porque, aclara, "os campamentos municipais tamén son financiados a través do Plan Corresponsables da Xunta de Galicia". Refírese ao plan de subvencións para iniciativas de conciliación, sufragada nun 75% con fondos do Estado e nun 25% con fondos autonómicos. Ademais, este plan céntrase nos concellos pero abrangue tamén as ANPA e entidades sociais, cuxas actividades si poden acollerse aos descontos do Bono Concilia Familia. 

Aitor Bouza, deputado do PSdeG no Parlamento de Galicia CC-BY-SA PSdeG

A Xunta destina 2,6 millóns de euros a este programa e a contía das achegas ás familias, que pode chegar a cubrir o 75% do custo, "pode ser de ata 500 euros para as que contraten un servizo de coidado a domicilio ou de ata 200 euros para aquelas que leven aos seus fillos a recursos e actividades de conciliación". "Como campamentos ou ludotecas, excluídos os financiados por administracións públicas", engade Política Social nun punto que é a clave.  

Política Social decidiu excluír os campamentos municipais das axudas do Bono Concilia, que ata agora só deixaban fóra os organizados pola propia Xunta

Ata agora, tal e como se pode ler na orde das bases do programa Bono Concilia Familia do pasado ano, a subvención cubría a "asistencia a campamentos ou outros recursos de conciliación colectivos especificamente organizados por calquera persoa física ou xurídica, pública ou privada, para a atención dos nenos e nenas nos períodos de vacacións escolares". E só incluía unha excepción: os campamentos de verán organizados pola Xunta, que abranguen rapazada de entre 9 e 18 anos con 12.000 prazas para actividades entre xuño e setembro. 

A noticia chega, ademais, logo de que as familias formalizasen xa hai moitas semanas a matriculación nestes campamentos de verán e moitos meses despois de que contratasen os servizos doutras actividades municipais para a conciliación que tamén estaban incluídas ata agora no Bono Concilia. As destinadas ás vacacións de Nadal, Semana Santa ou a outros períodos sen actividade lectiva. 

A Consellería, consultada por este diario sobre os prazos, limítase a lembrar que "a data da convocatoria para solicitar a axuda do Bono Concilia Familia é a mesma que o ano pasado: setembro". Coa diferenza de que moitas familias que contaban coa posibilidade da axuda doutros anos veñen de decatarse de que xa non a terán. 

O anuncio da exclusión dos campamentos municipais chegou antes de publicarse a orde e semanas despois de que as familias matriculasen os fillos

Porque con esta medida, o Goberno galego deixa fóra da subvención a milleiros de familias que optan polos campamentos municipais, que adoitan ser moito máis económicos (e mesmo nalgún caso gratuíto) que os organizados por empresas, institucións ou colexios privados, pero que tamén poden supoñer un desembolso importante, especialmente en familias con varios fillos. 

Abonda o exemplo de varias familias que adoitan optar polas actividades que ofrecen os seus concellos nunha urbe galega. Sumando os campamentos de Nadal e de verán, o custo por cada fillo ou filla pode ascender a entre 130 e 200 euros dependendo das necesidades, ás que moitas veces hai que sumar outras alternativas para períodos lectivos sen actividades extraescolares, como o mes de setembro. 

Campamento de verán no Concello de Ourense CC-BY-SA Concello de Ourense

O acceso á axuda permitía un aforro a estes pais e nais de ata un máximo de entre 97 e 150 euros nestes casos, unha achega coa que moitas contaban ao optar polos campamentos municipais, quer por unha maior querenza cara a estas actividades impulsadas desde o público, quer pola imposibilidade de abonar de vez cantidades que noutros campamentos son moito maiores. De entre 75 euros e ata 200 euros á semana, collendo como exemplo opcións en centros educativos concertados e entidades que ofrecen cursos de hípica ou surf, todas elas incluídas no Bono Concilia Familia. 

"Sospeitas de fraude e de información privilexiada"

Así, como advirten varias familias, a concesión do bono permite que o custo dalgúns campamentos para moitas familias pase deses 75 ou 200 euros semanais a algo menos de 20 ou 50, cantidades menores aos de moitas opcións impulsadas por administracións públicas. 

A polémica, que se agudizou con esta nova medida da Xunta, vén de lonxe. Xa o pasado mes de marzo, o PSdeG demandou un cambio na adxudicación do Bono Concilia para "evitar as sospeitas de fraude e de información privilexiada". Silvia Longueira denunciara que o programa de 2025 esgotou os 2,6 millóns de euros cinco días antes de que rematase o prazo de solicitude. "Funciona como un bingo de sobremesa, onde só ganan os que chegan primeiro", advertía. 

Longueira defendeu unha proposición non de lei para reformular o sistema de concesión destas axudas instando á Xunta a implantar, xunto aos concellos, "un programa estable con baremos que garanta a concorrencia competitiva, fronte ao actual modelo onde os cartos se reparten por orde de chegada".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.